24/10/22

Día das Bibliotecas

Hoxe, Día das Bibliotecas, enfeitamos o taboleiro que está a carón da nosa biblio cos debuxos que, a partir dunha cita de Gloria Fuertes, foi facendo  o alumnado de 4ºESO: 

"Dentro de la biblioteca se cura la ignorancia: los libros son para la mente como las tiritas para el alma y las bibliotecas son tan importantes que tendrían que estar por todas partes, como las farmacias"

(Gloria Fuertes, bibliotecaria e poeta)


20/10/22

Día das Escritoras

17 de outubro: Día das Escritoras

Conmemoramos  o Día das Escritoras, unha data ben acaída para reivindicar a escrita en feminino plural. Son moitas as autoras que  escribiron a guerra e nós lémola. E nesas páxinas camiñamos da súa man por situacións de sufrimento, de entrega e tamén de compromiso, porque 

despois de cada guerra
alguén ten que limpar
non se van ordenar as cousas soas

diría a poeta polaca Wisława Szymborska.

Pero nas voces das nosas  escritoras sentimos o conflito máis quente. Con Eva Mejuto férvenos o volframio no sangue, e devecemos por socorrer  ás dúas Marías na Alameda de Compostela, acosadas, perseguidas por mor da súa ideoloxía se as escribe Concha Blanco; choramos adeuses desde o barco de Marina Mayoral e precisamos con urxencia o mesmo xarope que Adela Figueroa para erguer un muro contra a barbarie. É por iso que andamos á procura desesperada dunha pílula de poesía contra tanta demencia colectiva, porque ninguén marisca piedade coma Yolanda Castaño.

Estas son algunhas das autoras, cuxas obras foron expostas na entrada do noso centro, coa finalidade de darlles  visibilidade, despois de seren lidas polo alumnado. 


11/10/22

 

PRESENTACIÓN DA BIBLIOTECA AO NOVO ALUMNADO

   A nosa biblioteca leva o nome de Xaquín Yebra, profesor de Historia neste centro, amante dos libros e persoa entrañable.

QUE É UNHA BIBLIOTECA?

   Dicía Jorge Luis Borges: “Siempre imaginé que el paraíso sería algún tipo de biblioteca”.

   Logo unha biblioteca é un lugar para sentir o entusiasmo deste primeiro día, para probar  o pracer de sentar nunha desas cadeiras, coller un libro e ver onde nos leva. Seguro que cada un de vós, cando lestes un libro que vos gustou moito, non regresastes del do mesmo xeito. Como cando se fai unha viaxe ou se emprende unha aventura. Volvemos transformados, somos outros. Por iso as bibliotecas son paraísos, como dicía Borges, onde ir para avanzar, para soñar  outros mundos,  para ser máis libres, mellores persoas.

   Tamén, quizais, por iso os libros son tesouros e ten que haber espazos coma este onde viven, colocadiños porque son material sensible, coma vós.

   As bibliotecas son, pois, luz. Esta tamén, pero ademais…védela? É luminosa e alta, altísima, para que poidades medrar e ben sabedes que non nos referimos á estatura.

   Desde Melide podemos viaxar a moitos sitios, a todos os continentes se queremos, pero desde a biblio pódese ir aínda máis lonxe, moito máis lonxe: a lugares de nós que non coñeciamos. Esa si que é unha viaxe fascinante.

   Agardamos, pois, encontrarnos neste paraíso, que é o corazón do noso centro.

QUE É UN CLUB DE LECTURA?

   É unha reunión onde se xuntan ollos que escudriñan en páxinas, persoas ás que lles gusta ler...

   O noso Club chámase Papalibros. Mirade  que nome tan simbólico. Iso é porque hai lecturas que son para papar, para lamber. Así que, unha vez ou dúas ao mes, sentaremos nunha parola entretida,  mentres comemos un bocata ou unha lambetada, para falar de historias que formarán parte de nós,  e de cine, e de música… Para falar da nosa viaxe apaixonante polos libros.