22/12/17

AGASALLA UN PRÉSTAMO

Este Nadal na biblioteca Xaquín Yebra puxemos en marcha a campaña "Agasalla un préstamo". Trátase de algo moi sinxelo: escollemos unha lectura ou película da biblioteca pensando en que pode gustarlle á persoa á que queremos agasallar e a solicitamos en préstamo para que ela a lea durante o Nadal. Logo procuramos preparar o mellor posible o noso agasallo, facemos un fermoso paquete con materiais reciclados, porque está claro que ademáis de gratuíto o noso galano ten que ser ecolóxico, engadimos unha tarxetiña e alá, a disfrutar.
Nesta última semana lectoras/es de todas as idades buscaron inspiración nos andeis da nosa biblioteca para facer o seu agasallo.
Está claro que non necesitamos gastar diñeiro nin consumir para facer facer un regalo magnífico, e que as mellores lecturas non teñen prezo. Agasalla un préstamo

11/12/17

CINE E DEREITOS HUMANOS

Utilizando como fonte a páxina de Amnistía Internacional "El cine i la Declaració Universal dels Drets Humans",  fixemos unha selección de títulos de películas para traballar na aula cada un dos 30 dereitos, 21 dos cales temos na biblioteca.
Na páxina mecionada faise unha proposta máis ampla e proporciónanse tanto ficha técnica como suxestións didácticas sobre cada película.




DÍA DOS DEREITOS HUMANOS: AS SÚAS DEFENSORAS.

Unha defensora dos dereitos humanos  é  unha persoa que traballa, de maneira pacífica, en favor de tódolos dereitos  proclamados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Pode facelo  informando ó  público sobre violacións  de dereitos humanos ou promovendo campañas para a promoción e protección destes  dereitos. Defensores de dereitos humanos poden ser avogados que defenden a causa dos presos políticos  e o seu  dereito  a un xuízo xusto; nais de desaparecidos  que marchan para esixir a verdade sobre a sorte dos seus  fillos; comunidades campesiñas e indíxenas  que se organizan para defender o recoñecemento dos seus  dereitos; organizacións que loitan  contra a impunidade dos  autores de violacións  dos  dereitos  humanos. Esta "loita" polo respecto dos Dereitos Humanos é en moitos  países unha actividade de alto risco, e os  grupos e individuos que se comprometen nesta  vía son moitas  veces o  obxectivo prioritario de autoridades e de grupos privados que recurren a  desaparcións forzadas, execucións, detencións arbitrarias ou á tortura para facelos calar.

Este 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, queremos visibilizar e respaldar a importante labor destas persoas presentando, de forma moi resumida, as accións dalgunhas delas. Nesta selección intentamos incluír a persoas de diferentes procedencias, de épocas dispares, algúnhas coñecidas e outras non, e defensoras de moi distintos dereitos. Podemos e queremos  completar este listado coas túas suxestións.