20/12/22

NADAL 2022

 

RECOMENDACIÓNS PARA NADAL 


1º CICLO  ESO:

-La sombra del gato y otros relatos de terror, Concha López Narváez

-La tejedora de la muerte, Concha López Narváez

-Maxia de pedra, Alba de Evan e Xabier Domínguez

-Mamá, quero ser ZiggyStardust, Iria Misa

-Ondjaki, Mia Couto

 

2º CICLO DE ESO e BAC:

-Os corpos invisibles, Emma Pedreira

-Poetízate, Fran Alonso

-O que sei do silencio, Andrea Maceiras

-Revolución detrito, Xosé de Cea

-Un elefante na sala de estar, Berta Dávila

-Locos por los clásicos, Emilio del Río

-Astérix e Obélix, R. Goscinni, A. Uderzo

-Regreso al Edén, Paco Roca

-Ondjaki, Mia Couto,

-O mandarín, Eça de Queirós

Um rio chamado tempo, uma casa chamada terra, Mia Couto

-Amor de perdiçao, Camilo Castelo Branco

 

PROFESORADO:

-Juana de Vega, a muller que desafiou o seu tempo, Emma Pedreira e Marilar Alexandre

-Non penses nun elefante rosa, Antía Yáñez

-Maestra de pueblo, Cristina Picazo

Mañana en la batalla piensa en mi, Javier Marías

-Quen non ten un avó fascista?, Inma López Silva

- Virtudes ( e misterios), Xesús Fraga

- Lixeiro, Isamel Ramos



12/12/22

5º ANIVERSARIO DA PRIMEIRA VOLTA AO MUNDO

 

   A VIAXE QUE CAMBIOU O MUNDO

 

 O alumnado de 3º ESO A recreou o momento histórico correspondente ao 500 aniversario da 1ª volta ao mundo  1522-2022) de Magallaes e Elcano, cunha exposición e un acto conmemorativo. Para iso foi fundamental a colaboración do alumnado de Carpintaría e Moble do IES de Melide, que confeccionou unha reprodución da nao Victoria e colaborou na montaxe e exposición, situada na entrada do centro e no primeiro andar da biblioteca

  


          E a viaxe continúa...



25 DE NOVEMBRO



 

 25 DE  NOVEMBRO,  DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

 

No noso IES   manifestamos a repulsa á  violencia machista  ao longo deste día con actos que tiveron lugar en  espazos diferentes:

-Na entrada do centro,   cun taboleiro vestido de dó no que penduraron  diferentes textos para poder  ler e /ou traballar  nas aulas

 

 

   - No chan do corredor  principal, en  branco sobre  negro, o alumnado leu   a dor   tendida de todas as mulleres no poema " Baldosas", de Carlos Negro  



- Na biblioteca, coa lectura dun Manifesto contra a Violencia Machista



     E mais coa  dramatización:  Sabes como me mola a min que me entres?  a cargo do Club de Teatro de 4ºESO, cuxa resposta era ben contundente:

                    " Como se non existisen os puños".

        Ás 12:00h gardouse un minuto de silencio para berrar alto  por todas as que  que non teñen voz.

 

11/12/22

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

 Sabías que ....



... as proteínas da clara do ovo  poden  desintegrarse con vinagre en lugar de  calor?

...  que,  como as plantas liberan osíxeno,  a combustión dura máis e, polo tanto tarda máis en apagarse unha candea acesa?





... e que o volume dunha disolución  pode aumentar nun 2500%.

  

   Pois resulta que no IES de Melide  puidemos admirar con ollos grandes,  grandísimos, o despregue de  experimentos que realizou o alumnado  co profesorado de Bioloxía e de  Física,  Química, Xeografía,  Informática...

 




 E o noso club de prensa, recén estreado co alumnado de 4º A, entrevistou ao biólogo Antonio Castro Casal, que nos falou da súa paixón polos réptiles e aclarounos que hai de certo niso de "chorar bágoas de crocodilo".


Escoita:

02/11/22

SAMAÍN 2022-2023

   No IES de Melide festexamos o Samaín, deixando a estación da luz  para entrar na das tebras.  E amencemos así: con arañeiras na entrada e pantasmas na escaleira:


 Aplaudimos ao alumnado premiado no concurso de microrrelatos terroríficos:




E o expositor da biblioteca ateigouse de misterio e terror. 

