24/02/19

24 de febreiro: DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO



O venres 22 de febreiro, o IES de Melide uniuse á convocatoria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega para conmemorar o Día de Rosalía de Castro coa lectura dun manifesto no que queda patente a vixencia das demandas feitas por Rosalía  ante as inxustizas socias que se vivían no século XIX. Pancartas con algúns dos seus versos poderían estar presentes en moitas das manifestacións de hoxe en día.
Pulsa aquí para ler o  manifesto.
Durante o recreo puidemos escoitar poemas de Rosalía de Castro musicados por diferentes grupos de pop e rock galegos.




MAN-FESt-ACCIÓN polo Día de Rosalía de Castro by Slidely Slideshow

22/02/19

22 de febreiro: ENCONTRO LITETARIO CON LEDICIA COSTAS


Desde o departamento de Lingua e Literatura Galega e a biblioteca Xaquín Yebra, xestionamos a solicitude do programa Encuentros Literarios  2019 da Subdirección General de Promoción del Libro, la Lectura y la Letras Españolas. Estre programa consite nunha charla coa autora  elexida sobre unha das súas obras, seguida dun coloquio co alumnado.
A nosa solicitude foi atendida e hoxe  venres 22 deste mes contamos coa presencia de Ledicia Costa no noso instituto para intercambiar impresións sobre o seu libro "O corazón de Xúpiter" co alumando de 2º de ESO. 




Encuentro literario do alumnado de 2º ESO con Ledicia Costas by Slidely Slideshow

21/02/19

21 DE FEBREIRO: DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2000 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.
A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.
E nós, no IES de Melide celebrámolo así:



Sonia Iglesias Castro de Slidely by Slidely Slideshow

I CONCURSO DE VIDEOPOEMAS


11/02/19

11 de febreiro: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA


No traballo de fin de máster  en Formación de Profesorado de Educación Secundaria pola Universidade de Cantabria  durante o curso académico 2016-2017 de Inmaculada Gutiérrez Pereda ,Mujeres inventoras , mujeres ingenieras. Female inventors, female engineers, queda patente a escasa ou nula presencia das mulleres inventoras do pasado e do presente nos libros de texto de tecnoloxía. Na Comunidade Valenciana, na análise feita destes libros entre os anos 20108 e 2011, só aparecen os nomes de Ada Byron e Grace Murray Hopper. Nos libros de  tecnoloxía da ESO máis actuais comprobouse que non se fixo efectiva nin a incorporación de científicas nin de inventoras (menor do 1% o número de inventoras nomeadas, e inferior ó 5% as imaxes mostradas das mesmas). Puidose tamén  constatar que non aparecen nos libros de historia da tecnoloxía, e nos de patentes, as súa presencia é moi reducida .
Este traballo aborda e analiza distintos estudios realizados por diversos autores que avalan a necesidade de crear materiais didácticos novos para sacar do esquecemento as figuras inadvertidas e ocultas de mulleres inventoras. Desta forma auméntase o interese das rapazas cara a tecnoloxía, e reafírmase a súa autoestima e confianza, incrementándose o seu rendemento escolar.
Desde a biblioteca queremos contribuír a visibilización destas mulleres coa formulación do xogo “Cada ovella coa súa parella”, no que hai que asociar a cada unha das mulleres inventoras da nosa selección  co seu invento, cuxa imaxe aparece no póster ou unha pista visual sobre este.
Anímate a participar cubrindo a táboa que se adxunta no enlace  coas túas respostas. Tamén a través da suxestión doutras inventoras que poderían completar o noso póster a través do blog ou no taboleiro da biblioteca.



Enlace para cubrir o cuestionario.

03/02/19

HOLOCAUSTO: LECTURAS E PELÍCULAS

A continuación, unha escolma de novelas, cómics e películas sobre o holocausto que podes atopar na biblioteca.

