20/05/14

ENTREGA DE PREMIOS XOGO DE PISTAS

Nestas últimas semanas tivo lugar o xogo de pistas "De película", que consistiu en buscar o título de filmes a partir dunhas siluetas de imaxes, que aparecían no cartel de "Un ano de película" e unhas pistas. Tamén tiñan que atopar o URL que nos conducía ás imaxes. Houbo dúas modalidades, unha para 2º ciclo de Bacharelato, madeira e adultos, e outra para o alumnado de 1º ciclo da ESO.

Despois dun emocionantísimo e rifadísimo  xogo no que houbo moitos grupos que obtiveron a totalidade dos puntos e que desempataron a tempo, hoxe, por fin, entregáronse os premios aos/ás gañadores/as, que foron:
-O grupo Mafalda e Manolito, composto por Pablo G. Remeseiro e Iris Parrado López, de 2º de Bacharelato.
- O grupo Sometimes, formado por Paula Ares, Ángela Prado e Virginia Mosteiro, de 2º de ESO.

Parabéns  a todos/as por participar, e, especialmente aos grupos gañadores.


19/05/14

DÍA DAS LETRAS 2014


Este ano, o Día das Letras estivo dedicado ao autor do libro de poemas Nimbos, Xosé María Díaz Castro. Nós quixemos ofrecerlle unha pequena homenaxe recitando algúns poemas na biblioteca, entre eles o coñecidísimo Penélope ou o non tan coñecido Coma unha espada, do que incluímos aquí a letra.

COMA UNHA ESPADA

Tódolos ríos pasan pola miña
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza feriume para sempre.

Ó traveso da escura teadearaña
deste mundo unha estrela cai no río
da miña vida e quédame chamando.
A beleza feriume para sempre.

En cada voz eu oio unha chamada
cun longo eco de adeus que non entendo,
pro que me fire como espada ardendo.
A beleza feriume para sempre.

E as falopas dos anos van caendo
sobre a sede inmortal e os ollos tristes,
¡Pro non enterran a boca da ferida!
A beleza feriume para sempre.






17/05/14

AGASALLO DÍA DAS LETRAS

Este ano o alumnado da Terra de Melide recibiu un fermoso agasallo, ideado polo ENDL do IES de
Melide. No instituto foron as alumnas e alumnos do grupo teatral Teiroa quen se encargaron de repartir os galanos ao tempo que representaban polas aulas unha improvisación baseada en textos de Sechu Sende. O agasallo consistiu nun estoxo que contiña dentro este fermoso tesouro:




ESTOXO DA LINGUA INSTRUCIÓNS DE USO

1. Indicado para gardar lapis, bolígrafos, plumas e demais dispositivos que escriban palabras en galego.

2. O material gardado neste estoxo, e as palabras que con el se escriban, deben ser usadas de xeito diario e continuado.
3. As palabras así escritas deben ser tratadas con moito agarimo, tendo sempre moito tino de que non se perda ningunha ou se borre, xa que constitúen a nosa máis prezada propiedade. 

4. Este tesouro inclúe unha enorme variedade: pronomes atrevidos, adverbios incribles, conxuncións entremetidas, indefinidos que non se mollan, adxectivos para dicir as cousas máis lindas ás persoas que queremos, verbos moi prácticos, nomes de persoas para poñerlles aos nosos fillos e fillas…

DERRADEIRA CONSIDERACIÓN

Este estoxo non é calquera cousa e, polo tanto, o seu uso debe perdurar, cando menos, toda a vida do seu propietario ou propietaria.

07/05/14

CERTAME LITERARIO "LETRAS GALEGAS 2014"

Como todos os anos por estas datas, o Equipo de Normalización Ligüística e a biblioteca do IES de Melide convídanvos a escribir no foramto que máis vos guste o vos inspire. Este ano como novidade engádese unha nova categoría: "Traballos de recuperación da memoria comunitaria" e ben se podían animar algúns rapaces e rapazas de 1º de ESO a presentar o magnífico traballo que fixeron na clase de sociais...

Certame Letras Galegas 2014