25/02/13

Día de Rosalía


O 24 de febreiro conmemórase o día de Rosalía, coincidindo coa súa data de nacemento. Este ano, ademais, festexamos os 150 da publicación de Cantares Gallegos, obra que dá inicio ao Rexurdimento. 


O alumnado de 1º de ESO conmemorou esta data recitando poemas desta autora e dúas alumnas de 2ª de Bacharelato interpretaron a peza Negra Sombra.

Esta foi a nosa pequena homenaxe a Rosalía. Aprendemos poemas e pasámolo ben.


08/02/13

DÍA DOS NAMORADOS


O 2 de febreiro,día da Candeloria ou Candelaria  conmemórase o día dos namorados, xa que esta data representaba o preludio da chegada da primavera e con ela o renacer da natureza. Dicíase tamén que era a época do casamento dos paxaros.
Outros opinan que o día dos namorados é o 14 de febreiro, coincidindo coa data na que San Valentiño sería executado por casar parellas en segredo despois de que o matrimonio fose prohibido polo emperador. Hai unha lenda que di que é o patrón dos namorados porque a súa festa coincide co momento do ano en que os paxaron comezan a facer os niños.
Sexa un ou outra o patrón ou patroa dos namorados, imos recordar estas datas presentándovos un libro de cartas de amor de Fran Alonso. Nove mulleres escriben cartas.Mónica, por exemplo, confésalle a súa homosexualidade á mellor amiga a través dun correo electrónico, porque non quere soportar unha situación que parece obrigala a vivir unha dobre vida (“Confesión”).
Convén que recordemos que hai moitos tipos de amor e que todos e todas temos dereito a vivilo de distintas maneiras.
Lémbrovos que está convocado un concurso de cartas de amor en galego, así que... ANIMO! e poñédevos a escribir.
Tamén vos animo a que introduzades comentarios a esta entrada poñendo citas e títulos de obras que vos gustaron e que tratan esta temática.

07/02/13

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

Ufff. Por fin acabamos de dar a volta ao mundo. A locomotora botouse a andar no Instituto e conseguimos gañar a aposta. Fomos capaces de ler en 1º de ESO un libro de máis de 300 páxinas, e ademais GUSTOUNOS! Viaxamos con Mr. Fogg, Passepartout e Auda a través do mundo. Coñecemos países. Viaxamos no lombo dun elefante e nunha zorra  sobre a neve. Tamén nos sorprendeu unha tradición da India que non nos gustou nada. En fin, recomendámosvos que leades esta obra se vos gusta a aventura e que o pasedes moi ben con ela.
Por certo, non vos imos dicir se os protagonistas gañaron a aposta ou non. Xa o descubriredes vós.



01/02/13

TRABALLANDO NA DIVERSIDADE

O equipo de traballo da biblioteca foi convidado a participar nas II Xornadas de Formación e Sensibilización sobre Atención á Diversidade, que organiza o IES de Melide o 29, 31 e 1 de Febreiro. Publicamos aquí unha presentación na que dalgún xeito tentamos dar conta do noso traballo nos últimos anos, en colaboración con EDNL e outros equipos do noso centro.

30/01/13

DÍA DA PAZ

Hoxe conmemoramos no noso centro o Día da Paz.Construímos unha barricada de libros contra a guerra. Dous alumnos do centro leron tamén textos de Gandhi sobre a non violencia, e xuntos recordamos que hai moitos nenos e nenas no mundo que nunca viviron nun país en paz e que non coñecen o significado desta palabra.