24/10/22

DÍA DAS BIBLIOTECAS

Hoxe, Día das Bibliotecas, enfeitamos o taboleiro que está a carón da nosa biblio cos debuxos que, a partir dunha cita de Gloria Fuertes, foi facendo  o alumnado de 4ºESO: 

"Dentro de la biblioteca se cura la ignorancia: los libros son para la mente como las tiritas para el alma y las bibliotecas son tan importantes que tendrían que estar por todas partes, como las farmacias"

(Gloria Fuertes, bibliotecaria e poeta)


20/10/22

DÍA DAS ESCRITORAS

17 de outubro: Día das Escritoras

Conmemoramos  o Día das Escritoras, unha data ben acaída para reivindicar a escrita en feminino plural. Son moitas as autoras que  escribiron a guerra e nós lémola. E nesas páxinas camiñamos da súa man por situacións de sufrimento, de entrega e tamén de compromiso, porque 

despois de cada guerra
alguén ten que limpar
non se van ordenar as cousas soas

diría a poeta polaca Wisława Szymborska.

Pero nas voces das nosas  escritoras sentimos o conflito máis quente. Con Eva Mejuto férvenos o volframio no sangue, e devecemos por socorrer  ás dúas Marías na Alameda de Compostela, acosadas, perseguidas por mor da súa ideoloxía se as escribe Concha Blanco; choramos adeuses desde o barco de Marina Mayoral e precisamos con urxencia o mesmo xarope que Adela Figueroa para erguer un muro contra a barbarie. É por iso que andamos á procura desesperada dunha pílula de poesía contra tanta demencia colectiva, porque ninguén marisca piedade coma Yolanda Castaño.

Estas son algunhas das autoras, cuxas obras foron expostas na entrada do noso centro, coa finalidade de darlles  visibilidade, despois de seren lidas polo alumnado. 


11/10/22

PRESENTACIÓN DA BIBLIOTECA AO NOVO ALUMNADO

 

   A nosa biblioteca leva o nome de Xaquín Yebra, profesor de Historia neste centro, amante dos libros e persoa entrañable.

QUE É UNHA BIBLIOTECA?

   Dicía Jorge Luis Borges: “Siempre imaginé que el paraíso sería algún tipo de biblioteca”.

   Logo unha biblioteca é un lugar para sentir o entusiasmo deste primeiro día, para probar  o pracer de sentar nunha desas cadeiras, coller un libro e ver onde nos leva. Seguro que cada un de vós, cando lestes un libro que vos gustou moito, non regresastes del do mesmo xeito. Como cando se fai unha viaxe ou se emprende unha aventura. Volvemos transformados, somos outros. Por iso as bibliotecas son paraísos, como dicía Borges, onde ir para avanzar, para soñar  outros mundos,  para ser máis libres, mellores persoas.

   Tamén, quizais, por iso os libros son tesouros e ten que haber espazos coma este onde viven, colocadiños porque son material sensible, coma vós.

   As bibliotecas son, pois, luz. Esta tamén, pero ademais…védela? É luminosa e alta, altísima, para que poidades medrar e ben sabedes que non nos referimos á estatura.

   Desde Melide podemos viaxar a moitos sitios, a todos os continentes se queremos, pero desde a biblio pódese ir aínda máis lonxe, moito máis lonxe: a lugares de nós que non coñeciamos. Esa si que é unha viaxe fascinante.

   Agardamos, pois, encontrarnos neste paraíso, que é o corazón do noso centro.

QUE É UN CLUB DE LECTURA?

   É unha reunión onde se xuntan ollos que escudriñan en páxinas, persoas ás que lles gusta ler...

   O noso Club chámase Papalibros. Mirade  que nome tan simbólico. Iso é porque hai lecturas que son para papar, para lamber. Así que, unha vez ou dúas ao mes, sentaremos nunha parola entretida,  mentres comemos un bocata ou unha lambetada, para falar de historias que formarán parte de nós,  e de cine, e de música… Para falar da nosa viaxe apaixonante polos libros.

 

 

26/06/22

DESPEDIMOS O CURSO CUN APLAUSO AOS NOSOS AXUDANTES E AXUDANTAS!



