26/11/21

CONMEMORAMOS O 25 DE NOVEMBRO

 Na biblioteca Xaquín Yebra conmeramos o 25 de novembro, Día Mundial de eliminación da violencia contra a muller, con actividades varias.

O alumnado de 2º de BAC de filosofía, co apoio do concello de Melide e a colaboración de Lola Corzo fixo un magnífico vídeo sobre violencia de xénero.

O ENL convocou un concurso de carteis no que participou o alumnado de 1º B de BAC de plástica, coordinado pola profesora Se Senande, con carteis fabulosos expostos no corredor da entrada. Foi difícil elexir, pero ao final, un xurado composto por alumnado, profesorado e persoal non docente decantouse polo cartel realizado por Pablo Villamor Pudelko, que resultou gañador.

O alumnado de Valores éticos de 4º, coordinado por Marga Quintela, pasou polas aulas para presentar a peza de microteatro O Lapsus

O alumnado de 2º e 4º de ESO representou un poema de Carlos Negro teatralizado. 

O alumnado de 1º de ESO de Reforzo, dentro das actividades de Radio na Biblio, gravou o programa: "Reforzando. 25 de novembro", para a nosa emisora Falamelide, que podedes escoitar aquí:

   

26/06/21

Alejandro Panadeiros Pacín entrevista a... Keltoi


Para rematar o curso, publicamos aquí unha serie de entrevistas que realizou o alumnado de música dentro do plan lector.

Como vos coñecistes?

Pois tres de nós eramos da zona de Coia, As travesas, e coñeciamonos de xuntarnos con outros rapaces do barrio, de ir por Balaídos e vernos nos concertos de punk que había naque tempo, aproximadamente en 1995. Ao pouco coñecimos a Mikele, un italiano recén chegado a Vigo e que montara un estudo de gravación na casa. O quinteto completouno Joselu o “giputxi”, un mozo donostiarra que daquelas estudaba en Vigo ciencias do mar, (co tempo pasouse ás ciencias do bar, jajaja).

 

Como se vos ocorreu formar o grupo?

Pois porque a todos nos gustaba moito a música, o punk en xeral o seu subxénero  “OI” en particular. De punk había unha banda en Galcia, pero de OI! Non tantas, en fin, a nosa única pretensión era, e aínda é, pasalo ben, disfrutar da música e cantarlle a todo o que chegusta, como o Celta, e ao que non, como os policías. Unha banda de rock non deixa de ser tamén un xieto de desfogue persoal e colectivo.

 

En que grupos vos inspirástedes para formalo?

Bufff!, referencias a bandas que admiramos hai moitas, se temos que escoller, quedaríamonos con dúas: Cockney rejects (banda londinense, seguidores do West Ham United e un dos pais da chamada música OI!) e Die Lokalmatadore (banda alemá de punk rock e fanáticos do Shalke 04)

 

Algún grupo ou cantante a quen admiredes?

Pois non che somos moi mitómanos, a verdade. Somo seguidores principalmente das bandas de Punk OI!. Dos primeiros 80 (The Business, Cock Sparrer, Cockney Rejects, The Blitz, Sam 69...) pero quizais o feito de admirar, admiramos máis aos da nosa terra, Galiza. Dende Suso Vaamonde a Fuxan os Ventos, pasando por Skatcha ou os primeiros Siniestro Total.

 

Cal das vosas cancións vos levou máis tempo facer?

Pois quizais “Unhas cores un sentimento”, por ser un estilo diferente a todo o resto das nosas cancións que son máis aceleradas e duras musicalmente.

Unhas cores un sentimento foi un pouco un experimento que fixemos en plan canción tranquiliña co seu toque irlandés, e bueno... levounos o seu traballo pero non quedou de todo mal e a letra saiu de corrido.

 

Como grandes e recoñecidos Celtistas, gustaríavos compoñer o himno do clube en 2023?

En primeiro lugar, o de que vai haber novo himno é algo que saiu da prensa, do que o clube non se pronunciou oficialmente sobre iso. En segundo lugar, Keltoi non fai cancións por encargo. Os nosos temas sobre o celta están aí e foron escritos co corazón dun grupo de celtistas. O clube a afección adoptaron “1923” e “Unhas cores un sentimento” como himnos non oficiais, e nó estamos xa encantados só con iso. Pero nós nunca imos entrar en absurdas competicións para facer o himno do Celta. Agora nós queremos arriscarnos e dicirche o perfil de quen queremos que o compoña. Nós apostariamos por unha muller, xa eu todos os que soan como candidatos so homes, e pensamos que as celtistas tamén deberían de verse representadas. Artistas galegas hainas, e moi boas.

 

Que canción preferides? 1923 ou Unhas cores un sentimento?

Iso é coma elixir entre un pai e unha nai, as cancións nosas con máis éxito, así que por iso quedámonos coa foliada do celta dos grades A Roda, jejeje

 

Veremos pronto algún novo proxecto ou colaboraicón con algún cantante?

Se vos referides ao rumor de C-tangana “O Madrileño”, nós non che somos moito de Autotune nin caralladas desas, tampouco do estilo da súa música. Así que o futuro dirá, a nós nadie nos propuxo nada. Eso sí, nos nosos discos teñen colaborado amigos e bandas como Hih Paw, Skacha ou os nosos irmásn Rude Pride.

 

Con que grupo ou cantante vos gustaría colaborar e por que?

Pois en 26 anos de historia xa tivemos a sorte de tocar con algunhas das bandas que máis nos gustan como os ingleses Cock Sparrer, os irlandeses Stiff Little Fingers ou os americanos Dropkcik Murphys.

Se a pregunta vai en chave galega poi con Mini, Fuxan os Ventos, e A Quenlla, e en chave celtista pois con Ana Peleteiro!, é unha gran defensora do noso clube e da nosa língua... e se non canta ben, pois tampouco pasa nada, nós sómosvos tamén limitadiños de carallos jajaja!!!

 

Cal Foi o voso concerto favorito en toda a vosa carreira?

Pois se houbese que elixir un, nós diríamos dous:

O que demos en Durango en 2010, porque tocamos cun feixe de bandas punk de todo o mundo, Oktober fest 2010 chamábase o festival.

E o segundo Balaídos (aínda que só fora un tema) na festa do noso último ascenso a primeira. Menudos nervos estar alí no campo ante tanta e boa xente!!!

 

Grazas pola entrevista e unha forte aperta celtista de parte de todo Keltoi!!


Alba López Mouriño entrevista a... Comando Curuxás


Para rematar o curso, publicamos aquí unha serie de entrevistas que realizou o alumnado de música dentro do plan lector.

Comando Curuxás é un grupo galego que naceu co fin de divertir e facer bailar a xente. Este grupo está composto por Pablo Pardo, Miguel Anxo López, Pablo Pascual, Serxio Nuñez e Alberto Nuñez.

  

Alba: Boas, son Alba e hoxe vou entrevistar a Serxio Núñez, un dos músicos do grupo Comando Curuxás

Serxio: Boas, Alba

 

A: Epezamos?

S: Cando queiras!!!

 

A: Vale, Que significa o nome do voso grupo?

S: O Comando Curuxás rende homenaxe a Curuxás, un guerrilleiro antifascista que se movía en torno á serra do Careón e, como o conxunto do grupo está formado por xente de ámbas as beiras desa serra, trazamos en porlle o seu nome como herdeiros da súa idea e do seu lugar.

 

A: Como decidistedes crear un grupo?

S: Pois foi de foliada, xuntabámonos para tocar e pasalo ben nun pub de Palas que se chama A Casa do Outeiro e a cousa callou e foi collendo máis seriedade até chegar onde estamos hoxe.

 

A: Coñecíadesvos antes de formar o grupo?

S: Si, todos xa nos coñeciamos do ambiente da música tradicional e folk, xa que todos formamos parte doutras bandas tanto anteriormente como simultaneamente.

 

A: Que instrumentos tocades?

S: A formación é unha murga ou charanga de corte tradicional pero con achegas novas, tentamos ocupar todas as tesituras posibles desde o baixo até o soprano asi como tamén as percusións. Comezando por estas últimas o encargado da batería e percusións tradicionais é Miguel Ánxo López (Chino), ao clarinete baixo Pablo Pascual, na sección harmónica co Acordeón diatónico, Alberte Núñez, e xa no traballo de melodías, Pablo Pardo co saxo soprano e frautas travesas e eu Serxio Núñez coa gaita tenor, clarinete e voces.

 

A: Que estilo de música tocades?

S: Principalmente música tradicional galega e folk bailable, aínda que nos achegamos a moitos rexistros desde a linguaxe da música tradicional galega adaptando melodías foráneas ao xeito da murga. Por exemplo temos no repertorio un tema que popularizou Frank Sinatra de Mondo Kane que se chama More pero que nos reelaboramos coa nosa linguaxe para que saiba a galego.

 

A: Quen compón no grupo?

S: A maior parte do repertorio que tocamos provén da tradición, tanto a recollida en diferentes cancioneiros como a recollida por nós, mais todos os temas son reelaborados e harmonizados por todo o grupo. Tamén temos repertorio de autor, sobre todo de Pablo Pascual.

 

A: Canto ensaiades?

S: Intentamos ensaiar de xeito cotián unhas 3 horas semanais mais moitas veces non é posibel así que os ensaios son compaxinados entre o traballo individual na casa e todos os ensaios que poidan ser conxuntos.

 

A: Cada canto soedes sacar unha canción?

