24/02/15

24 DE FEBREIRO. DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO



Este ano, con ocasión do día de Rosalía de Castro, sumámonos dende a nosa Biblioteca á  convocatoria que  A SEGA fixo para este día: “ cubrir todas as estatuas de Rosalía de Castro do noso país que sexamos capaces con obras tecidas polas nosas mans. Porque a pedra será fría pero moito máis grande é a nosa calor”.
Esta proposta pareceunos feita a medida para o noso lema de traballo Homo Habilis.
Nós non temos monumentos de Rosalía, pero dispoñemos de algo moito máis precioso: as súas obras.  Sacámolas dos seus andéis e arroupámolas, esperando que alguén  lles dé definitivamente calor e vida coa súa letura, porque, ao igual que A SEGA,  somos conscientes de que  ROSALÍA DE CASTRO ATERECE. E madía leva non aterecer! … Rosalía de Castro é unha muller que morreu hai máis dun século e a quen durante longas décadas meteron nunha mortalla de cravos, sombras e prantos. Na maior parte dos casos o que o día a día nos devolve dela son imaxes de pedra, bustos e monumentos. Mais debaixo da pedra fría … sabemos que latexa unha obra viva, rebelde e mesmo temeraria.  Unha obra que apela a todas (e todos) nós porque fala de nosoutras, fala das (e dos)  que cantamos, das (e dos)  que traballamos, … rimos, … padecemos, … queremos un mundo onde a violencia non sexa tolerada (…)
Por todo iso … Rosalia de Castro non pode ficar máis á intemperie (…)”
 

02/02/15

DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA




Con ocasión da conmemoración do Día da Paz e a Non Violencia decenas de laboriosas mans puxéronse no noso Instituto a facer grúas de papel, baixo o noso lema de traballo para este ano Homo habilis. As grúas de origami convertéronse en símbolos de paz cando Sadako Sasaki (1943-1955), enferma de leucemia debido á radiación da bomba atómica, pediu a paz e a curación para todas as vítimas inocentes da guerra aferrándose a unha antiga lenda xaponesa que promete que quen faga mil grúas de papel verá cumprido un desexo. Desgraciadamente, o avance da enfermidade impediu que chegase a completar as mil grúas.
No Parque da Paz de Hiroshima pódese visitar unha estatua dedicada a Sadako, en cuxa base está escrito: "Este é o noso berro, esta é a nosa pregaria: paz no mundo". A este berro quixo unirse o noso Instituto para celebrar o Día da Paz.