Este superequipazo que vedes, formado por Jorge Pereiro Parrado, Xosé Lois Carrillo, Lúa Varela pardo, Eva Vázquez Prieto, Pablo Seoane e Javier Sanmartin (que non está na foto); fixo posible que a bilioteca funcionase durante este curso tan complicado, no que houbo poucas profesoras e profesores con horas de garda na biblioteca.
Elas e eles pasaron horas de recreos na biblioteca, axudaron a colocar libros, aprenderon a manexar o novo programa, Koha, fixeron préstamos e devolucións e incluso deron de baixa moitos dos libros que expurgamos. Sacrificaron o seu tempo libre para axudar e a súa compaña foi moi necesaria para as profes que traballamos na biblioteca.
GRAZAS, RAPACES E RAPAZAS, SODES IMPRESCINDIBLES. Oxalá o curso que vén podamos seguir contando con vos.

15/06/22

HISTORIAS PARA SOÑAR E CONTAR, TÍTERES DE SOMBRAS

Hoxe tivemos a inmensa fortuna de asistir á estrea de "Historias para contar e soñar", un espectáculo de títeres de sombra a cargo do alumnado de Artes Escénicas de 4º de ESO, guiados polo bo facer de Davide Canoura e Belén Fernández Guzmán.
Disfrutamos de seis historias preciosas, baseadas en lendas e tradicións de distintas culturas. Viaxamos ao Canadá, á China milenaria, ao deserto de Kalahari, á Grecia otomana e á nosa Galicia ancestral. As mans da nosa rapazada crearon pagodas chinesas, cabanas bosquimas, tipis dos indios kalispel, palacios de pachás otomanos, garzas danzantes, nenas creadoras de estrelas, reis sacados case do Pórtico da Gloria, lobos e carneiros románicos, antiheroes coma o grego Karaiosis, paxaros de ouro e princesiñas de cabelos dourados. Eles contáronnos as historias e nós soñamos.
Foi todo un curso de traballo duro: fixeron técnicas de interpretación, leron historias, crearon guións, fabricaron marionetas, elixiron unha música exquisita e memorizaron o seu papel. O ciclo de madeira, axudou, como sempre, coa infraestrutura.

Historias para contar e soñar

07/06/22

RADIO NA BIBLIO


Estes días o IES de Melide é un fervedoiro de actividades extraescolares, aproveitando que parte do alumnado xa está algo máis liberado e non ten materias pendentes de recuperación. Estes días son perfectos para facer cousas como o curso de formación en radio que tiñamos pendente e, ao igual que o curso pasado, foi impartido por Luis Pardo, profesional da Cadena SER.

A maioría dos asistentes, alumnado de 1º e 2º de ESO, nunca traballara na radio e Luís ensinoulles os elementos fundamentais dunha emisión radiofónica. Tamén aprendemos a ver cales son as característcas que debe reunir un guión de radio. Comprobamos como con poucos recursos a radio pode ter infinidade de posibilidades, como nos demostrou o xenial Juan Carlos Ortega, locutor tamén na Cadena Ser.

Agora só queda que os asistentes a este pequeno curso de formación se animen a traballar na radio o curso que vén.

06/06/22

PREMIOS DE HAIKUS EN INGLÉS


O departamento de inglés organizou un concurso de haikus para diferentes niveis de alumnado. Os poemas presentáronse na entrada do instituto, xunto cuns espléndidos traballos de etnografía no que o alumnado fala das profesións dos seus familiares.

O mellor de todo foi a entrega de diplomas aos gañadores e gañadoras, oficiada ao máis puro estilo británico pola profesora Vicky Villar como mestra de cerimonias, anticipándose ao Royal Meeting de Ascot e superando a mesma raíña inglesa coa súa indumentaria.

Parabéns as gañadoras!!

02/06/22

GAÑANDO PREMIOS NO CERTAME AVELINO DÍAZ



Como en convocatorias anteriores,  algunhas alumnas e alumnos do IES de Melide participaron no V Certame de Debuxo e Poesía "Avelino Díaz", convocado polos Concellos de Riotorto e Meira. Esta actividade chega ao noso centro a través dun dos activistas destacados na causa de Avelino Díaz, o profesor Paco Veiga.
Nesta edición o noso alumnado presentou traballos na categoría C de poesía (de 13 a 17 anos),  e o éxito do IES de Melide foi arrollador, velaí:
- 1º premio:  Ti, de Pablo González Varela (2º Bacharelato)
- 2º premio: Destino ou casualidade?, de Candela Miguélez Buján, (2º Bacharelato)
- 3º premio:  Memoria inútil, de Raquel Miguélez González (2º Bacharelato)
A estes galardóns hai que engadirlle o accésit acadado por Martín Barreiro Varela con Liberdade (2º ESO).   Parabéns por este grande éxito!

