21/12/12

GRANDES VELEIROS DO S.XVIII

                                   
Seguindo co tema das viaxes, que imos desenvolver ao longo do curso, o profesor de E.F., Couso, deleitounos falando dunha das súas grandes paixóns, a navegación a vela. Neste caso centrouse nos grandes barcos de vela do século XVIII.
Aprendemos os nomes das partes do barco, como se dispara un canón, viaxamos polo medio das tempestades no mar... e case, case nos dispara o canón que podemos ver na imaxe. Algúns valentes alumnos de 1º de BAC escaparon pensando que dispararía de verdade.
Tamén nos recomendou a lectura de libros relacionados coa navegación, entre eles Assur, unha obra moi interesante  de Francisco Narla que está ambientada, en parte, en Galiza. Témola na biblioteca. Podedes botarlle unha ollada.
Couso tamén tiña preparado un barco que navegaría polo recinto do instituto, pero veu un temporal e naufragou. Esperamos poder rescatalo das profundidades do mar.

20/12/12

A viaxar!

Un grupo de intrépid@s alumnos e alumnas de 1º ESO animad@s polas lecturas de Jules Verne decidiron viaxar en globo. Vestiron as súas mellores galas para a ocasión e lanzáronse.
Mentres, os seus compañeiros observaban con miradas de asombro o lanzamento do globo que eles mesmos, coa axuda da profesora de Sociais, fabricaran.
Por fin, xa estaban no aire viaxando en globo  pola biblioteca.
BOA VIAXE!

SOLSTICIO DE INVERNO


Como sabedes, o 21 de decembro conmemoramos o solsticio de inverno. Este día é tamén moi importante para nós, porque comezan as vacacións de inverno, por iso ímosvos comentar algo sobre a figura do apalpador. Este ser máxico, tamén chamado pandigueiro, aparece por estas datas para apalpar as barrigas dos neniños e ver se teñen fame ou se comeron ben. Este ano, debido aos recortes, ao paro... en xeral, á crise, moitas barriguiñas non van estar moi cheas, e o apalpador teranos que deixar moito máis que castañas para que se poidan encher.
Hoxe ímosvos propoñer, especialmente aos máis pequenos, a lectura dun novo libro centrado na figura do apalpador. Titúlase Apalpador vs. Papá Noel, escrito por Fernando Cimadevila e ilustrado por José Ángel Ares. Nel poderedes atopar, ademais dunha fermosa historia, a receita da torta de castañas con chocolate e varios xogos. O libro subtitúlase Contos estraños para nenos friquis e ten, ademais, a particularidade de que está editado baixo unha licenza Creative Commons España 3.0 que a identifica como non comercial, o que significa que sodes libres de copialo e distribuílo onde queirades, sempre que citedes os autores e que sexa sen ánimo de lucro.
Esperamos que pasedes unhas divertidas vacacións e que leades moito, porque xa sabedes que a mellor viaxe é un libro.

13/12/12

12-12-12-12 con Celso Emilio

Por fin chegou o día e hora tan esperados e un montón de rapaces, rapazas e profesoras xuntámonos na biblioteca do IES de Melide  para recitar a Celso Emilio, seguindo a convocatoria da Coordinadora Galega de ENDL.
Despois dunha extraordinaria introdución a cargo de Lorena Ambrosio, as alumnas e alumnos de 2º de BAC fixeron un recitado de "Deitado frente ao mar", acompañados por música en directo, interpretada por  tamén alumnasde 2º e 1º de BAC.
A continuación os Papalibros fixeron unha versión hip-hop deste mesmo poema, que conseguiu sonar ben graza a axuda inestimable de David.
Este foi o noso xeito de conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio, poeta comprometido coa lingua, coa xente sinxela e cos que sofren. Foi esta tamén a nosa maneira de reivindicar o dereito á nosa identidade, a educarmos en galego porque queremos, porque nos peta
Aproveitameos tamén esta data redonda para participar nunha lectura de textos clásicos, dentro da convocatoria "yo conozco mi herencia. ¿Y tu?", da que vos damos conta no noso blog Aspasia.

11/12/12

RECITANDO A CELSO EMILIO E COÑECENDO A NOSA HERDANZA.

O 12 do 12 do 2012 ás 12.00 Biblomelide tamén estará recitando a Celso Emilio, celbrando así o centenario do seu nacemento.

E este mesmo día 12 do 12 do 2012 ás 12.1, porque non podía ser doutro xeito. Alumnas e alumnos do departamento de grego leran textos clásicos, dentro do envento Yo conozco mi herencia. ¿Y tu?, que tamén podedes ver con detalle no noso blog Aspasia