Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións

15/06/22

HISTORIAS PARA SOÑAR E CONTAR, TÍTERES DE SOMBRAS

Hoxe tivemos a inmensa fortuna de asistir á estrea de "Historias para contar e soñar", un espectáculo de títeres de sombra a cargo do alumnado de Artes Escénicas de 4º de ESO, guiados polo bo facer de Davide Canoura e Belén Fernández Guzmán.
Disfrutamos de seis historias preciosas, baseadas en lendas e tradicións de distintas culturas. Viaxamos ao Canadá, á China milenaria, ao deserto de Kalahari, á Grecia otomana e á nosa Galicia ancestral. As mans da nosa rapazada crearon pagodas chinesas, cabanas bosquimas, tipis dos indios kalispel, palacios de pachás otomanos, garzas danzantes, nenas creadoras de estrelas, reis sacados case do Pórtico da Gloria, lobos e carneiros románicos, antiheroes coma o grego Karaiosis, paxaros de ouro e princesiñas de cabelos dourados. Eles contáronnos as historias e nós soñamos.
Foi todo un curso de traballo duro: fixeron técnicas de interpretación, leron historias, crearon guións, fabricaron marionetas, elixiron unha música exquisita e memorizaron o seu papel. O ciclo de madeira, axudou, como sempre, coa infraestrutura.

Historias para contar e soñar

14/05/21

FACEMOS RADIO NA BIBLIO

A semana pasada o alumnado de 3º de ESO de cultura clásica tivo a sorte de poder facer un curso express de radio no IES de Melide, dentro do programa Radio na Biblio, que impulsa Bibiotecas Escolares. A nosa formación estivo a cargo de Luis Pardo, xornalista da Cadea SER, que nos introduciu no mundo da radio, falándonos dos principais elementos dunha emisón radiofónica e das súas características.

Aínda que no IES de Melide somos pioneiros en radio escolar, tendo en funcionamento a nosa emisora FALAMELIDE dende 1993, unha parte significativa das nosas rapazas e rapaces non coñece este medio e non o escoita salvo contadas excepcións,  cando van no coche cos pais, no bus do transporte escolar, ou  na casa dos avós... como moi ben di Luis Pardo, cando están "secuestrados".

Despois de explicarnos os principais elementos dunha emisión -voz, música, silencio e sons- e compartir con nós ligazóns onde podemos atopar recursos, Luís amosounos diferentes tipos de podcasts onde descubrimos as inmensas posibilidades que ten a radio como medio de comunicación.

Unha parte fundamental no proceso de creación dun podcast ou programa de radio é o guión. Luís explicounos as características dunha mensaxe radiofónica e entre todos fomos capaces de transformar un texto, máis ou menos complexo, nunha noticia de radio.

Por último, acabamos facendo prácticas de locución. Probamos con noticias deportivas e cun guión de radio que tiñamos medio amañado para presentar no concurso A máscara que inspira, organizado pola sección galega da SEEC (Sociedade Española de Estudos Clásicos). Cos bos consellos de Luís, fomos capaces de gravar o podcast Hécuba, a raíña do Ilión, inspirada na traxedia Hécuba de Eurípides, coas voces de Carmen Bitelmal, Xana Castro, Erick Conde e José Luís Otero, de 3º C de ESO, que se revelaron como auténticos artistas. Algunha delas  descubriu unha posible vocación ao facer este programiña. Aquí volo deixamos, a ver que vos parece.

13/03/15

I FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DE MELIDE

O IES de Melide, da man do profesor Afonso García, promove o I FESTIVAL DE TEATRO ESCOLAR DE MELIDE, no que estarán presentes grupos de teatro de Touro, de Laxe, de Palas de Rei, da Estrada e de Melide.
As 18.00 h. terá lugar un roteiro teatral e musical pola emblemática aldea de Furelos. O fío condutor do percorrido serán os oficios, xogos, ocupacións... tradicionais onde se pon de relevo a habilidade manual, tema relacionado directamente co noso lema de traballo para este curso Homo Habilis.
Ademais das diferentes agrupacións teatrais, a AGXPT colaborará neste roteiro e a aportación musical estará a cargo do grupo melidense Herba Grileira.
Agardámosvos en Melide o sábado 14 de marzo a partir das 16.00 h., comezando pola Casa da Cultura.

17/05/14

AGASALLO DÍA DAS LETRAS

Este ano o alumnado da Terra de Melide recibiu un fermoso agasallo, ideado polo ENDL do IES de
Melide. No instituto foron as alumnas e alumnos do grupo teatral Teiroa quen se encargaron de repartir os galanos ao tempo que representaban polas aulas unha improvisación baseada en textos de Sechu Sende. O agasallo consistiu nun estoxo que contiña dentro este fermoso tesouro:




ESTOXO DA LINGUA INSTRUCIÓNS DE USO

1. Indicado para gardar lapis, bolígrafos, plumas e demais dispositivos que escriban palabras en galego.

2. O material gardado neste estoxo, e as palabras que con el se escriban, deben ser usadas de xeito diario e continuado.
3. As palabras así escritas deben ser tratadas con moito agarimo, tendo sempre moito tino de que non se perda ningunha ou se borre, xa que constitúen a nosa máis prezada propiedade. 

4. Este tesouro inclúe unha enorme variedade: pronomes atrevidos, adverbios incribles, conxuncións entremetidas, indefinidos que non se mollan, adxectivos para dicir as cousas máis lindas ás persoas que queremos, verbos moi prácticos, nomes de persoas para poñerlles aos nosos fillos e fillas…

DERRADEIRA CONSIDERACIÓN

Este estoxo non é calquera cousa e, polo tanto, o seu uso debe perdurar, cando menos, toda a vida do seu propietario ou propietaria.

20/05/13

SEMANA DAS LETRAS. ROBERTO VIDAL BOLAÑO

"Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas". Con estas palabras autodefiníase Roberto Vidal Bolaño,  autor teatral e actor, a quen se lle dedicou este ano o día das letras galegas.
É unha fortuna para nós, como galegas e galegos, e en concreto coma centro de secundaria, ter dedicatarios das letras galegas, como Vidal Bolaño ou Lois Pereiro, que nos ofrezan unha produción literaria e/ou actividade cultural tan próxima a nós, tan actual e plenamente vixente. Humildemente, queremos animar a Academia Galega a que continúe por esta liña, xa que temos no noso haber escritores, mulleres e homes de letras, moitas veces case descoñecidos para o gran público, que posúen unha obra fascinante.
O mércores 15 de maio, o club de lectura Papalibros fixo unha lectura dramatizada de Animaliños, unha obra satírica que denuncia as relacións sociais por medio dunha farsa que ten como protagonistas a un grupo de veciños dunha urbanización que se ven invadidos por unha praga de caracois. Rematamos o acto vendo uns fragmentos de Sempre Xonxa e A Lingua das bolboretas, onde comprobamos o bo facer do Vidal Bolaño actor.
E para completar máis información sobre o homenaxeado, velaí unha liña do tempo elaborada por Celtia Buján, de B1A, na clase de TICs.
 

02/05/13

CERTAME DE TEATRO 2013

Preme na imaxe para ler con máis comodidade as bases.