18/05/22

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS




Estes días estamos a festexar as Letras Galegas, que este ano están dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán. Antes de que a RAG anunciara o dedicatario deste ano, este autor era descoñecido para moitas e moitos, polo que esta celebración ten o cometido de poñer en valor e difundir a obra de homes e mulleres que traballaron polo país, pero por diversas circunstancias quedaron na sombra. O caso de Florencio foi o de moitas galegas e galegos, que despois da Guerra Civil víronse obrigados a abandonar o país e elixiarse. A pesares do moito tempo que viviu fóra de Galicia, Delgado Gurriarán nunca perdeu o vínculo co idioma e desenvolveu unha gran actividade cultural en prol do país. Se queres saber máis sobre este autor, visita a exposición que temos no corredor da entrada.

Pero o IES de Melide é un fervedoiro de actividades nesta semana:

Unha actividade que non falta nestas datas é o microteatro polas aulas a cargo do grupo Teiroa, dirixido por Marga Quintela, que coordina tamén o ENDL. Este ano representouse Actitudes da mocidade galega ante o uso da lingua, adaptación dun texto de Sechu Sende.

O ENDL deseñou un precioso estoxo e marcapáxinas con versos de Florencio Delgado e Gurriarán, que se repartiron entre todos os membros da comunidade educativa.

O alumnado de plástica creou fermosos marcapáxinas con versos de poemas galegos.

E a festa continúa, mira o noso cartel de actividades para o meses de maio e xuño!.



09/05/22

O NOSO SUPEREQUIPO DE AXUDANTAS E AXUDANTES





Toda esta tropa que a aquí vedes con chaleco fosforito son as nosas axudantas e axudantes. Con xa dixemos no noso anterior post, sen elas e eles a nosa biblioteca non podería funcionar. Estas rapazas e rapaces dedican o seu tempo de lecer a axudar: pegan etiquetas de códigos de barras, dan de baixa libros, prestan e devolven recursos, colocan libros nos andeis... Son unha marabilla.
Os recortes no profesorado deixaron á biblioteca sen profesores, polo que tamén hai un grupo de profesoras e profesores que dedican o seu tempo libre á biblioteca.
A conclusión é clara: A NOSA BIBLIOTECA FUNCIONA GRAZAS AO VOLUNTARIADO. Canto máis razoable sería que en lugar de darnos diñeiro para obras na biblioteca que non precisamos, nos puxesen unha persoa ou dúas máis a traballar...

18/04/22

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO COA FEIRA DO LIBRO DE BALDE!



Celebramos o día do libro con libros, como non podía ser doutro xeito. Nos meses de abril de e maio, aproveitando que estamos a facer un expurgo, moi necesario, na nosa biblioteca, celebraremos unha "Feira do libro de balde". Nela ofrecemos moitos títulos interesantes de libros clásicos, literatura xuvenil ou cómics que non foron moi solicitados nos últimos anos e non por iso deixan de ser interesantes.

Expurgaremos enciclopedias, que deixaron de usarse hai xa bastante tempo, co auxe da rede. E tamén retiraremos dicionarios, posto que xa non necesitamos tantísimos exemplares cos dicionarios en liña, polo que se precisades algún, este é o momento de facervos con el.

Aproveitamos para mostravos o chaleco distintivo das axudantas e axudantes da nosa biblioteca, persoas imprescindibles, grazas as cales a nosa biblioteca funciona neste curso, no que o profesorado apenas temos horas para atendela.

26/03/22

SEMANA DA POESÍA



Como xa vén sendo costume no IES de Melide, recibimos a primavera celebrando o Día da Poesía cunha semana de recitais.

Nesta semana do 21 ao 25 de marzo en todos os recreos soou poesía na biblioteca Xaquín Yebra, recitada por alumnas e alumnos dende 1º de ESO a 2º de BAC, en galego, castelán, portugués, inglés, rumano, árabe, latín e grego. Moitos dos poemas foron preparados na aula coa axuda do profesorado, pero unha boa cantiade deles fron recitados de forma espontánea polo alumnado. Recitáronse autora e autores dende a antigüidade clásica até os nosos días, e tamén un bo número de poemas compostos polo alumnado en aulas de literatura galega. Non faltou a poesía sinestésica acardo do alumnado de filosofía.

