22/03/17

MACHISMOS: DE MICRO NADA

Esta afirmación rotunda e con algo de retranca é o título que o colectivo Fiadeiras deu ao libro que se presentou no IES de Melide o pasado luns, 13 de marzo, no marco das actividades conmemorativas do día da muller.
Esta interesante publicación vén ser unha reflexión sobre os modelos e estereotipos sexistas que seguen presentes na nosa vida cotiá a través de relatos de mulleres e homes con moi diferentes contextos, cancións, viñetas, poemas e outros fragmentos literarios.
Comezamos a actividade cunha dramatización do grupo Teiroa con textos do libro adaptados por Marga Quintela para sorprender e agasallar a Tania e Natalia, as dúas Fiadeiras que se achegaron ao centro. A continuación elas organizaron un pequeno obradoiro, explicáronnos o labor das educadoras sociais e tratamos algúns aspectos do libro, entre eles esa retranca do título, que xorde como réplica ao termo acuñado polo psiquiatra Luís Bonino para definir as condutas "invisibles", machistas e dominantes, que moitos homes pratican no seu día a día.
Ao ser un gupo pouco numeroso, a actividade resultou moi agradable e que o tempo se nos fixo pouco.
Machismos: de micro nada

10/03/17

AS NOSAS MULLERES

Nas aulas de 1º de ESO e Reforzo e PMAR de 2º estivemos a facer un pequeno traballo colaborativo para recoñecer a importancia das mulleres que están máis perto de nós para celebrae o 8 de marzo. Elas están sempre traballando, quérennos, cóidannos e sempre están pendentes de que non nos falte nada.

07/03/17

A MULLER NA PUBLICIDADE DOS ANOS 60

Para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o Departamento de Madeira realizou esta magnífica escolla de imaxes publicitarias dos anos 60 nas que aparece a muller no contexto do fogar, co mobiliario como telón de fondo. En todas elas podemos ver a muller nos roles estereotipados de perfecta ama de casa, complaciente esposa e abnegada nai e sempre traballadora incansable. Nalgunhas delas a imaxe feminina, literalmente axeonllada ao lado do home, non necesita máis palabras. Non está demais recordar que a maioría destes anuncios semellan proceder de EEUU ou do mundo anglosaxón, culturas nas que se presupón que a muller estaba moito máis emancipada que na España da ditadura franquista. Sen embargo estas imaxes non difiren moito daquelas que conservamos da Sección Feminina española. Este sinxelo pero estupendo traballo que revisa a imaxe da muller hai 50 anos, enlaza tamén co noso tema de traballo monográfico para este curso sobre os 50 anos que o IES de Melide cumpre agora.

SEGUIMOS A TRABALLAR COS TRANSPLANTES

Como ben sabedes, no IES e Melide temos un grupo de traballo, dentro do Plan Proxecta, sobre transplantes de órganos que está formado por membros do Departamento de Madeira.
Todos recordamos aquela estupenda curta que no ano 2013 recibira o 1º premio dentro do III Concurso de Curtometraxes para Escolares relacionadas coa doazón e os trasplantes.
Agora o grupo segue a traballar ofrecéndonos esta interesante selección de películas que teñen como tema central o transplante e a doazón.