18/01/13

ÀNGELO TORRES, HISTORIAS EN PORTUGUÉS

Ângelo Torres, contador de historias natural de Sâo Tomé e Príncipe, inaugurou o ano 2013 como primeiro convidado da biblioteca do IES de Melide. Ângelo xa estivera noutra ocasión no noso instituto, pero a meirande parte do público era a primeira vez que o escoitabamos.
O noso convidado fixo dúas sesións, unha para 1º de BAC no salón de actos, presentado por Adrián Oro, e outra co club de lectura Papalibros, na que ademais de historias compartiu tamén mesa.
Gostamos das súa historias, especialmente a da Tía Miseria e a Morte, que aprendeu da súa avoa, que premiaba aos nenos que se bañaban cun conto.
De paso tamén comprobamos que a diferencia idiomática era mínima e podíamos entedelo perfectamente, xa que o galego nos abre portas para comunicarnos con millóns de falantes doutros continentes.

09/01/13

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

Velaí este mapa que foi elaborado polos alumnos de TICs de 1º de BAC en colaboración cos alumnos de 1º de ESO, que teñen A volta ao mundo en 80 días de Xulio Verne como lectura en lingua galega. Sobra dicir o útil que vai ser este traballo para que os de 1º de ESO preparen e comprendan mellor o libro. Se cadra é útil tamén para moitos outros que se animen a participar no xogo de pistas deste ano, que, como non, vai tratar sobre viaxes. Parabéns a todos os alumnos participantes (e aos profes que os coordinaron, Xan G. Carballo e Gloria Rguez Íñiguez!).
Ver A volta ao mundo en 80 días nun mapa máis grande

21/12/12

GRANDES VELEIROS DO S.XVIII

                                   
Seguindo co tema das viaxes, que imos desenvolver ao longo do curso, o profesor de E.F., Couso, deleitounos falando dunha das súas grandes paixóns, a navegación a vela. Neste caso centrouse nos grandes barcos de vela do século XVIII.
Aprendemos os nomes das partes do barco, como se dispara un canón, viaxamos polo medio das tempestades no mar... e case, case nos dispara o canón que podemos ver na imaxe. Algúns valentes alumnos de 1º de BAC escaparon pensando que dispararía de verdade.
Tamén nos recomendou a lectura de libros relacionados coa navegación, entre eles Assur, unha obra moi interesante  de Francisco Narla que está ambientada, en parte, en Galiza. Témola na biblioteca. Podedes botarlle unha ollada.
Couso tamén tiña preparado un barco que navegaría polo recinto do instituto, pero veu un temporal e naufragou. Esperamos poder rescatalo das profundidades do mar.

20/12/12

A viaxar!

Un grupo de intrépid@s alumnos e alumnas de 1º ESO animad@s polas lecturas de Jules Verne decidiron viaxar en globo. Vestiron as súas mellores galas para a ocasión e lanzáronse.
Mentres, os seus compañeiros observaban con miradas de asombro o lanzamento do globo que eles mesmos, coa axuda da profesora de Sociais, fabricaran.
Por fin, xa estaban no aire viaxando en globo  pola biblioteca.
BOA VIAXE!

SOLSTICIO DE INVERNO


Como sabedes, o 21 de decembro conmemoramos o solsticio de inverno. Este día é tamén moi importante para nós, porque comezan as vacacións de inverno, por iso ímosvos comentar algo sobre a figura do apalpador. Este ser máxico, tamén chamado pandigueiro, aparece por estas datas para apalpar as barrigas dos neniños e ver se teñen fame ou se comeron ben. Este ano, debido aos recortes, ao paro... en xeral, á crise, moitas barriguiñas non van estar moi cheas, e o apalpador teranos que deixar moito máis que castañas para que se poidan encher.
Hoxe ímosvos propoñer, especialmente aos máis pequenos, a lectura dun novo libro centrado na figura do apalpador. Titúlase Apalpador vs. Papá Noel, escrito por Fernando Cimadevila e ilustrado por José Ángel Ares. Nel poderedes atopar, ademais dunha fermosa historia, a receita da torta de castañas con chocolate e varios xogos. O libro subtitúlase Contos estraños para nenos friquis e ten, ademais, a particularidade de que está editado baixo unha licenza Creative Commons España 3.0 que a identifica como non comercial, o que significa que sodes libres de copialo e distribuílo onde queirades, sempre que citedes os autores e que sexa sen ánimo de lucro.
Esperamos que pasedes unhas divertidas vacacións e que leades moito, porque xa sabedes que a mellor viaxe é un libro.

