20/05/19
RECOMENDÁMOSCHE: O MARCO NUMÉRICO E O FOUCELLAS EN VILA DE CRUCES
O IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) acaba de agasallarnos co segundo volume do Marco Numérico (ao igual que o curso pasado co primeiro) e o libro O Foucellas en Vila de Cruces.
O Marco Numérico, "publicación de periocidade anual e xurdida no curso 2017-18 a iniciativa do Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón, recolle traballos de investigación realizados por alumnado de secundaria e bacharelato de centros de ensino galegos que teñan as matemáticas como eixo central. Os traballos, suxeitos aos estándares de rigor e forma propios do ámbito académico, deben ser orixinais en canto á metodoloxía empregadas, coidar a formulación e contraste de hipótesis e a elaboración de conclusións propias. A temática dos artigos é libre, podendo abordar asuntos de interese social e ecolóxico como outros específicamente asociados ao eido da investigación matemática ou numérica. O presente número consta de dúas seccións, Dentro do Marco e Fóra do Marco. Na primeira sección, Dentro do Marco, inclúense os artigos realizados polo propio alumnado do IES Marco do Camballón”.
O Foucellas en Vila de Cruces, libro recén publicado polo Clube da Lingua do IES Marco do Camballón, recolle historias da tradición oral que xiran arredor dunha das figura máis famosas da contorna: Benigno López Andrade; «Foucellas», guerrilleiro antifascista que loitou contra a ditadura franquista. Reúne vinteséis historias que foron recollidas tanto por alumnos como ex alumnos do Marco do Camballón. A publicación compila un amplo arquivo sobre a presenza da guerrilla antifranquista nas terras de Carbia e no Deza e achega ademais ao lector tres textos de Manuel Igrexas, Carlos G. Reigosa e Ramiro Vidal Alvarinho que contextualizan as historias recollidas polos alumnos do centro educativo.
PARABÉNS AO PROFESORADO E ALUMNADO DO IES MARCO DE CAMBALLÓN POR ESTES ESPECTACULARES TRABALLOS E MOITAS GRAZAS POR COMPARTILO CON NÓS MEDIANTE O AGASALLO DUN EXEMPLAR DE CADA UN Á BIBLIOTECA XAQUIN YEBRA. DESDE A BIBLIOTECA DO IES DE MELIDE RECOMENDÁMOSVOS A LECTURA DE AMBOS.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario