24/10/23

DÍA DAS ESCRITORAS


 


No IES de Melide conmemoramos o legado das mulleres escritoras para facer visible o seu traballo na literatura e combater a discriminación que sufriron ao longo da historia.

 Un  mural  ilustrativo quedou exposto no corredor principal.


             


 E realizouse unha actividade  na biblio  consistente nun reto,  á procura de títulos e autoras para gañar o concurso, argallado pola compañeira Sandra Beis.

 


 

 


 


 

 


 

 

04/10/23

VISITA DE MARÍA SOLAR


 

 

                       VISITA DE MARIA SOLAR

 

   

    

Estreamos   curso  coa escritora  María Solar e a presentación de  "A  culpa", Premio Xerais Novela, 2022. 

 María entrou coma unha rebanda de sol na biblioteca e gobernou a mesa con tanta dozura que case esquecemos os biscoitos.

 

 


Veu para dicirnos  que, con frecuencia, son sutís as fórmulas que nos indican ás mulleres onde está a nosa mera de culpa . E tamén de atranco, claro.  Veu para confirmarnos  que a vida dunha escritora é así  a dunha muller calquera, coma a  dunha nai, coma a dunha filla,  que vive e  traballa por fóra da novela malia que ás veces de camiño deba  encargarse  dalgún personaxe.

 Hoxe abrimos  as  portas  da biblio. Todas. Deixamos entrar o outono descalzo. E  cando saímos a lúa estaba tan baixa coma unha mazá. 

A culpa foi de María Solar.

 

CURSO 2023-2024

   

PRESENTACIÓN DA BIBLIOTECA 

  Abrimos  as portas da biblio  e iniciamos o novo  curso  coa visita  do  alumnado de 1ºESO.  Despois do verán  hai  un  silencio prácido na sala  que dorme  aínda  a morneza do  outono  e  convida á lectura  nunha viaxe sen retorno. 

 Elixe o ángulo que máis che guste e desperta as historias. 



 
Escoitamos  os libros  e,  xa desde a porta,  e vemos  que  teñen  corazón de palabras.

 


     Se cadra, cando  o libro volva ao seu andel,  segue   aínda dentro de ti.