13/12/12

12-12-12-12 con Celso Emilio

Por fin chegou o día e hora tan esperados e un montón de rapaces, rapazas e profesoras xuntámonos na biblioteca do IES de Melide  para recitar a Celso Emilio, seguindo a convocatoria da Coordinadora Galega de ENDL.
Despois dunha extraordinaria introdución a cargo de Lorena Ambrosio, as alumnas e alumnos de 2º de BAC fixeron un recitado de "Deitado frente ao mar", acompañados por música en directo, interpretada por  tamén alumnasde 2º e 1º de BAC.
A continuación os Papalibros fixeron unha versión hip-hop deste mesmo poema, que conseguiu sonar ben graza a axuda inestimable de David.
Este foi o noso xeito de conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio, poeta comprometido coa lingua, coa xente sinxela e cos que sofren. Foi esta tamén a nosa maneira de reivindicar o dereito á nosa identidade, a educarmos en galego porque queremos, porque nos peta
Aproveitameos tamén esta data redonda para participar nunha lectura de textos clásicos, dentro da convocatoria "yo conozco mi herencia. ¿Y tu?", da que vos damos conta no noso blog Aspasia.

11/12/12

RECITANDO A CELSO EMILIO E COÑECENDO A NOSA HERDANZA.

O 12 do 12 do 2012 ás 12.00 Biblomelide tamén estará recitando a Celso Emilio, celbrando así o centenario do seu nacemento.

E este mesmo día 12 do 12 do 2012 ás 12.1, porque non podía ser doutro xeito. Alumnas e alumnos do departamento de grego leran textos clásicos, dentro do envento Yo conozco mi herencia. ¿Y tu?, que tamén podedes ver con detalle no noso blog Aspasia


29/11/12

PREMIOS DO CONCURSO DE MICRORRELATOS

Hoxe tivo lugar a entrega de premios ao alumnado premiado no concurso de microrrelatos en contra da violencia de xénero ou a favor dunha boa relación na parella.
Os premios consistían en vales para mercar material escolar e libros.
O alumnado premiado foi:
1º Ciclo:
1º Premio: Paula Ares Turrado (S1A)
 



“Pola mañá, ouro; pola tarde, prata; pola noite, mátame”



2º Premio: Hilda Mosteiro Quintela (S1A)


“Cando cheguei de traballar, vina preparando a cea. Abraceina e díxenlle canto a quería”

2º Premio: Celia Varela (S2C)

“ Era unha mañá de outono, e eu atopábame na casa soa e en silencio. Só se escoitaba o TIC, TAC do reloxo. A miña vida era un inferno. Dende que casei a miña vida está coma morta, coma se non tivera rumbo nin sentido, coma se non tivera nada. O meu marido maltrátame e insúltame, para el son coma unha marioneta, coma un xoguete. Cando escoito abrir a porta, sinto que o meu inferno empeza, coma todos os días, e penso que sería mellor estar morta que sufrir isto”

3º Premio: Mariña Ferreiro Vilariño.

Libérame do inferno.










“ Carme está na casa, pois non pode saír; se o fai, só pode ser acompañada polo seu home. Pero non só iso, insúltaa, pégalle, maltrátaa. Quere chamar á policía, pero... que pasaría? Sempre que o pensa, decide non facelo. TEN MEDO"

Bacharelato:
1º Premio, pola súa calidade literaria: Zeltia Mato Fernández ( 2º BAC.)