Hecho con Padlet

27/01/19

DÍA INTERNACIONAL EN MEMORIA DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO

O 27 de xaneiro celébrase o DÍA INTERNACIONAL EN MEMORIA DAS VÍTIMA DO HOLOCAUSTO E A PREVENCIÓN DOS CRIMES CONTRA A HUMANIDADE.

Na biblioteca sumámonos a esta conmemoración cunha mostra de libros e películas sobre o Holocausto. A mostra complétase coa magnífica  exposición Autschwitz, a necesidade de lembrar elaborado pola Biblioteca Antón Losada Diéguez (A Estrada), e cunha  escolma de poemas e debuxos d@s nen@s do campo de concentración de  Terezín  feita desde a nosa biblioteca.





Ó longo desta  semanas publicaranse neste blog unha entrada coa escolma de libros e películas sobre o holocausto que forman parte da mostra que atoparedes a partir de mañá na biblioteca.

Se queredes saber máis do Holocausto, ademais da wikipedia tedes unha información ampla e rigorosa na páxina de UNITED STATES HOLOCAUSTMEMORIAL MUSEUM, na do YAD VASHEM (museo do holocausto en Israel) ou na páxina da USC Shoah foundation (fundación creada por Steven Spielberg para gravar testemuñas de sobreviventes e testemuñas do holocausto). 

Na páxina LECTURASDELHOLOCAUSTO.COM poderedes  atopar unha selección amplísimas de libros e películas sobre o holocausto, o contexto histórico no que se produce, a Europa de entreguerras, etc ordenados por temas e comentados. 


16/12/18

AGASALLA UN PRÉSTAMO ESTE NADAL

SEGUE O CONSELLO DO APALPADOR


AGASALLA A LECTURA DUN LIBRO 
OU O VISIONADO DUNHA PELÍCULA 
DA BIBLIOTECA!!!

1.- Escolle un libro ou DVD da biblioteca pensando na persoa á que queres agasallar.

2.- Este libro ou DVD SERÁ REXISTRADO NO SISTEMA DE PRÉSTAMO Ó TEU NOME.

3.- O PRAZO DE DEVOLUCIÓN REMATA O LUNS 14 DE  XANEIRO.

4- A semana que vén (do 17 ó 21 de decembro) podes achegarte á biblioteca a envolver ou adornar os teus agasallo- préstamo de forma económica e ecolóxica (con xornais, partituras, mapas ou calendarios vellos, papeis usados, lazos, ...)

04/12/18

ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO DE CARTEIS POLO 25 N

Este é o primeiro ano que convocamos un Concurso de carteis  polo 25 N,  carteis nos que imaxes e lemas tiñan que xirar en torno a violencia contra as mulleres, ou ben a non violencia ou como debe ser un bó trato en calquera relación. Aínda que non foron moitas as persoas participantes, estamos moi contentas coas calidade dos traballos presentados.

Parabéns as persoas gañadoras e moitas grazas as todas as participantes!!!







30/11/18

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

Os departamentos de Tecnoloxía   e Bioloxía converteron os corredores do noso centro, durante o recreo, nun concorrido laboratorio no que brillantes científicos de 1º e 3º  de ESO e de 1º de Bacharelato, realizaron os seguintes experimentos:



Programa do Día da ciencia en galego2018 

O alumnado de 4º de Matemáticas Orientadas ás Ensinanzas Aplicadas elaborou coaborativamente a seguinte presentación sobre Arquímedes, científico homenaxeado este ano:





25/11/18

NOVIDADES NOVEMBRO



23/11/18

ENTREGA DE PREMIOS DO CERTAME LITERARIO " RELATOS TERRORÍFICOS" SAMAÍN 2018

Como en anos anteriores, desde Vicedirección, Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística, o departamento de Lingua e Literatura Galega e a Biblioteca, fixemos unha convocatoria do Certame Literario "Relatos Terroríficos" para o alumnado de 1º e 2º de ESO polo Samaín.

Este ano recibimos moitos relatos e a decisón de seleccionar só tres non foi nada doada. Menos mal que contamos coa inestimable axuda do alumnado de Literatura Galega do século XX que fixo de xurado. Queremos agradecerlle o seu difícil labor e esperamos contar con eles noutros certames.


