Hoxe tivemos a inmensa fortuna de asistir á estrea de "Historias para contar e soñar", un espectáculo de títeres de sombra a cargo do alumnado de Artes Escénicas de 4º de ESO, guiados polo bo facer de Davide Canoura e Belén Fernández Guzmán.
Disfrutamos de seis historias preciosas, baseadas en lendas e tradicións de distintas culturas. Viaxamos ao Canadá, á China milenaria, ao deserto de Kalahari, á Grecia otomana e á nosa Galicia ancestral. As mans da nosa rapazada crearon pagodas chinesas, cabanas bosquimas, tipis dos indios kalispel, palacios de pachás otomanos, garzas danzantes, nenas creadoras de estrelas, reis sacados case do Pórtico da Gloria, lobos e carneiros románicos, antiheroes coma o grego Karaiosis, paxaros de ouro e princesiñas de cabelos dourados. Eles contáronnos as historias e nós soñamos.
Foi todo un curso de traballo duro: fixeron técnicas de interpretación, leron historias, crearon guións, fabricaron marionetas, elixiron unha música exquisita e memorizaron o seu papel. O ciclo de madeira, axudou, como sempre, coa infraestrutura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario