Este curso, con ocasión
do Día de Rosalía de Castro, o noso
centro uniuse á proposta da Asociación de
Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) de enviar
masiva e simultaneamente desde os terminais móbiles de alumnado e profesorado,
baixo a etiqueta #mobilizarosalía, o seguinte verso de Cantares gallegos: Trocando en sonrisas /
queixiñas e choros.
Ademais, María Fociños, Carlos Pampín e Ana
Prieto, do grupo de teatro Teiroa,
acompañados pola nosa compañeira Marga Quintela, participaron na II Edición de Recitado de
Poesía "ROSALÍA SEMPRE VIVA".
Manifesto
da Asociación de
Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
no Día de Rosalía de
Castro 2016
Rosalía libre e sen
medo ningún
Non podemos saber como sería hoxe
Rosalía de Castro. Ou si: sería como era, como foi, como segue a ser, como é
Rosalía. E como é Rosalía, que agora non o podemos saber?
Sabemos, sabemos. Sabemos que foi
verdadeira, que viviu toda a súa vida con verdade e que foi unha persoa libre,
e sabemos que a liberdade hai que pagala e por iso a súa vida foi dura.
Non hai liberdade se a palabra non é
libre, e por iso ela escribiu sen medo ningún para combater «aos que
sen coñecemento algún nin razón, nos desprezan, que a nosa lingua non é aquela
que bastardean e chapurran nas máis ilustradísimas provincias, cun riso de
mofa.» A súa preocupación polo país nacía dun orgullo profundo de ser
galega, «o máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de
aquí pintan así aos fillos da Galiza como da Galiza mesma.»
Escribiu poesía, e a poesía abrázao
todo: a alegría, a esperanza, a dor..., e tamén a denuncia da opresión, e tamén
as proclamas da política da liberdade. Nos seus versos cabe a liberdade da
Galiza e tamén a xustiza social que reclama para todos os «desherdados»,
mesmo explicitamente para os traballadores: «Obreros incansables, yo os
saludo.»
E se escribía sobre os demais, os demais
que sufrían, era porque o sentía. Toda a súa poesía é lírica; non nace das
ideas, que nace dos sentimentos, afectos e emocións da autora.
E todo o que ela sentía e toda a xente
que ela sentía como súa, habitaba dentro dun mundo vivo todo el. Poucas veces a
natureza aparece tan constantemente, rodeando e envolvendo a vida toda. As
augas, as árbores, as plantas, os ceos, un mundo vivo e activo, ás veces amábel
e familiar:
Baixo a prácida sombra dos castaños
do noso bon país
baixo aquelas frondosas carballeiras
que fan dose o vivir;
cabe a figueira da paterna casa
que anos conta sin fin,
qué contos pracenteiros, que amorosas
falas se din alí!
E, cando dentro dela lle nace unha pena,
sempre ten a certeza de que aí fóra hai uns ceos claros onde mora a esperanza:
No ceo, azul crarísimo;
no chan, verdor
intenso;
no fondo da alma miña,
todo sombriso e negro.
Ninguén lle quite a Rosalía o que
Rosalía dixo e foi: «Solo cantos de independencia y libertad han
balbucido mis labios.» Ninguén diga que foi muller encollida ou,
sequera, vencida. Non escribía con tinta, que escribía con sangue: «Mollo
na propia sangre a dura pluma.»
Estaba posuída por unha forza e unha ansia
sen igual. E comezou a vivir a vida con esa alegría, foi unha moza destemida
que desafiou as convencións feitas para encerrar as mulleres «pues
siempre cuando yo paso/ de mí murmuran y exclaman.» Desde o principio
quixo ser escritora, muller escritora, e enfrontouse ao destino que tiñan as
mulleres da época desde que nacían simplemente por naceren mulleres: «desde
la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre,
porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.» E
desde moi nova decidiu ser creadora e fixo por selo, fixo por ser muller
escritora. E foino, contra todo e contra todos.
Acabou sendo querida pola xente que ela
máis quería, a xente humilde que fixo dela unha bandeira, unha estreliña de
esperanza. «¡Ai, dos que levan na frente unha estrela! ¡Ai, dos que
levan no bico un cantar!», dixo dela o noso Curros. Mais non puido evitar
tropezar coas paredes da realidade social, non puido ter o éxito como novelista
profesional que arelaba. Encerrada na casa, criando a súa rolada de fillos,
atravesada pola dor da perda dalgúns deles, acabou a súa vida como o que foi,
unha escritora a riscar papeis «na gran sala»da súa casa.
Non conseguiu en vida o
recoñecemento que merecía mais non foi vencida, chegou aos seus últimos días
coa arma de escritora na man. Rosalía viviu libre e campa aínda libre arredor
de nós, é unha sombra clara que nos anima a vivir en liberdade sempre. Sempre
libres, sempre en Galiza, a nación de Rosalía. «O noso bon país»,
di ela.
Suso de Toro
Asociación de Escritoras e Escritores en
Lingua Galega (AELG)
Ningún comentario:
Publicar un comentario