Tamén queremos darlle as gracias  ao profesorado de Lingua e Literatura Galega de 1º e 2º ESO por animar ao seu alumnado a participar neste concurso.

Parabéns ás gañadoras!!!

Primeiro premio: Os irmáns Morgan, de Belén Agra Parrado (2º ESO)
Segundo premio: Voces, de Omaira Vidad Vidal (2º ESO)
Terceiro premio: Unha mensaxe para Uxía, de Saínza Rúa Gómez (1º ESO)


E para finalizar, estes son os relatos. Morrede de medo coa súa lectura!!!


28/10/18

NOVIDADES DE OUTUBRO


14/10/18

DÍA DAS ESCRITORAS

 Día das Escritoras é  unha conmemoración promovida por la Biblioteca Nacional de España coa  Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a  Asociación Clásicas e Modernas que, desde o ano 2016, busca reivindicar o labor e o legado das escritoras ao longo da historia.


    A Biblioteca Xaquín Yebra do IES de Melide súmase a a esta iniciativa facendo unha selección de escritoras  cuxa obra literaria podedes atopar entre os seus fondos.

    No taboleiro enfrente da biblioteca están os seus nomes, as súas imaxes e o título dun dos libros de cada unha delas. Propoñémosche un reto: unir cada imaxe co seu nome e o libro que escribiu. 




  Entra na biblioteca, bota unha ollada a mostra bibliográfica que temos preparada para esta conmemoración e aproveita para levar un libro escrito por unha muller. 

    Por outra banda, somos moi conscientes de que esta lista está viva  e debe seguir ampliándose, polo  que iremos aumentándoa coas vosas propostas.

   E para ti, que escritora non debería faltar na nosa selección? Deixa nesta entrada as túas suxestións e un comentario contándonos que libro levas a casa para conmemorar o Día das Escritoras.




30/09/18

NOVIDADES DE SETEMBRO


16/09/18

BENVIDAS!


A biblioteca do IES de Melide Xaquín Yebra davos a benvida ó novo curso a todos os membros da comunidade educativa, e espera a vosa valiosísima colaboración e participación na proposta e desenvolevemento das actividades que levaremos a cabo neste curso 2018-19.

E sen perder máis tempo, comezamos coa primeira! Unha sopa de letras na que intentamos recoller aquilo que pretendemos que a Biblioteca do noso instituto aporte a cada unha das súas usuarias. Seguro que se nos quedaron cousas no tinteiro. Se caes na conta dalgunha, non tes máis que dicírnolo, tal como se indica abaixo.



Sopa de letras: BIBLIOTECA ESCOLAR PARA... 

Podes descargar aquí a sopa de letras:
https://drive.google.com/file/d/1uffW9AMdvi8j_GLEvylJgq8F7-gJTwCA/view?usp=sharing


25/06/18

A PRESENZA FEMININA NO RUEIRO DE MELIDE

O alumnado de 3º de ESO de Xeografía e Historia colleu un rueiro da vila de Melide e contou o nome de rúas con nome de muller: só 15. Tamén fixo un traballo de investigación  sobre cada unha destas mulleres: Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Maruja Mallo, ...
Propuxeron ao Concello mulleres relevantes, preferiblemente da Terra de Melide ou de Galicia, para darlle nome ás rúas e prazas de Melide.
Este traballo iniciouse no mes de marzo, dentro do programa de actividades para a conmemoración do Día Internacional da Muller, co obxectivo de visibilizar a escasa presenza das mulleres tamén nas nosas rúas, e reividincar o seu papel fundamental na educación, literatura, artes, política, .... Está presente, de novo, o tema de traballo deste curso da biblioteca: Anómim@s.


