24/02/16

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO



Este curso, con ocasión do Día de Rosalía de Castro, o noso centro uniuse á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) de enviar masiva e simultaneamente desde os terminais móbiles de alumnado e profesorado, baixo a etiqueta #mobilizarosalía, o seguinte verso de Cantares gallegos: Trocando en sonrisas / queixiñas e   choros.

Ademais, María FociñosCarlos Pampín e Ana Prieto, do grupo de teatro Teiroa, acompañados pola nosa compañeira Marga Quintela, participaron na II Edición de Recitado de Poesía "ROSALÍA SEMPRE VIVA".
                 




                            



 
Manifesto
da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
no Día de Rosalía de Castro 2016
  
Rosalía libre e sen medo ningún

Non podemos saber como sería hoxe Rosalía de Castro. Ou si: sería como era, como foi, como segue a ser, como é Rosalía. E como é Rosalía, que agora non o podemos saber?
Sabemos, sabemos. Sabemos que foi verdadeira, que viviu toda a súa vida con verdade e que foi unha persoa libre, e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura.
Non hai liberdade se a palabra non é libre, e por iso ela escribiu sen medo ningún para combater «aos que sen coñecemento algún nin razón, nos desprezan, que a nosa lingua non é aquela que bastardean e chapurran nas máis ilustradísimas provincias, cun riso de mofa.» A súa preocupación polo país nacía dun orgullo profundo de ser galega, «o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así aos fillos da Galiza como da Galiza mesma.»
Escribiu poesía, e a poesía abrázao todo: a alegría, a esperanza, a dor..., e tamén a denuncia da opresión, e tamén as proclamas da política da liberdade. Nos seus versos cabe a liberdade da Galiza e tamén a xustiza social que reclama para todos os «desherdados», mesmo explicitamente para os traballadores: «Obreros incansables, yo os saludo.»
E se escribía sobre os demais, os demais que sufrían, era porque o sentía. Toda a súa poesía é lírica; non nace das ideas, que nace dos sentimentos, afectos e emocións da autora.
E todo o que ela sentía e toda a xente que ela sentía como súa, habitaba dentro dun mundo vivo todo el. Poucas veces a natureza aparece tan constantemente, rodeando e envolvendo a vida toda. As augas, as árbores, as plantas, os ceos, un mundo vivo e activo, ás veces amábel e familiar:

Baixo a prácida sombra dos castaños
do noso bon país
baixo aquelas frondosas carballeiras
que fan dose o vivir;
cabe a figueira da paterna casa
que anos conta sin fin,
qué contos pracenteiros, que amorosas
falas se din alí!

E, cando dentro dela lle nace unha pena, sempre ten a certeza de que aí fóra hai uns ceos claros onde mora a esperanza:

            No ceo, azul crarísimo;
no chan, verdor intenso;
no fondo da alma miña,
todo sombriso e negro.

Ninguén lle quite a Rosalía o que Rosalía dixo e foi: «Solo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios.» Ninguén diga que foi muller encollida ou, sequera, vencida. Non escribía con tinta, que escribía con sangue: «Mollo na propia sangre a dura pluma.»
Estaba posuída por unha forza e unha ansia sen igual. E comezou a vivir a vida con esa alegría, foi unha moza destemida que desafiou as convencións feitas para encerrar as mulleres «pues siempre cuando yo paso/ de mí murmuran y exclaman.» Desde o principio quixo ser escritora, muller escritora, e enfrontouse ao destino que tiñan as mulleres da época desde que nacían simplemente por naceren mulleres: «desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.» E desde moi nova decidiu ser creadora e fixo por selo, fixo por ser muller escritora. E foino, contra todo e contra todos.
Acabou sendo querida pola xente que ela máis quería, a xente humilde que fixo dela unha bandeira, unha estreliña de esperanza. «¡Ai, dos que levan na frente unha estrela! ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!», dixo dela o noso Curros. Mais non puido evitar tropezar coas paredes da realidade social, non puido ter o éxito como novelista profesional que arelaba. Encerrada na casa, criando a súa rolada de fillos, atravesada pola dor da perda dalgúns deles, acabou a súa vida como o que foi, unha escritora a riscar papeis «na gran sala»da súa casa.
 Non conseguiu en vida o recoñecemento que merecía mais non foi vencida, chegou aos seus últimos días coa arma de escritora na man. Rosalía viviu libre e campa aínda libre arredor de nós, é unha sombra clara que nos anima a vivir en liberdade sempre. Sempre libres, sempre en Galiza, a nación de Rosalía. «O noso bon país», di ela.
Suso de Toro
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

PREMIOS CONCURSO ODISEA: GLORiA VICTIS!

Ao igual que en anos anteriores, o alumando de cultura clásica, latín e grego participou concurso Odisea. Aínda que este anon nigún equipo consegiu clasificarse para o desempate final, decidimos facer unha ceremonia de entrega de premios, con pompa incluída, para premiar o esforzo dos concursantes do IES de Melide.
A semana do concurso foi moi emociante, aprendimos moitas couasas sobre a guerra no mundo antigo, sobre mitoloxía, vida cotiá, historia, literatura... Pero sobre todo adqurimos ferramentas (ou competencias, como se dá por chamar agora): buscar en internet, a ler con atención as preguntas e, sobre todo, a ler entre liñas, a relacionar, deducir, razoar...
A modo de réplica da célbre frase Vae Victis!, Ai dos vencidos! que pronunciara aquel xefe galo Breno que vencera a Roma no 390 a. C., nós usamos a réplica Gloria Victis!, inspirándonos nunha fantástica serie de cómics que temos na biblioteca. Gloria aos vencidos, porque eles son tamén vencedores!! Así premiamos aos tres equipos que obtiveron máis puntuación cun premio en especies, copiando a idea de Dives Gallaecia, un diploma e o máis importante, a coroa de loureiro, reservada na antigua Grecia aos favoritos de Apolo.
Estes foron os nosos clasificados:
  • 1º premio: SUPERBIS (4º ESO): Mariña Ferreiro Vilrariño,Laura Sánchez Blanco e Ismael Río Vea.
  • 2º premio: AS TRES GRACIAS (3º ESO): Sarai Martínez Segade, Yara González Barral e Marta Vázquez Vilariño.
  • 3º premio: LOS NIGGAS (3º ESO): Diego Varela Cea, Alberto Villasante González e Mateo Agra Parrado.