25/06/18

A PRESENZA FEMININA NO RUEIRO DE MELIDE

O alumnado de 3º de ESO de Xeografía e Historia colleu un rueiro da vila de Melide e contou o nome de rúas con nome de muller: só 15. Tamén fixo un traballo de investigación  sobre cada unha destas mulleres: Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Maruja Mallo, ...
Propuxeron ao Concello mulleres relevantes, preferiblemente da Terra de Melide ou de Galicia, para darlle nome ás rúas e prazas de Melide.
Este traballo iniciouse no mes de marzo, dentro do programa de actividades para a conmemoración do Día Internacional da Muller, co obxectivo de visibilizar a escasa presenza das mulleres tamén nas nosas rúas, e reividincar o seu papel fundamental na educación, literatura, artes, política, .... Está presente, de novo, o tema de traballo deste curso da biblioteca: Anómim@s.


MÚSICOS ANÓNIMOS

Aquí temos un traballo máis relacionado co tema deste curso da biblioteca: Anónim@s. O alumnado de 2º ESO investigou sobre a existencia de familiares, coñecidos, veciños, amigos, ... que tiveran algunha vinculacion coa música ( tocar algún instrumento, cantar, facer instrumentos, pertencer a algunha agrupación musical), buscou unha foto de cada unha desas persoas  e elaborou unha pequena biografía na que quedaba patente a súa relación coa música.
Presentaron o resultado do seu traballo nun pentagrama situado no corredor de 2º . Unha orixinal maneira de dar a coñecer ás persoas  que tiveron e teñen un papel fundamental no legado musical da Terra de Melide.




MOBLES ANÓNIMOS

Velaí o traballo do Ciclo de Madeira relacionando co tema de traballo deste curso na biblioteca Anonim@s. Nel recóllense historias de mobles antigos, algúns herdados, que que forman xa parta da nosa vida, ben porque están na nosa casa, ben porque coñecemos o seu pasado.
Fronte a estes mobles, realizados todos eles por ebanistas e carpinteiros descoñecidos, aparecen outros mobles, modernos e de deseño, que si teñen "nome" e incluso podemos ver a imaxe do seu creador ou creadora. Estilos moi diferentes, pero unha mesma función: vestir as nosas casas, gardar as nosas cousas ou, o máis importante, facer a nosa vida máis cómoda.

19/06/18

BOAS LECTURAS E BOAS VACACIÓNS!

Co gallo do seu peche de verán, a Biblioteca Xaquín Yebra do IES de Melide  non quere que ninguén se quede sen lecturas para gozar nos longos días estivais. Por iso cada usuario pode levar ata un máximo de 25  recursos (pelis, cómics, música, novelas, ...) ata a primeira semana do curso 2018-19.
Queremos que en verán  os libros non se queden na biblioteca, senón que podan ser lidos durante eses días por os nosos usuarios, así que, animádevos a escoller as vosas lecturas de verán!





11/06/18

POETÍZATE EN GALEGO

O alumnado de Literatura Universal e Artes Escénicas de 1º de Bacharelato deleitounos a finais de maio  cun maravilloso recital de poesía en galego.

Este recital comezou cunha pequena mostra do panorama poético actual en Galicia coa escolma de seis mulleres poetas, galegas e novas: Alicia Fernández, Andrea Nunes, Berta Dávila, Lara Dopazo, Oriana Méndez e Celia Parra.

Na segunda parte, o alumnado carcaterizouse e recitou unha escolma de poesía universal desde a antigüedade ata o século XX en galego.

Agora comparten con todos nós , a través deste enlace. a presentación elaborada por eles cos poetas e poemas escollidos para o recital:

POETÍZATE! EN GALEGO!





07/06/18

MAGNÍFICO AGASALLO


Na semana pasada, na biblioteca Xaquín Yebra recibimos a visita de Marta Sánchez Villarabide, exalumna do IES de Melide, que viña taernos un agasallo precioso: o primeiro CD do seu grupo, Cuarta Xusta, cunhas fermosas dedicatorias de tod@s @s seus compoñentes.
O grupo Cuarta Xusta estreouse no 2016 no festival Presume de Galego, que organiza o ENL do IES de Melide e que xa está institucionalizado como evento cultural que se celebra o último venres de xaneiro.
Ademais de Marta (violín), o grupo está formado por Aida López Costa (voz), tamén exalumna do IES de Melide, Alba Vilariño Silva (baixo), Lúa Aguete (batería) e Alberto García Diéguez (guitarra). Comezaron versioneando temas, pero conseguiron crear temas propios e gravar o seu primeiro traballo, Un novo espertar.
Para o ENL e a biblioteca do IES de Melide é unha honra ter aportado o noso gran de area para que este grupo saíse adiante. Resultados tan brillantes como este anímannos a seguir convocando máis festivais e seguir fomentando a música en galego.
Deixámosvos cun dos temas deste traballo que Cusrta Xusta interpretou no programa Luar da TVG. Os nosos máis sinceiros parabéns, quedamos convertido@s en fans incodicionais.