O Día
Internacional da Muller, que xurdiu das actividades dos movementos obreiros a
finais do século XX en América do Norte e Europa, pasou a ser un momento de
reflexión sobre os progresos alcanzados, un chamamento ao cambio, e unha
celebración dos actos de valor e determinación tomados por mulleres correntes
que desempeñaron un papel extraordinario na historia dos seus países e as súas
comunidades.
Se queres
coñecer algún destes retos, accede ao seguinte mapa interactivo, que recolle “a experiencia de mulleres que se negaron a
resignarse ante unha inxustiza, unha traxedia ou a tradición dos seus países”.
Este ano, o
lema da ONU para conmemorar o Día Internacional da Muller é "Por un
Planeta 50-50 en 2030: Demos o paso para a igualdade de xénero". Nesta
ocasión a celebración centrarase na adopción de novos compromisos por parte dos
gobernos baixo a iniciativa “Demos o paso”. O obxectivo deste proxecto é
conseguir que todas as mulleres e as
nenas teñan as mesmas oportunidades e os mesmos dereitos de aquí a 2030. “Demos
o paso” pide aos gobernos realizar compromisos nacionais que poñan fin á brecha
na igualdade de xénero.
Algúns dos
compromisos adoptados polo noso país, para o que a loita contra a violencia de
xénero é unha “prioridade nacional”, son os seguintes:
- Organizar campañas de sensibilización
para loitar contra os estereotipos, promover a igualdade de oportunidades e
combater a violencia contra as mulleres.
- Dotar o Plan Estratéxico de Igualdade
de Oportunidades 2014-2016 cun orzamento
de 3,1 millóns de euros.
- Promover a participación e o liderado
das mulleres na vida política, económica, social e cultural, a través da iniciativa
“Máis Mulleres, Mellores Empresas”, destinada a impulsar a participación
equilibrada nos postos directivos das empresas.
Compromisos necesarios,
sen dúbida, xa que a ONU suspende a España en políticas de igualdade. Esa é a
conclusión á que chegou un informe
presentado o 24 de xullo do ano pasado por parte da Convención pola Eliminación
de todas as formas de Discriminación contra as Mulleres (CEDAW), no que se
analizaban os parámetros esenciais do noso país en malos tratos, equidade
salarial ou educación en igualdade.
En todo caso, non
debemos esquecer que lograr a igualdade de xénero é responsabilidade de todos,
e que debemos seguir loitando para que o maior risco ao que teñamos que
enfrontarnos non siga sendo ter nacido muller.
Ningún comentario:
Publicar un comentario