22/03/13

RAPEANDO NA BIBLIOTECA

Para celebrar o fin de avaliación e descansar un pouco dos exames, na última semana antes das vacacións de semana santa tivemos un invitado moi especial, Serxio García, cantante do grupo de hip hop Dios Ke Te Crew. García falounos un pouco da historia do hip hop e das súas raíces na cultura popular en dúas sesións, pola mañá ás alumnas e alumnos de música de 3º de ESO e a mediodía aos Papalibros. Despois deunos uns cantos consellos e ideas e puxémonos a rapear. Un equipo de reporteiras e superfans de García fíxolle tamén unha entrevista para Falamelide, a radio do instituto. Velaí un pequeno resumo desta xornada.

14/03/13

OS XUDEUS SUPERVIVENTES AO HOLOCAUSTO

Nesta segunda semana de marzo tiveron lugar na biblioteca do IES de Melide as charlas tituladas “Xudeus superviventes ao holocausto”, impartidas por Ashley Lauber, a nosa lectora de inglés, de nacionalidade estadounidense, descedente de xudeus polacos que emigraron aos EEUU despois da segunda guerra mundial. A casualiade levounos a descubrir que os seus catro avós eran superviventes de Auschwitzc-Birkenau, un dos máis tristemente famosos campos de exterminio nazis. Ashley tivo a xenerosidade de compartir con nós unha parte importante do pasado da súa familia e do seu propio pasado, de amosarnos as feridas aínda abertas nas persoas próximas ao seu entorno. Esta actividade xurdiu a raíz dunha das nosas lecturas de Papalibros, Maus, xa convertida nun clásico da novela gráfica. Ashley compartiu con nós esa lectura. Entre todos fumos descubrindo como a traxectoria do protagonista, Vladeck Spiegelman, pai do autor, foi moi parecida á dos avós de Ashley: familias xudías polacas de clase media que foron obrigadas a vivir en guetos e máis tarde levadas aos campos da morte. Ao final da guerra, coa liberación dos campos, os poucos que lograron sobrevivir non conseguiron vivir de novo naqueles países que antes forn os seus e que en certa medida permitiron ou se beneficiaron das expropiacións dos xudeus e do propio holocausto. A lectura de Maus encaixa perfectamente no tema monográfico de traballo da biblioteca para este curso: "A viaxe e a migración, entre o descubrimento e a necesidade". As viaxes dos xudeus aos campos da morte foron auténticas viaxes aos infernos, a catábase da antiga Grecia, un contacto directo co máis absoluto dos horrores, do sufriemento e da morte que transformou profundamente, cando non destruíu, a vida de millóns de persoas. Os superviventes logo tiveron que emprender unha segunda viaxe, enteiramente necesaria, para atopar o fogar e o medio de vida que lles fora negado. Ashley non puido reunir tantos datos precisos e concretos como o Art Spiegelman, o autor de Maus, pero o seu relato tivo a forza do directo e da narración en primeira persoa. Tal como confesou, se non fose polas preguntas dos Papalibros non tería falado de todo isto coa súa nai e seguiría sen coñecer unha parte da súa propia historia. Pero coñecedora deste pasado e sen perder a memoria, Ashley decidiu dar un paso adiante e non vivir como vítima. Con este pequeno artigo queremos animara aos Papalibros a recuperar a memoria da súa familia e agradecer de novo a Ashley o tela compartido con nós.

07/03/13

XUNTANZA CON CARE SANTOS



  O mércores 6 de marzo do 2013, unha escritora catalá chamada Care Santos visitou o noso centro de estudos, IES de Melide. Ela veu para falarnos dalgunha das súas obras, xa que escribe diferentes tipos de xéneros como novelas, contos, poesía...
A reunión foi na nosa sala de actos. Nela falou das súas obras máis coñecidas:
Esta noche no hay luna llena, Bel, Amor más allá de la muerte, Se vende papá, Se vende mamá, que levou o Premio Barco de Vapor, Los ojos del lobo ou El anillo de Irina, que foi o libro que tivemos que ler nesta avaliación, e  no que se conta a historia dun pai e un fillo namorados da mesma rapaza.
Ao comezo da súa intervención contounos en que se baseou para escribir os seus libros; logo fixemos preguntas como Alba de 2º D que lle  formulou unha cuestión sobre un dos libros que está a ler, O circuito de Montecarlo, polémico segundo algún polasúa temática, na que aborda o embarazo adolescente.



Tamén explicou para o alumnado de 3º da ESO cales foran as súas fontes de inspiración para a investigación da licantropía, que é o tema no que se fundamenta a novela de Esta noche no hay luna llena.
Pasamos un bo anaco coa súa compaña. Respostou a todas as nosas dúbidas dun xeito amable e prometeu volver.


MULLERES VIAXEIRAS

O 8 de marzo conmemoramos o día da muller. Este ano, seguindo co tema das viaxes, ímoslle dedicar este día ás mulleres viaxeiras, a todas aquelas que superando todo tipo de limitacións impostas pola sociedade conseguiron levar a cabo os seus propósitos e vivir a aventura de viaxar e explorar o mundo.