S: Pois iso depende de cada ano e cada época. Evidentemente a época de maior movemento e o verán e a primavera mais en outono e inverno adóitanse facer concertos máis pequenos en salas e foliadas máis pequenas.

 

A: Tedes pensado sacar unha canción nun futuro cercano?

S: Estamos agora mesmo traballando en tres novas pezas, unha suite de jota e muiñeira composta por Pablo Pascual e logo tamén unha rumba mesturado cunha versión de Hatari de Henry Mancini a ritmo de ribeirana.

 

A: De todos os temas, cal é o voso favorito?

S: Non nos damos posto dacordo, cada un ten o seu mais témoslle moito cariño ao Benemérito Foghete por ter unha historia de amor moi interesante.

 

A: Que é o que máis vos gusta do voso grupo?

S: Pois estamos moi orgullosos de facer a música que nos chegou da xeración anterior e porlle a nosa visión actual para que logo pasárllela á seguinte xeración para que faga con ela o que lle pareza. Gústanos crer que somos un elo máis na cadea de transmisión e que lle demos unha visión máis á nosa música.

 

A: Tedes algunha anécdota sobre o escenario? Cal?

S: Pois sempre que fas cousas ocurren cousas interesantes mais ímonos decantar daquela foliada en Meira na que tocamos un Circle Cicasiene francés e retamos ao público a ver se eran quen de bailalo, pensando que non serían capaces por non coñecer ao bailes, e había unha francesa de entre o público que ensinou o baile á xente.

 

A: Ata aquí as preguntas de hoxe, moitas grazas Serxio por esta entrevista na cal coñecemos un pouco máis o Comando Curuxás.

S: Moitas grazas a tí!

 

A: Ata outra!

Lidia Arijón López entrevista a... Tanxugueiras

 


Para rematar o curso, publicamos aquí unha serie de entrevistas que realizou o alumnado de música dentro do plan lector.

Hoxe facemos unha pequena entrevista a un grupo galego de tres cantareiras chamadas Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro.

 

 

1. Como xurdiu a idea de crear o grupo?

A idea de crear o grupo naceu polas ganas que tiñamos de ir aos seráns e ás foliadas. Necesitabamos formar un grupo e ter cancións en conxunto, e así foi, xuntámonos e puxémonos a traballar xuntas. O primeiro ano de Tanxugueiras foi viaxando por toda Galicia indo a todas as foliadas que había, pouco a pouco o grupo fíxose máis grande pero sen ningunha pretensión de vivir da música, era unha diversión. Hoxe por hoxe podemos dicir que vivimos da música e que puidemos converter o noso pasatempo no noso traballo.

 

2. De onde saíu o nome do grupo?

O nome do grupo saiu de Fumaces, que está no concello de Riós (Ourense). Temos uns amigos desa zona e dixémoslle que nos pasaran nomes e así foi, pasáronnos como 200 nomes e quedámonos con Tanxugueiras que é unha toponimia dun conxunto de fincas.

 

3. Que papel desenrola cada unha no grupo?

Os papeis non están moi establecidos, todas facemos de todo, pero está claro que hai cousas que nos gustan máis e cousas que menos. A creación da canción e conxunto, Olaia leva un papel máis importante nas redes, vestiario, letras das cancións. Aida leva máis o papel técnico, é a que mellor se desenvolve co set de gravación. E Sabela leva máis a parte da prensa, entrevistas, charlas...

Pero todas intentamos facer de todo!!!

 

4.Cantas actuacións tedes o ano?

Co primeiro disco, Tanxugueiras, tivemos máis de 100 concertos ao longo do país e con varios concertos por pobos de España, pero incluso permitiunos viaxar a Cuba, a India, Reino Unido (fomos varias veces), Portugal e tamén Suecia. Isto foi en 2018 e 2019.

A pandemia parounos un pouco a traxectoria , pero en 2020 demos máis de 20 concertos e, para rematar a presentación do noso segundo disco, Contrapunto, este ano temos xa contratados perto de 25...e os que nos quedan por sair!!

Por certo, agardamos verte a ti e á túa clase nalgúns deles (se te achegas, avísanos para poder coñecernos)

 

5. Tedes en mente sacar algún disco máis?

Temos en mente sacar moitos discos ao longo da nosa carreira muiscal, pero o tempo dirá! Traballar estamos taballando para que iso poida ser así.

Por agora estamos lanzando singles, que é moito máis doado e nos permite ir pouco a pouco crecendo e facendo promoción. A nosa idea é que se transladen a un disco que poidamos facer público o vindeiro ano, pero non llo contes a moita xente que aínda é segredo. Ti, por se acaso, cando che pregunten di que fiquen atentas ás nosas redes sociais e aí iremos anunciando todo.

