30/04/16

A BIBLIOTECA DE ALEXANDRÍA NA BIBLIOTECA XAQUÍN YEBRA

Unha das actividades da semana do libro, do 25 ao 29 de abril, foi o obradoiro de escritura que desenvolveron os departamentos de latín e grego, convertindo a biblioteca do Xaquín yebra do IES de Melide en biblioteca de Alexandría por un día. No recreo a biblioteca encheuse de copistas ataviadas como antigas gregas e romanas que escribían textos clásicos latinos e gregos sobre papiro utilizando un cálamo. sobre unha das mesas podíamos contemplar textos como o comezo da Ilíada, poemas de Safo, a definición de democracia de Tucídides, descripcións de Estrabón, aforismos gregos e latinos, poemas de Catulo... A realización deste obradoiro non sería posible sen o apoio incondicional do profesorado e alumnado do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que fabricaron uns cálamos de altísima calidade, umbilici para enrolar os pairos e unha espectacular cadeira klismos. Un grupo destas expertas alumnas impartirá este obradoiro a compañeiros de outros centros nos I Obradoiros de Cultura Clásica, organizados pola SEEC, que terán lugar en o martes 3 de maio na Facultade de Filoloxía de Compostela. Ler máis

25/04/16

QUIXOTES DO MUNDO


Comezamos este ano as actividades dedicadas á celebración do Día do Libro (e ao catrocentos aniversario do falecemento de Miguel de Cervantes) coa magnífica exposición “Quixotes do Mundo”, organizada pola nosa compañeira Lidia, grazas á que puidemos ollar diferentes edicións do Quixote en linguas como o turco, chinés, xaponés, árabe, lituano, finés, etc.


23/04/16

DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR



«Non hai nada como un libro. Un libro é un vínculo entre o pasado e o futuro. É unha ponte entre xeracións e entre culturas. É unha forza para crear e compartir a sabedoría e o coñecemento.»
                                                                          Mensaxe de Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO,
                                       con motivo do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, 23 de abril de 2016 


 
O Día Internacional do Libro celébrase o 23 de abril, xa que, supostamente, nesa data faleceron Miguel de Cervantes e William Shakespeare, en 1616. Este ano cúmprense, pois, 400 anos da súa morte. En realidade, Cervantes faleceu o día 22 e foi enterrado o 23; mentres que Shakespeare morreu o 23 de de abril, pero do calendario xuliano, o que correspondería ao 3 de maio do calendario gregoriano.

O obxectivo deste día é o de animar a todos, especialmente aos mozos, a descubrir o pracer da lectura e a valorar as insubstituíbles apotacións de aqueles que fomentaron o progreso social e cultural da humanidade.
Este ano, as bibliotecas escolares galegas celebramos o Día do Libro cun texto de Pedro Feijoo, quen declara que “os libros son para valentes”:





22/04/16

CERTAME LITERARIO “LETRAS GALEGAS 2016”



Un curso máis, o Departamento de Lingua, o Equipo de Normalización Lingüística e a Biblioteca Xaquín Yebra convoca o Certame Literario "Día das Letras 2016". Animámosvos a tod@s a participar.


E. Normalización IES Melide



 
              


             CERTAME LITERARIO

           "DÍA DAS LETRAS 2016"


O DEPARTAMENTO DE LINGUA, A BIBLIOTECA e o EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA do IES de Melide, convocan o Certame Literario
"Día das Letras"

BASES

1. Poderá participar no Certame calquera alumno ou alumna do Centro.
2. Establécense as seguintes modalidades de participación:
a.      Poesía.
b.     Prosa.
c.      Ensaio.
d.     Traballos de recuperación e salvagarda da memoria comunitaria.
3. Especificamente, entenderase a efectos do Certame que os traballos de recuperación e salvagarda da memoria comunitaria son aqueles que dalgún modo recuperan, para salvala do esquecemento, a memoria de formas de vida, traballos comunitarios, tradicións, costumes... das xeracións pasadas.
4. As obras presentadas deberán estar escritas en lingua galega.
5. A extensión e os temas dos traballos a presentar son libres.
6. O xurado estará composto por representantes do alumnado, do profesorado e do persoal non docente do Centro.
7. Os traballos, nos que se farán constar os datos do/a autor/a, deberán presentarse na Conserxería do Centro antes do 23 de maio de 2016.
8. Os premios serán entregados durante a celebración do Corremelide-2016.
 

10/04/16

BIBLOMELIDE RECOMENDA: CON CHOCOLATE Y LETRAS

Vimos de descubrir agora o blog Con chocolate y Letras, que administra unha das nosas Papalibros, Iria Barreiro.

O blog xa leva varios meses activo, pero nós aínda dimos con el recentemente e xa nos puxemos a devoralo.
O primeiro que queremos destacar é calidade dos seus artigos, ben redactados, e sempre escollendo temas interesantes e atractivos. Gústannos especialemente os temas de debate como ¿Libros obligatorios? ou Literatura juvenil, que poñen sobre a mesa cuestións controvertidas das que tod@s temos discutido máis dunha vez.
Outro apartado favorito son as reseñas, que Iria fai con bastante frecuencia. Deixamos aquí, como exemplo, unha sobre un dos libros que limos no club de lectura Papalibros, Para acabar con Eddi Bellegueule. Sabemos que Iria reseña incluso libros aínda sen publicar que lle pasan escritoras/es noveis. Pero talvez o máis atractivo é a frescura e espontaneidade que se deixa ver en todos os seus post. Iria é unha gran lectora, sobre todo, de novelas de fantasía e distópicas, os seus xéneros favoritos, pero excluír outros temas. Le sen prexuízos, aproveitando todas as ocasións que se lle presentan e está moi atenta as novidades. A súa opinión está ben fundamentada, porque é unha lectora madura que ten un criterio literario.
E xa para rematar, en Con Chocolate y Letras podes atopar booktags, booktubers, memes literarios, premios de outros bloggers... en fin, non deixedes de pasar por aquí.