MÚSICOS ANÓNIMOS

Aquí temos un traballo máis relacionado co tema deste curso da biblioteca: Anónim@s. O alumnado de 2º ESO investigou sobre a existencia de familiares, coñecidos, veciños, amigos, ... que tiveran algunha vinculacion coa música ( tocar algún instrumento, cantar, facer instrumentos, pertencer a algunha agrupación musical), buscou unha foto de cada unha desas persoas  e elaborou unha pequena biografía na que quedaba patente a súa relación coa música.
Presentaron o resultado do seu traballo nun pentagrama situado no corredor de 2º . Unha orixinal maneira de dar a coñecer ás persoas  que tiveron e teñen un papel fundamental no legado musical da Terra de Melide.




MOBLES ANÓNIMOS

Velaí o traballo do Ciclo de Madeira relacionando co tema de traballo deste curso na biblioteca Anonim@s. Nel recóllense historias de mobles antigos, algúns herdados, que que forman xa parta da nosa vida, ben porque están na nosa casa, ben porque coñecemos o seu pasado.
Fronte a estes mobles, realizados todos eles por ebanistas e carpinteiros descoñecidos, aparecen outros mobles, modernos e de deseño, que si teñen "nome" e incluso podemos ver a imaxe do seu creador ou creadora. Estilos moi diferentes, pero unha mesma función: vestir as nosas casas, gardar as nosas cousas ou, o máis importante, facer a nosa vida máis cómoda.

19/06/18

BOAS LECTURAS E BOAS VACACIÓNS!

Co gallo do seu peche de verán, a Biblioteca Xaquín Yebra do IES de Melide  non quere que ninguén se quede sen lecturas para gozar nos longos días estivais. Por iso cada usuario pode levar ata un máximo de 25  recursos (pelis, cómics, música, novelas, ...) ata a primeira semana do curso 2018-19.
Queremos que en verán  os libros non se queden na biblioteca, senón que podan ser lidos durante eses días por os nosos usuarios, así que, animádevos a escoller as vosas lecturas de verán!





11/06/18

POETÍZATE EN GALEGO

O alumnado de Literatura Universal e Artes Escénicas de 1º de Bacharelato deleitounos a finais de maio  cun maravilloso recital de poesía en galego.

Este recital comezou cunha pequena mostra do panorama poético actual en Galicia coa escolma de seis mulleres poetas, galegas e novas: Alicia Fernández, Andrea Nunes, Berta Dávila, Lara Dopazo, Oriana Méndez e Celia Parra.

Na segunda parte, o alumnado carcaterizouse e recitou unha escolma de poesía universal desde a antigüedade ata o século XX en galego.

Agora comparten con todos nós , a través deste enlace. a presentación elaborada por eles cos poetas e poemas escollidos para o recital:

POETÍZATE! EN GALEGO!





07/06/18

MAGNÍFICO AGASALLO


Na semana pasada, na biblioteca Xaquín Yebra recibimos a visita de Marta Sánchez Villarabide, exalumna do IES de Melide, que viña taernos un agasallo precioso: o primeiro CD do seu grupo, Cuarta Xusta, cunhas fermosas dedicatorias de tod@s @s seus compoñentes.
O grupo Cuarta Xusta estreouse no 2016 no festival Presume de Galego, que organiza o ENL do IES de Melide e que xa está institucionalizado como evento cultural que se celebra o último venres de xaneiro.
Ademais de Marta (violín), o grupo está formado por Aida López Costa (voz), tamén exalumna do IES de Melide, Alba Vilariño Silva (baixo), Lúa Aguete (batería) e Alberto García Diéguez (guitarra). Comezaron versioneando temas, pero conseguiron crear temas propios e gravar o seu primeiro traballo, Un novo espertar.
Para o ENL e a biblioteca do IES de Melide é unha honra ter aportado o noso gran de area para que este grupo saíse adiante. Resultados tan brillantes como este anímannos a seguir convocando máis festivais e seguir fomentando a música en galego.
Deixámosvos cun dos temas deste traballo que Cusrta Xusta interpretou no programa Luar da TVG. Os nosos máis sinceiros parabéns, quedamos convertido@s en fans incodicionais.