 

6. Que ritmo vos gusta máis?

Gústannos todos os ritmos e escoitamos música de moitos estilos, pero sobre todo gústannos os ritmos que levamos aprendendo dende pequenas, como son a xota e a muiñeira.

 

7. Onde vos gusta máis actuar? Nun escenario ou no torreiro?

Os dous están xenial, cada lugar apórtache cousas distintas. O escenario aporta adrenalina, é moito máis visible e permítenos facer un espectáculo máis serio, máis sobrio, aínda que con moita festa.

No torreiro temos a cercanía da xente, é a diversión. É onde nacemos o do que non queremos esquecernos nunca.

 

8. Como vos afectou a pandemia como grupo?

A verdade e que no comezo era un pouco desesperante , pero pouco a pouco fomos cambiando o chip. Estabamos xusto coa presentación do novo disco, con moitos proxectos e con moitos concertos xa programados, unha gran xira e moita promoción que quedou sin facer. De todos modos, conseguimos desfrutar do tempo que tivemos que estar na casa e permitiunos asentarnos, crear novos temas e decidir apostar polo camiño que marcamos con Midas.


14/05/21

FACEMOS RADIO NA BIBLIO

A semana pasada o alumnado de 3º de ESO de cultura clásica tivo a sorte de poder facer un curso express de radio no IES de Melide, dentro do programa Radio na Biblio, que impulsa Bibiotecas Escolares. A nosa formación estivo a cargo de Luis Pardo, xornalista da Cadea SER, que nos introduciu no mundo da radio, falándonos dos principais elementos dunha emisón radiofónica e das súas características.

Aínda que no IES de Melide somos pioneiros en radio escolar, tendo en funcionamento a nosa emisora FALAMELIDE dende 1993, unha parte significativa das nosas rapazas e rapaces non coñece este medio e non o escoita salvo contadas excepcións,  cando van no coche cos pais, no bus do transporte escolar, ou  na casa dos avós... como moi ben di Luis Pardo, cando están "secuestrados".

Despois de explicarnos os principais elementos dunha emisión -voz, música, silencio e sons- e compartir con nós ligazóns onde podemos atopar recursos, Luís amosounos diferentes tipos de podcasts onde descubrimos as inmensas posibilidades que ten a radio como medio de comunicación.

Unha parte fundamental no proceso de creación dun podcast ou programa de radio é o guión. Luís explicounos as características dunha mensaxe radiofónica e entre todos fomos capaces de transformar un texto, máis ou menos complexo, nunha noticia de radio.

Por último, acabamos facendo prácticas de locución. Probamos con noticias deportivas e cun guión de radio que tiñamos medio amañado para presentar no concurso A máscara que inspira, organizado pola sección galega da SEEC (Sociedade Española de Estudos Clásicos). Cos bos consellos de Luís, fomos capaces de gravar o podcast Hécuba, a raíña do Ilión, inspirada na traxedia Hécuba de Eurípides, coas voces de Carmen Bitelmal, Xana Castro, Erick Conde e José Luís Otero, de 3º C de ESO, que se revelaron como auténticos artistas. Algunha delas  descubriu unha posible vocación ao facer este programiña. Aquí volo deixamos, a ver que vos parece.

26/03/21

SEMANA DA POESÍA

 Coincidindo coa chegada da primavera, celebramos o día da poesía o 21 de marzo. Como no IES de Melide son tantas os e as poetas que nos gustaría ler, fixemos recitais nos recreos de toda esta semana de marzo. Limos poesía en galego, en castelán, en inglés, en portugués, en francés, en grego antigo, en grego moderno, en rumano e en árabe. Clásicos como Rosalía de Castro ou Celso Emilio recitáronse xunto con autoras e autores novos como María Lado ou Lucía Aldao. En ligua castelá escoitamos a León Felipe, Gloria Fuertes, Miguel Hernández, Lorca, Octavio Paz o Gil de Biezma...  O alumnado de 2º de BAC de literatura galega do XX incluso compuxo  fermosos caligramas que compartiu con todos nós na biblioteca.

O broche de ouro da semana foi o recitado de Os Pinos, o famoso poema de Eduardo Pondal que serviu de letra ao noso himno galego, ao tempo que Lola Corzo o interpretaba en lingua de signos, mentres sonaba a versión interpretada por Lucía Pérez. Pura poesía.


Semana da Poesía 2021

11/02/21

11 de Febreiro: DIA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA


Hoxe, máis que "celebrar", o que debemos facer é REIVINDICAR o papel das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico, o seu acceso á educación e investigación e unha visibilidade plena para que as nenas de hoxe sexan, se queren, as científicas do futuro. 

Dende a nosa biblioteca pensamos que hai que coñecer a historia para non repetir os erros do pasado.  Por este motivo convidámosvos a que visionedes, aproveitando os días de descanso do Entroido, algunha das películas que vos recomendamos NESTA WEB.

Desfrutade aprendendo!