“ Non poñas esa saia tan curta e eses tacóns, puta”. Resoprei. Do farta que estaba deses desprezos, collín a punta do tacón e, con todas as miñas forzas, espeteina na súa entreperna. Non quería volver a sentirme un xoguete e un obxecto.

2º Premio: Pablo Laya ( 2º BAC.)

“ Flores, música, amigos, familiares, alegría, diversión.
Xa están casados.
Fillos, gritos, débedas, choros, pelexas.
Morre outra muller nas mans dun home”

3º Premio: Paula Mejuto Fuciños ( 2º BAC.)

“Casou...!
Sen saber que, ese día, comezaba o camiño cara a súa morte”.

Había moitos máis microrrelatos dignos de ser premiados, pero non podiamos conceder tantos premios. Animámosvos a que sigades escribindo.

23/11/12

¿ Sabías que a principal causa de mortes e discapacidade de mulleres entre 16 e 44 anos ,é a violencia dentro da propia familia ?. Provoca máis mortes e danos á saude ca o cancro ou os accidentes de tráfico. A violencia contra as mulleres mostra de xeito terrible que aínda existe unha cultura na que a muller é pouco máis ca un obxeto, e ese feito é un grave atentado contra a súa dignidade. Unha reflexión sobre esta cuestión lévanos a mirar o noso entorno próximo: a nosa escola, o noso instituto...donde tamén é enormemente importante educar para sentirnos e tratarnos como iguais. Eles buscan reafirmar a súa virilidade e elas cren que a actitude da súa parella forma parte do xogo amoroso. A violencia machista gaña terreo nos institutos e cada vez son máis as rapazas que sofren aillamento, insultos ou agresións nunha relación que remata sendo tormentosa. Moitas veces escoitamos música, e non nos fixamos na letra.....atende a estas: EL DIARIO DE SONIA. SE ACABARON LAS LÁGRIMAS. MALO ERES!

13/11/12

10 ANOS DE PRESTIGE

Hoxe, 13 de novembro, cúmprense 10 anos do Prestige, a meirande catástrofe ecolóxica que sufriu Galicia. Bota unha ollada á presentación e pásate durante esta semana pola biblioteca para ver a ambientación e os materias expostos.

09/11/12

CONCURSO DE MICRORRELATOS


Un ano máis, dentro do seu Plano Anual, o Equipo de Biblioteca do IES de Melide convoca un
concurso de Microrrelatos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Cantas palabras necesitamos para poder contar unha boa historia? Retamos ao alumnado do IES de Melide a que con menos de cen palabras tente chegar ao corazón d@s lectores/as.
Atrevédesvos?

Velaí as BASES e desta vez ninguén se queixará do moito que ten escribir:

- Os relatos xirarán en torno á violencia contra as mulleres ou ben a non violencia e  como debe ser o bo trato en calquera relación.
- Terán unha extensión máxima de cen palabras.

- O prazo de presentación remata o venres, 23 de novembro de 2012 .

- Establécense tres premios para os tres mellores microrrelatos presentados (1º ciclo, 2º ciclo e Bacharelato e CF).

- O xurado estará formado por tres profesores/as do Equipo de Biblioteca e dous alumnos/as membros da Asociación do Alumnado.

*O xurado poderá deixar deserto/s o/s premio/s se o considera oportuno.


04/11/12

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO. RAMÓN VEREA

¿Sabías que a primeira calculadora que multiplicaba foi inventada por un galego?



 Desde os tempos máis remotos,  a humanidade  soñou  con posuír máquinas capaces de realizar cálculos complicados e, así, liberar a sufridos contables e administradores de ter que loitar con grandes sumas, restas, multiplicacións e outras operacións máis complexas. A historia das calculadoras é tan longa  e complicada que dista moito de ser algo sinxelo  de narrar. Trátase dunha viaxe pola historia  da ciencia e a  técnica chea  de nomes e enxeños de todo tipo, ninguén pode atribuírse a paternidade do invento, moitos foron os seus pais.
Un destes pais é Ramón  Silvestre Verea García, escritor e xornalista galego (Curantes 1833 – Bos Aires  1899). No ano 1878, en Nova Iorque,  remata a súa máquina de cálculo. Esta constitúe unha revolución no eido das operacións aritméticas sendo moi eloxiada pola prensa estadounidense. 

