28/10/11

TEMPO DE SAMAÍN

Hoxe conmemorouse no noso centro a festa do Samaín. Pola mañá entramos no instituto e, por un momento, pensamos que estabamos soñando: lobishomes, pantasmas, teas de araña, mortos, decorados fantasmagóricos... Si, estabamos no tempo do Samaín.
No recreo, a nova lectora de inglés presentouse para todo o alumnado interesado e falou do Samaín e do Halloween. Fixo preguntas aos asistentes e agasallou con caramelos aos que acertaban.




Parece que morreu mentres lía, pero non teñades medo, que non é de verdade.

24/10/11

III CURSO DE FORMACIÓN SOBRE PATRIMONIO LÚDICO



Os días 21 e 22 de outubro celebrouse no noso centro o III Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico. Foi un curso dirixido a profesores/as co que se quere conseguir que os xogos tradicionais teñan cada vez máis importancia nas escolas e institutos galegos. A organización estivo a cargo da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, que ten a sede no noso instituto, e tamén colaboraron a asociación de profes Nova Escola Galega e o propio IES.

Asistiron unha sesenta persoas en total e, á parte de escoitar varias conferencias, os participantes puideron xogar a unha manchea de xogos, entre os que cabe destacar a loita galega, os birlos de lastra e ao canteiro, e os birlos de Caxide . Para ensinar os rudimentos destas catro modalidades deportivas, estiveron presentes no curso loitadores do Club A Cambadela da Estrada, xogadores de birlos da Órrea –A Terra de Miranda, e un xogador de birlos de Caxide – Parada do Sil.

Na biblioteca do centro levouse a cabo o obradoiro O xogo tradicional e as artes, impartido por Natalia Val e Pía Outeiriño.





Todo o mundo pareceu marchar moi contento de como saíran as cousas durante o curso. A ver se o ano que vén se pode organizar a cuarta edición.

Deixámosvos por aquí algunha foto.





19/10/11

PRESENTACIÓN DE NÓMADES

Hoxe tivo lugar na Biblioteca Ánxel Casal a presentación da novela gráfica NOMADES, de Xosé Tomás, ilustrador e profesor de inglés no IES de Melide.
Trátase dunha historia de mulleres que emigran dun lugar a outro, deixando un pasado e enfrontándose a un futuro incento e sempre difícil, no que sofren o desprezo e a incomprensión.
Unha vez máis, Xosé Tomás posiciónase do lado dos/as perdedores/as para denunciar a opresión e a marxinación social, utilizando unhas ilustracións tan fermosas que non podemos deixar de miralas.
Dámoslle os nosos parabéns ao noso compañeiro, asiduo colaborador da biblioteca, e agardamos que tamén presente a súa obra no instituto.
Por certo, XA TEMOS A NOVELA NA BIBLIOTECA dedicada polo autor. Podedes pasar a vela.