09/02/17

"SEGUE AS SÚAS PEGADAS. PONTE NA SÚA PEL"

            O 30 de xaneiro conmemórase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Nesta data facemos especial fincapé na necesidade de educar na tolerancia, a solidariedade, o respeto polo Dereitos Humanos, a non violencia e a paz.
            Este ano decidimos que o eixe central da nosa conmemoración debía ser o dos refuxiados co obxectivo principal de concienciar á comunidade educativa do IES de Melide sobre esta problemática de índole mundial . Tamén decidimos non concentralo  nun único día e otorgarlle así a importancia que require.
            Así, a día de hoxe, son varias e variadas as actividades que se levaron e están a levar a cabo relacionadas co tema dos refuxiados. Aquí recollemos algunhas delas.
            O luns 30 de xaneiro, alumnado de artes escénicas de 4º de  ESO e de reforzo de 1º de ESO, participou na montaxe dun “campo  de refuxiados” na entrada principal do centro.
            Neste campo, ao longo da semana e durante os recreos, o alumnado de Valores Éticos de 1º de ESO, reclamou a nosa atención e reflexión sobre a situación de Siria e dos desprazados procedentes deste país a través de cartaces de elaboración propia, ou portando imaxes de refuxiados coas súas demandas.
            O alumnado de Reforzo de 2º de ESO utilizou como aulas as tendas do campo. Cincuenta minutos fixéronse moi longos nesas condicións: frío, pouco espazo, incomodidade,... moi lonxe esta pequena  experiencia do día a día dun refuxiado  que sufre as inclemencias do tempo coa a  única protección dunha tenda de campaña, sen auga corrente, sen ou con escasa comida, sen aseos, ...
            O alumnado de PMAR elaborou dous murais explicativos sobre os países en conflito actualmente e os refuxiados.
            Na biblioteca construímos un espazo baixo o lema "Nós tamén fomos refuxiados. Nós tamén podemos ser refuxiados" no que se expuxeron cómics, libros e películas relacionados coa temática.
            En inglés, o alumnado achegouse á historia dunha familia siria que agora está refuxiada en Irak a través de diferentes actividades de aula adaptadas a cada nivel .
            O alumnado de 1º de ESO reflexionou sobre a problemática dos refuxiados a partir dunha historia real na materia de Lingua Galega.
            En 2º de ESO, na materia de Lingua Castelá, o alumnado traballou o formato entrevistas facendo uns de xornalistas e outros de refuxiados.
            Na materia de Matemáticas, un grupo de alumnos de 1º de ESO coñeceu as historias e seguiu o percorrido de nove persoas desprazadas de diferente procedencia, desde a saída forzosa do seu país ata o país no que se atopan actualmente. Marcaron eses percorridos no mapa e calcularon a súa lonxitude. 
            Esta semana de actividades culminou coa presentación dunha performance por parte do alumnado  de "Artes Escénicas" de 4º ESO na recreación do  "campo de refuxiados ",  na que  un membro do grupo, que representaba a UE,  escoitaba impasible e dándolle a espalda ó resto, que en primeira persoa, e intentando poñerse na súa pel, contaban a historia de refuxiados reais.
            Finalizamos esta entrada cun poema de Celso Emilio Ferreiro, unha adaptación do mesmo feita por Marga Quintela  e a reflexión que ela nos propón.


dia da paz_refuxiados by Slidely Photo Gallery