21/05/18

17 de MAIO: DÍA DAS LETRAS

Son varias as actividades que ao longo da semana fixéronse no centro para conmemorar o día das Letras.

Empezamos a semana coa asistencia do alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato a unha representación teatral  en Santiago  de Compostela baseada  na obra Anagnórise  de María Victoria Moreno, escritora homenaxeada este ano. Este libro fora previamente lido e traballado polo alumnado asistente. 


O martes, membros dos clubs de lectura Papalibros de alumnas e adultas participamos, xunto con alumnado e profesorado do IES Camilo José Cela de Padrón, nun roteiro literario pola Ribeira Sacra guiado polo escritor Xabier Quiroga. O itenerario discorreu por diversos lugares do entorno do Miño que o escritor utiliza como escenarios da súa novela Izan o da saca, inspirada nas rutas que utilizaron numerosos responsables do réxime nazi para esconderse en España, e fuxir despois da derrota alemá na Segunda Guerra Mundial. Visitamos o Ecomuseo de Arxeriz,  vimos a igrexa de San Martiño da Cova, comemos e, algúns bañáronse, na praia da Cova, e fixemos un percorrido a pé que nos levou á fervenza de Augacaída e ao castro de Merce.  Foi unha xornada espectacular a nivel paisaxístico e literario! E foi un pracer compartila con Xabier Quiroga e os profesores e alumnos do IES Camilo José Cela!

...

O mércores, alumnado de 1º de bacharelato B coordinado por Marga Quintela, deleitounos con intervencións de microteatro  nas aulas cunha adaptación dun texto de Sachu Sende titulado "Actitudes da mocidade ante o galego".

Ao final da representación, EDNL  do IES deMelide agasallounos cunha díptico sobre a vida e obra de María Victoria Moreno, e un subliñador co lema "Coloréaa, ilumínaa,... que curusque a túa lingua".







O venres, alumado de 4º e 1º de bacharelato puido  disfrutar do recital en galego dunha escolma de poemas da Literatura Universal  feita polo alumnado de  da Literatura Universal  e artes Escénicas de 1º de bach. O alumnado caracterizouse  dos poetas e poetisas cuxos poemas recitaron.

Durante toda a semana  contamos no centro coa  exposición "Sombra e Luz"  elaborada polo IES Torrente Ballester de Pontevedra e gañadora do concurso das Letras Galegas 2018. Esta exposición fai un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra da autora María Victoria Moreno. 















O alumnado de 1º de bacharelato de TICs elaborou este gif animado con todos os homenaxeados o Día das Letras desde o ano 1963, ano no que se iniciou esta conmemoración.

13/05/18

A BIBLIOTECA XAQUÍN YEBRA PARTICIPA NUN CURSO DO CFR DE A CORUÑA

O pasado luns fomos invitadas a participar no curso "Bibliotecas Escolares, Centro de Recursos de Información " para contar a nosa experiencia sobre a elaboración e desenvolvemento do Proxecto lector no  IES de Melide. Compartimos a sesión con Beatriz, responsable da biblioteca do  CEIP Francisco Vales Villamarín, que nos explicou un interesantísimo  e precioso proxecto, "Descubrindo as cores do mundo. Unha viaxe en globo",  que desenvolveron o curso pasado en colaboración coa EEI de Fontelo e coa EEI de Coirós de Arriba, e  que recibiu o premio na modalidade  Proxectos de Investigación Intercentros.
Foi unha  moi boa oportunidade para intercambiar experiencias con  compoñentes de equipos de bibliotecas escolares de diferentes centros da provincia de A Coruña.
Esta foi a presentación que levamos e coa que intentamos amosar que facemos e como traballamos no centro para fomentar a lectura, a escritura e as habilidades de uso, tratamento e produción da información en apoio á consecución das competencias claves por parte do alumnado, incidindo  en que a clave de todo este proceso está en que a biblioteca Xaquín Yebra é un proxecto de moit@s.
GRACIAS POLA VOSA COLABORACIÓN!


