29/11/12

PREMIOS DO CONCURSO DE MICRORRELATOS

Hoxe tivo lugar a entrega de premios ao alumnado premiado no concurso de microrrelatos en contra da violencia de xénero ou a favor dunha boa relación na parella.
Os premios consistían en vales para mercar material escolar e libros.
O alumnado premiado foi:
1º Ciclo:
1º Premio: Paula Ares Turrado (S1A)
 



“Pola mañá, ouro; pola tarde, prata; pola noite, mátame”



2º Premio: Hilda Mosteiro Quintela (S1A)


“Cando cheguei de traballar, vina preparando a cea. Abraceina e díxenlle canto a quería”

2º Premio: Celia Varela (S2C)

“ Era unha mañá de outono, e eu atopábame na casa soa e en silencio. Só se escoitaba o TIC, TAC do reloxo. A miña vida era un inferno. Dende que casei a miña vida está coma morta, coma se non tivera rumbo nin sentido, coma se non tivera nada. O meu marido maltrátame e insúltame, para el son coma unha marioneta, coma un xoguete. Cando escoito abrir a porta, sinto que o meu inferno empeza, coma todos os días, e penso que sería mellor estar morta que sufrir isto”

3º Premio: Mariña Ferreiro Vilariño.

Libérame do inferno.










“ Carme está na casa, pois non pode saír; se o fai, só pode ser acompañada polo seu home. Pero non só iso, insúltaa, pégalle, maltrátaa. Quere chamar á policía, pero... que pasaría? Sempre que o pensa, decide non facelo. TEN MEDO"

Bacharelato:
1º Premio, pola súa calidade literaria: Zeltia Mato Fernández ( 2º BAC.)


“ Non poñas esa saia tan curta e eses tacóns, puta”. Resoprei. Do farta que estaba deses desprezos, collín a punta do tacón e, con todas as miñas forzas, espeteina na súa entreperna. Non quería volver a sentirme un xoguete e un obxecto.

2º Premio: Pablo Laya ( 2º BAC.)

“ Flores, música, amigos, familiares, alegría, diversión.
Xa están casados.
Fillos, gritos, débedas, choros, pelexas.
Morre outra muller nas mans dun home”

3º Premio: Paula Mejuto Fuciños ( 2º BAC.)

“Casou...!
Sen saber que, ese día, comezaba o camiño cara a súa morte”.

Había moitos máis microrrelatos dignos de ser premiados, pero non podiamos conceder tantos premios. Animámosvos a que sigades escribindo.

23/11/12

¿ Sabías que a principal causa de mortes e discapacidade de mulleres entre 16 e 44 anos ,é a violencia dentro da propia familia ?. Provoca máis mortes e danos á saude ca o cancro ou os accidentes de tráfico. A violencia contra as mulleres mostra de xeito terrible que aínda existe unha cultura na que a muller é pouco máis ca un obxeto, e ese feito é un grave atentado contra a súa dignidade. Unha reflexión sobre esta cuestión lévanos a mirar o noso entorno próximo: a nosa escola, o noso instituto...donde tamén é enormemente importante educar para sentirnos e tratarnos como iguais. Eles buscan reafirmar a súa virilidade e elas cren que a actitude da súa parella forma parte do xogo amoroso. A violencia machista gaña terreo nos institutos e cada vez son máis as rapazas que sofren aillamento, insultos ou agresións nunha relación que remata sendo tormentosa. Moitas veces escoitamos música, e non nos fixamos na letra.....atende a estas: EL DIARIO DE SONIA. SE ACABARON LAS LÁGRIMAS. MALO ERES!

13/11/12

10 ANOS DE PRESTIGE

Hoxe, 13 de novembro, cúmprense 10 anos do Prestige, a meirande catástrofe ecolóxica que sufriu Galicia. Bota unha ollada á presentación e pásate durante esta semana pola biblioteca para ver a ambientación e os materias expostos.

09/11/12

CONCURSO DE MICRORRELATOS


Un ano máis, dentro do seu Plano Anual, o Equipo de Biblioteca do IES de Melide convoca un
concurso de Microrrelatos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Cantas palabras necesitamos para poder contar unha boa historia? Retamos ao alumnado do IES de Melide a que con menos de cen palabras tente chegar ao corazón d@s lectores/as.
Atrevédesvos?

Velaí as BASES e desta vez ninguén se queixará do moito que ten escribir:

- Os relatos xirarán en torno á violencia contra as mulleres ou ben a non violencia e  como debe ser o bo trato en calquera relación.
- Terán unha extensión máxima de cen palabras.

