16/04/11

ANIRMAU



Alumnado do noso centro participa como xurado no Festival Didáctico de Animación IES Ramón María Aller Ulloa (ANIRMAU 11) de Lalín. Este festival desenvolverase en Lalín entre os días 25 e 30 de abril. As nosas alumnas  desprazáronse a esta vila o día 15 para reunirse co resto dos integrantes do xurado. A reunión tivo lugar na biblioteca do IES.
Os premios entregaranse o 30 de abril no Centro Comercial Pontiñas. Co remate da gala, as curtas gañadoras proxectaranse na sala principal dos Cines Filmax Pontiñas.

13/04/11

OBRADOIRO DE PORTUGUÉS



Onte estivo no noso centro Henrique González, da Asociación galega da lingua para impartir un obradoiro de portugués ao alumnado de 3º de ESO.
A finalidade é que os alumnos e alumnas coñezan un pouco mellor o mundo lusófono e a súa lingua, que aprenda a valoralo e que non o vexan como algo alleo a nós.

05/04/11

Enredamos con Antón Cortizas

O día 1 de abril, e como remate das actividades da biblioteca dedicadas ao mundo da infancia: xogos, xoguetes, escola… veu ao noso centro o escritor Antón Cortizas, autor da Enciclopedia de xogo populares Chirlomirlos, para ensinarlles aos  rapaces/as de 1º de ESO a facer enredos.
Fixemos:
1. Un chifre de lata, o chifre do merlo, xa que estamos na primavera.
2. Unha castañeta, enredo de percusión.
3. Un asubío de chapa de refresco .
4. Un nunú coas canas de vasoira
Pasámolo todos moi ben tratando de facer que soasen, aínda que poucos conseguiron facer soar o chifre do merlo. Seguirémolo intentando.
Se queredes escoitar a conversa  con Antón Cortizas  en Falamelide, aquí vai o enlace.