07/05/18

O 68 EN COMPOSTELA

O 68 cambiou o mundo; de París a Praga, e de Berkeley a México, e tamén en Galiza. Ou mellor dito, antes en Galiza. En febreiro a universidade estoupou en mobilizacións masivas, tendo en conta súa aínda reducida dimensión, con peches e folgas que marcaron a toda unha xeración e que fixeron que nos anos vindeiros xa nada fose o mesmo.
Desde o IES Melide o departamento de Xeografía e Historia, en colaboración cos departamentos de Francés e Música, quixo conmemorar o 50 aniversario deste feito histórico cunha serie de actividades que comezaron a finais de abril e continúan ao longo deste mes de maio:

1.- Charla "Maio do 68 en Compostela"


Ricardo Gurriarán, doctor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela, estivo o martes 24 de abril co alumnado de 1º de bacharelato que cursa a materia Historia do Mundo Contemporáneo para explicar como se desenvolveu e viviu o maio do 68 en Compostela.


2.- " Do Gaudeamus Igutur ao Venceremos Nós"

Desde o 7 de maio ata finais deste mes podemos disfrutar desta exposición da Fundación 10 de Marzo, exposición na que se reconstrúe  os acontecementos estudiantís do curso 1967/68 contra a ditadura, pola  loita polas liberdades e a representación democrática. 
A exposición comeza coa explicación do que era a cidade de Santiago e a Universidade baixo a ditadura franquista e a análise dos elementos que promoveron as revoltas estudiantís posteriores: a cultura oficial e a cultura  alternativa, a presencia de forzas clandestinas antifranquistas, ...
A continuación, explica detalladamente as mobilizacións estudiantís  do curso 1967/68: desde a solidaridade galega ata o nacemento de Voces Ceibes; desde as asambleas universitarias ata o peche da Facultade de Filosofía e Letras; desde a represión sobre os líderes estudiantís ata a actitude do profesorado.




3.- Consignas do Maio do 68 francés.

En Universidades, barrios obreiros, prazas públicas e rúas do centro  contábanse por centos as consignas convertidas en grafitis, a través das que nos chegan os aires de revolución que se respiraban no maio francés. O alumnado de 4º de ESO  de Francés reproduciu algunhas destas consignas en carteis. 


4.- Banda sonora do Maio do 68.

Esta é a selección de cancións   que marcaron ou se inspiraron neste movemento feita polo alumnado de 4º de ESO de Música:
- Ahir (diguem no) de Raimon
- Al vent de Raimon
- Avec les temps de Léo Ferré
- Blowing in the wind de Bob Dylan
- Ma liberté de George Moustaki
- Il est 5 heures, París s´éville de Jacques Dutranc
- 1968 de Joaquín Sabina
- Piece of my heart de Janis Joplin
- La mala reputación de Paco Ibáñez
- Galicia Terra Nosa de Los Tamara
- L´estaca de Lluis Llach
- Papá, cuéntame otra vez de Ismael Serrano
- S´en va anar de Salomé
- Sympathy for the devil de The Rolling Stones
- I can´t get no de The Rolling Stones
- Eu son a voz do pobo de Voces Ceibes
- Venceremos de Voces Ceibes
- Longa noite de pedra de Voces Ceibes
- María soliña de Voces Ceibes








26/04/18

23 DE ABRIL:DÍA DO LIBRO

Para conmemorar o día Internacional do Libro, tivemos unha edición máis da Feira do libro usado.


O alumnado de Literatura Universal de 1º de Bacharelato montou  unha  marabillosa exposición do  produto final dun amplo traballo de investigación sobre as obras anónimas desde a Antigüedade ata o Lazarillo de Tormes. Elaboraron tamén un cuestionario para guiar o visonado desta exposición.


Desde a biblioteca fixemos unha selección de obras escritas baixo pseudónimo ou heterónimo na Literatura Universal dos séculos XVIII, XIX, X e XXI, do que tamén hai cuestionario.


O alumnado de 4º de ESO de TICs compartiu con nós o seu perfil literario.