- O prazo de presentación remata o venres, 23 de novembro de 2012 .

- Establécense tres premios para os tres mellores microrrelatos presentados (1º ciclo, 2º ciclo e Bacharelato e CF).

- O xurado estará formado por tres profesores/as do Equipo de Biblioteca e dous alumnos/as membros da Asociación do Alumnado.

*O xurado poderá deixar deserto/s o/s premio/s se o considera oportuno.


04/11/12

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO. RAMÓN VEREA

¿Sabías que a primeira calculadora que multiplicaba foi inventada por un galego?



 Desde os tempos máis remotos,  a humanidade  soñou  con posuír máquinas capaces de realizar cálculos complicados e, así, liberar a sufridos contables e administradores de ter que loitar con grandes sumas, restas, multiplicacións e outras operacións máis complexas. A historia das calculadoras é tan longa  e complicada que dista moito de ser algo sinxelo  de narrar. Trátase dunha viaxe pola historia  da ciencia e a  técnica chea  de nomes e enxeños de todo tipo, ninguén pode atribuírse a paternidade do invento, moitos foron os seus pais.
Un destes pais é Ramón  Silvestre Verea García, escritor e xornalista galego (Curantes 1833 – Bos Aires  1899). No ano 1878, en Nova Iorque,  remata a súa máquina de cálculo. Esta constitúe unha revolución no eido das operacións aritméticas sendo moi eloxiada pola prensa estadounidense. 

P. Morris, biógrafo de Ramón Verea, escribe sobre ela:
 “ A única máquina no mundo que practica por enteiro as catro principais operacións de aritmética, a diferenza das anteriores, que só sumaban ou restaban. A de Verea non só fai isto, senón que multiplica e divide. Capaz de facer cálculos para 9 cifras nos sumandos, multiplicando ou divisor, para seis no multiplicador ou o cociente e para quince no produto ou dividendo. É posible facer con ela dun modo rápido todas as  operacións  máis longas e difíciles por medio dun procedemento mecánico. A máquina ten 14 polgadas de longo por 12 de ancho e 8 de alto. Pesa 50 libras e é toda de ferro, aceiro e metal amarelo”
A máquina de Ramón Verea , premiada coa medalla de ouro na Exposición celebrada en Matanzas (Cuba) por aquel tempo,  foi patentada pero non comercializada, pois o que moveu a Verea a traballar para inventar a súa calculadora foi o desexo de probar que un xenio inventivo pode deixar atrás as eminencias das nación máis cultas, e o afán innato de contribuír con algo ao adianto da ciencia, e non o reembolsar parte ou o total dos cartos invertidos na súa creación.
Actualmente a máquina de Verea  atópase no depósito que a empresa norteamericana IBM, multinacional que fabrica e comercializa ferramentas, programas e servizos relacionados coa informática, posúe na cidade de Nova Iorque.

Ramón Verea , home de mentalidade renacentista , foi un daqueles galegos curiosos que quixeron descifrar algunhas das claves da ciencia aplicada á industria e ao cálculo para reverter no progreso social. A razón e a observación, xunto ao seu carácter emprendedor, foron elementos  substanciais para chegar onde chegou.


Dia da Ciencia. Viaxamos con Leonardo

 Este ano, o Día da Ciencia e da tecnoloxía está dedicado ao galego Ramón Verea e a Leonardo Da Vinci.
 Leonardo foi un artista e home de ciencia que experimentou constantemente con novas técnicas. Era un gran observador científico e inventor. Realizou numerosos estudos científicos de anatomía, medicina, enxeñería...
 Como enxeñeiro e inventor, Leonardo desenvolveu ideas moi adiantadas ao seu tempo, tales como o helicóptero, o automóbil autopropulsado, o submarino, o carro de combate, o paracaídas, unha máquina para sumar, unha escafandra con casco... Considérase o precursor de moitas máquinas modernas; pero en canto á bicicleta, a súa paternidade non está clara.
Considérase que varias das consideradas  tecnoloxías de Leonardo foron herdadas dunha tradición máis antiga. A súa orixinalidade ponse de manifesto na máquina voadora, xa que durante a maior parte da súa vida estivo fascinado polo voo. Produciu numerosos estudos sobre o voo dos paxaros nos que se inspirou para debuxar os planos de varios aparellos voadores, como o parafuso aéreo, o paracaídas, etc.
Leonardo inventou aparellos para desprazarse pola terra, polo aire e pola auga.
Quen non soñou algunha vez con voar e con viaxar?
No corredor do instituto temos unha pequena exposición de imaxes dos inventos de Leonardo e de libros sobre a súa obra.