Para rematar a semana, Lola Corzo, acompañou o recitado de varios poemas do alumnado con linguaxe de signos, porque a poesía non se limita ao son.



08/03/22

8-M, O DÍA DAS MULLERES



Para conmemorar este día, o alumnado de 2º de Bacharelato foi o encargado de facer no recreo unha representación coa lectura de textos alusivos a situacións ás que se enfrontan as mulleres no día a día, rematando con unha lembranza homenaxe ás mulleres ucraínas.
A vicedirección repartiu máscaras violetas a toda a comunidade educativa para visibilizar esta xornada.

26/02/22

ENTROIDO DE PERSONAXES ILUSTRES


Para festexar o Entroido, a vicedirección organizou un concurso no que o alumnado tiña que averiguar o personaxe famoso que cada profesora ou profesor representaba co seu disfraz. O profesorado escolleu personaxes relacionados coa materia que impartía: Marie Curie en química, Frida Khalo en plástica, Safo en grego, Rosalía de Castro e Quevedo en linguas e literatura, Dian Fossey en bioloxía, Hipatía e Pitágoras en matemáticas, Rosalía en música, ou Flavio Gioja, o perfeccionador da brúxula, en orientación... entre outros.

A biblioteca converteuse nun fervedoiro de rapazas e rapaces que buscaban na rede os personaxes a partir dos seus atributos e das pistas que daba o profesorado.

O resultado é que gran parte do alumnado aprendeu cosas novas que non coñecía e, ademais, divertiuse. Viva o entroido!

24/02/22

DÍA DE ROSALÍA 2022

 


Este ano celebramos o día de Rosalía o 23 de febreiro, un día antes do que se viña facendo, pola descuberta de documentos que demostran que o día real do nacemento da nosa gran poeta foi o 23 de febreiro.

O Equipo de Normalización Lingüística e o departamento de plástica encargáronse de preparar un fermoso collage na entrada do instituto con versos, flores e un magnífico retrato de Rosalía feito por Sé
Senande.

Durante a semana de Rosalía soaron nos corredores, durante recreos entradas e saídas, poemas de Rosalía musicados por distintos grupos do país.

18/02/22

O alumnado de reforzo fai un knolling literario


Unha das tarefas de lingua castelá de 1º de ESO é facer un Knolling literario sobre unha das lecturas obrigatorias, La biblioteca de los libros vacíos, de J. Sierra y Fabra.

Un knolling é unha técnica fotográfica que consiste nunha foto cenital, ou sexa, feita dende arriba, de varios obxectos relacionados como tema que queremos tratar. Neste caso, o noso Knolling literario deberá ter polo menos oito obxectos relacionados coa nosa lectura e deben estar colocados en ángulo recto.

Velaí ao alumnado de reforzo de 1º A de ESO, tentando colocar obxectos que teñan que ver coa nosa lectura: letras perdidas, libros antigos, libros de autores locais, libros reescritos por nenas e nenos con letras soltas e lanternas para facer este traballo na clandestinidade. Aquí vedes o knolling feito por Aldán de Arriba. Podedes facervos unha idea do libro con esta imaxe?

03/02/22

QUINCENA DO AMOR



Non cabe dúbida de que o amor é a maior fonte de inspiración na literatura de todos os tempos e culturas, polo que dende a nosa biblioteca non celebramos o amor nun único día, senón que collemos case unha quincena, dende o día da Candeloria, 2 de febreiro, até o día de San Valentín, o 14 de febreiro.

O Equipo de Normalización Lingüística e o departamento de plástica fixeron este magnífico decorado


con refráns sobre a Candeloria, versos sobre o amor e o que é máis importante, un "buzón do amor" para que todas e todos os que queiran boten nel as súas cartas de amor e amizade, dirixidas a calquera persoa da nosa counidade educativa.

Como o amor é algo doce, a toda persoa que se achega se lle entrega unha piruleta con forma de corazón.

O día 13 de febreiro rematará o prazo para entregar as cartas. O día 14 de febreiro, un día moi agardado por moitas e moitos, un equipo de carteiras e carteiros do amor faran chegar a cada destinatario as misivas amorosas.

Non perdas a oportunidade para declarar o teu amor ou amizade en galego!!