21/02/09

AMORES.....

Co gallo do día dos namorados, dende a biblioteca, impulsouse a reflexión sobre o que xurde inmediatamente en nos, cando pensamos no amor de parella: o máis probable é que imaxinemos uns mozos guapos , de "anuncio", nunha actitude amorosa. Isto é o que estamos afeitos a ver, nesta sociedade nosa, que prima, por riba de todo, os valores da xuventude e a beleza. Pareceríanos igual de "normal" ver a unha parella de anciáns namorados, bicándose pola rúa..... ou serían motivo dun sorriso pola nosa parte?.
Esta non é só unha reflexión de hoxe. Xa Castelao en "Cousas", recrea nun pequeno relato o amor apaixoado e silencioso de dous vellos , amor que vai máis alá da morte. Pensamos que pola súa beleza e sensibilidade, cómpre reproducilo neste espazo.

DOUS VELLOS QUE TAMÉN TIVERON MOCEDADE

"Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron amándose tolamente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viviron escoitando o rechouchío dun xílgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.
Antonte leváronlle o viático ó vello e onte morreu. A compañeira dos seus días visteuno, afeitouno e púxolle as mans en cruz.
Hoxe entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta da casa e, coa voz amorosa dos días de mocedade, despideuse do seu compañeiro:
-¡Deica logo, Eleuterio!
E os veciños que acudiran ó espeutáculo tapáronse as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ó casino, e o "deica logo Eleuterio" xa se convirteu en motivo de risa.
Todos, todos, se riron e ninguén se decata con que delor a vella namorada chamará pola morte nesta noite de inverno."


19/02/09

DIA DOS NAMORADOS

Na biblioteca do IES de Melide celebrouse o día dos namorados co tradicional concurso de cartas de amor , pero cunha variación sobre os destinatarios: desta vez, estes tiñan que ser personaxes literarios, cinematográficos ou televisivos.
O remitente tiña que poñer o seu nome máis un pseudónimo con vistas á posible publicación.
Por outra banda, organizouse unha pescuda de parellas de namorados históricos, cinematográficos ou televisivos: cunha imaxe e unhas poucas pistas , os alumnos debían adiviñar a súa identidade. Aquí temos un exemplo do noso traballo.
"Ela é unha moza fermosa, rica e caprichosa que fará todo o posible para conseguir o amor del.
El é un mozo sinxelo, de carácter bo e débil. Sente unha forte atracción por ela , pero casará coa súa curmá, por sentido do deber.
Un segundo home está perdidamente namorado da moza, pero este é un amor non correspondido.
A historia ten lugar durante a Guerra de Secesión americana."
No soporte de cortizo da biblioteca expúxose unha “miniescolma” con poemas moi coñecidos, representativos do amor e o namoramento, e da morriña que este pode provocar: dende o famoso soneto de Lope de Vega que describe o estado de “tolemia” polo que pasa o amante (“ desmayarse, atreverse, estar furioso”) pasando polos consellos de Rosalía sobre os “bos amores” (“busca eses amores, búscaos, si tes quen chos poida dare ") até a “aguda espina dorada” cravada no corazón de Antonio Machado, as tres feridas de Miguel Hernández (“la del amor, la de la muerte, la de la vida”) e a soidade e inquedanza da moza da cantiga de amigo (e ai Deus, se verrá cedo!)




17/02/09

MAIS SOBRE O DIA DA PAZ: ACTIVIDADES DA BIBLIOTECA

Aínda que cun pouco de retraso (temporais e outras incidencias) aquí sae a reportaxe sobre o Día Escolar da Paz e da non Violencia, cunha esperanza obstinada ante o panorama que se pode ver nos medios de comunicación todos os días. Adxudicámoslle un lugar especial ao Texto Introductorio sobre a Paz. “ PAZ, UTOPÍA IMPOSÍBEL?”. Fronte a violencia de todo tipo, tamén nós eliximos a palabra. A palabra, e a poesía, aínda coa súa fraxilidade .
Este ano, no IES de Melide, fixemos un “tendal de cancións e poemas” en distintos idiomas sobre este tema, que acompañaban ao" Texto Introductorio sobre a Paz", tendo unha participación moi especial, os alumnos de Ética de 4º da ESO, aínda que traballaron alumnos de todos os grupos e niveis até encher a entrada do IES e un longo corredor.

Tendidos como panos, hai textos en galego, castelán, portugués, wolof (lingua do Senegal), latín, inglés, francés…. Todas as linguas para reivindicar un ben que é imprecindible para toda a humanidade.

