25/02/13

Día de Rosalía


O 24 de febreiro conmemórase o día de Rosalía, coincidindo coa súa data de nacemento. Este ano, ademais, festexamos os 150 da publicación de Cantares Gallegos, obra que dá inicio ao Rexurdimento. 


O alumnado de 1º de ESO conmemorou esta data recitando poemas desta autora e dúas alumnas de 2ª de Bacharelato interpretaron a peza Negra Sombra.

Esta foi a nosa pequena homenaxe a Rosalía. Aprendemos poemas e pasámolo ben.


08/02/13

DÍA DOS NAMORADOS


O 2 de febreiro,día da Candeloria ou Candelaria  conmemórase o día dos namorados, xa que esta data representaba o preludio da chegada da primavera e con ela o renacer da natureza. Dicíase tamén que era a época do casamento dos paxaros.
Outros opinan que o día dos namorados é o 14 de febreiro, coincidindo coa data na que San Valentiño sería executado por casar parellas en segredo despois de que o matrimonio fose prohibido polo emperador. Hai unha lenda que di que é o patrón dos namorados porque a súa festa coincide co momento do ano en que os paxaron comezan a facer os niños.
Sexa un ou outra o patrón ou patroa dos namorados, imos recordar estas datas presentándovos un libro de cartas de amor de Fran Alonso. Nove mulleres escriben cartas.Mónica, por exemplo, confésalle a súa homosexualidade á mellor amiga a través dun correo electrónico, porque non quere soportar unha situación que parece obrigala a vivir unha dobre vida (“Confesión”).
Convén que recordemos que hai moitos tipos de amor e que todos e todas temos dereito a vivilo de distintas maneiras.
Lémbrovos que está convocado un concurso de cartas de amor en galego, así que... ANIMO! e poñédevos a escribir.
Tamén vos animo a que introduzades comentarios a esta entrada poñendo citas e títulos de obras que vos gustaron e que tratan esta temática.

07/02/13

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

Ufff. Por fin acabamos de dar a volta ao mundo. A locomotora botouse a andar no Instituto e conseguimos gañar a aposta. Fomos capaces de ler en 1º de ESO un libro de máis de 300 páxinas, e ademais GUSTOUNOS! Viaxamos con Mr. Fogg, Passepartout e Auda a través do mundo. Coñecemos países. Viaxamos no lombo dun elefante e nunha zorra  sobre a neve. Tamén nos sorprendeu unha tradición da India que non nos gustou nada. En fin, recomendámosvos que leades esta obra se vos gusta a aventura e que o pasedes moi ben con ela.
Por certo, non vos imos dicir se os protagonistas gañaron a aposta ou non. Xa o descubriredes vós.



01/02/13

TRABALLANDO NA DIVERSIDADE

O equipo de traballo da biblioteca foi convidado a participar nas II Xornadas de Formación e Sensibilización sobre Atención á Diversidade, que organiza o IES de Melide o 29, 31 e 1 de Febreiro. Publicamos aquí unha presentación na que dalgún xeito tentamos dar conta do noso traballo nos últimos anos, en colaboración con EDNL e outros equipos do noso centro.