PERSOEIROS RELACIONADOS COA PAZ

Tamén dende a Biblioteca e co apoio do profesorado Ética, realizouse unha actividade consistente nunha “ pescuda de personaxes e organizacións ocultos” que ao longo da historia contribuiron dun ou doutro xeito, en diferentes eidos, á procura dun mundo mellor e mais xusto . Proporciónase a imaxe destas 18 persoas e entidades e unha serie de pistas . Con mais xente coma esta o mundo iría doutra maneira!!! Os alumnos de 4ºESO están na investigación. Sorte!!!!!

11/02/09

30 DE XANEIRO: DIA DA PAZ

Na conmemoración do Dia Escolar da Paz e da non Violencia, os alumnos de 2º BAC de Ciencias Políticas e Introdución á Socioloxía, realizaron un vídeoclip alusivo ao tema. Dámoslles as gracias polo seu traballo e dedicación.


04/02/09

Entrevista a Ánxeles González, encargada da Biblioteca Municipal

1. Canto tempo leva traballando como bibliotecaria no Concello de Melide?
Recentemente fixo 30 anos, o día 2 de xaneiro.
2. Que é o que máis lle gusta da súa profesión?
A min xeralmente gústame todo, menos que a veces se sae un pouco de si o ruído, pero hai que entender que esta é unha biblioteca pública na que a idade non está limitada, e iso é algo normal.
3. Recorda algunha anécdota curiosa que lle sucedese no seu traballo?
¡Que pena que non avisarades antes! Tería que facer memoria..., pero acórdome agora dunha moi curiosa. Isto era un neno o que coñezo dende hai moito tempo, agora xa está feito un home. Eu estaba cerrando a porta da biblioteca e de súpeto chegou moi axitado, como se viñese correndo, e dime: “ Espera, espera, espera” e pregúntolle “A ver, que pasa?” , “É que necesito un libro de galos e de galiñas que tes aí arriba, porque a miña veciña ten un galo e quéreo capar”.
Creo que é un argumento bastante consistente para ver que nos libros hai solucións para todo.
4. De cantos libros consta aproximadamente a biblioteca?
Duns 18.400, aproximadamente.
5. Cales son os libros máis reclamados neste momento?
Made in Galiza e O neno do pixama de raias, entre outros.
6. O neno do pixama de raias, é un deses libros que ten unha película. En xeral, que cre que chama máis a atención á xente, o libro ou a película?
A ver, á persoa que viu a película xa non lle interesa tanto o texto, pode haber un tanto por cento que logo o reclame, pero é unha minoría. Eu creo sen dúbida, que o reclamo é o libro, e despois a película, pero iso é ó gusto de cada un, para algunha xente é máis doado ler o libro simplemente.
7. Un lector... nace ou faise?
Sen dúbida, faise. Eu creo que se o neno ve aos seus pais co libro na man, vai ser moito máis doado que se afaga a este hábito.
8. Cre que a lectura é un hábito que está aumentando ou diminuíndo entre a xuventude?
Pois eu aí discrepo moito, penso que todo iso varía bastante.
E entre os maiores?
Entre os maiores, a lectura manda.
9. Internet é cada vez a fonte de información máis solicitada pola xente nova. Papalibros é unha desas páxinas que intenta reflexar que os libros non son sempre aburridos, xa que todas as opinións están escritas por estudantes, cre que con este tipo de iniciativas se pode chegar a fomentar a lectura naqueles que non teñen ningún tipo de interese por esta?
Por suposto que si, a xuventude cre máis o que di o seu compañeiro de pupitre ou da clase do lado que o que vaia dicir eu ou o seu profesor, posto que para el é moito máis real o que di un rapaz da súa idade.
10. Como se sente despois de que o escritor Xosé Vázquez Pintor, nativo desta terra, doase toda a súa obra á biblioteca do concello?
Iso foi unha lotería para min e para todos os melidenses, ademais é un honor que un escritor da súa talla de nome a esta biblioteca.
11. Sabemos que o ilustrador Xosé Tomás está preparando un mural para a biblioteca. Que opina do proxecto?
É unha convocatoria da Xunta de Galiza do ano pasado que facilitou unha serie de axudas para realizar un proxecto de biblioteca ilustrada.
Ente a lista de ilustradores que a Xunta nos facilitou encontrábase Tomás, que nos cadrou moi ben porque estaba preto e el aceptou encantado cando llo dixemos.
12. Recomende un libro
La Guerra Civil que no va a gustar a nadie, de Baragalan, que trata as cousas cun pouquiño de humor a pesar da situación política da época.

Mónica e Laura (1ºBAC A)