P. Morris, biógrafo de Ramón Verea, escribe sobre ela:
 “ A única máquina no mundo que practica por enteiro as catro principais operacións de aritmética, a diferenza das anteriores, que só sumaban ou restaban. A de Verea non só fai isto, senón que multiplica e divide. Capaz de facer cálculos para 9 cifras nos sumandos, multiplicando ou divisor, para seis no multiplicador ou o cociente e para quince no produto ou dividendo. É posible facer con ela dun modo rápido todas as  operacións  máis longas e difíciles por medio dun procedemento mecánico. A máquina ten 14 polgadas de longo por 12 de ancho e 8 de alto. Pesa 50 libras e é toda de ferro, aceiro e metal amarelo”
A máquina de Ramón Verea , premiada coa medalla de ouro na Exposición celebrada en Matanzas (Cuba) por aquel tempo,  foi patentada pero non comercializada, pois o que moveu a Verea a traballar para inventar a súa calculadora foi o desexo de probar que un xenio inventivo pode deixar atrás as eminencias das nación máis cultas, e o afán innato de contribuír con algo ao adianto da ciencia, e non o reembolsar parte ou o total dos cartos invertidos na súa creación.
Actualmente a máquina de Verea  atópase no depósito que a empresa norteamericana IBM, multinacional que fabrica e comercializa ferramentas, programas e servizos relacionados coa informática, posúe na cidade de Nova Iorque.

Ramón Verea , home de mentalidade renacentista , foi un daqueles galegos curiosos que quixeron descifrar algunhas das claves da ciencia aplicada á industria e ao cálculo para reverter no progreso social. A razón e a observación, xunto ao seu carácter emprendedor, foron elementos  substanciais para chegar onde chegou.


Dia da Ciencia. Viaxamos con Leonardo

 Este ano, o Día da Ciencia e da tecnoloxía está dedicado ao galego Ramón Verea e a Leonardo Da Vinci.
 Leonardo foi un artista e home de ciencia que experimentou constantemente con novas técnicas. Era un gran observador científico e inventor. Realizou numerosos estudos científicos de anatomía, medicina, enxeñería...
 Como enxeñeiro e inventor, Leonardo desenvolveu ideas moi adiantadas ao seu tempo, tales como o helicóptero, o automóbil autopropulsado, o submarino, o carro de combate, o paracaídas, unha máquina para sumar, unha escafandra con casco... Considérase o precursor de moitas máquinas modernas; pero en canto á bicicleta, a súa paternidade non está clara.
Considérase que varias das consideradas  tecnoloxías de Leonardo foron herdadas dunha tradición máis antiga. A súa orixinalidade ponse de manifesto na máquina voadora, xa que durante a maior parte da súa vida estivo fascinado polo voo. Produciu numerosos estudos sobre o voo dos paxaros nos que se inspirou para debuxar os planos de varios aparellos voadores, como o parafuso aéreo, o paracaídas, etc.
Leonardo inventou aparellos para desprazarse pola terra, polo aire e pola auga.
Quen non soñou algunha vez con voar e con viaxar?
No corredor do instituto temos unha pequena exposición de imaxes dos inventos de Leonardo e de libros sobre a súa obra.


25/10/12

Samaín 2012

A noite do 31 de outubro era moi especial, xa que, nos países celtas, conmemoraban o Samaín. Era a súa festa máis importante, posto que nesa data comezaba o ano novo e tamén o inverno.
Todos oímos falar moitas veces do Samaín, pero... Que facían os nosos devanceiros por estas datas?
Considerábase que nestes días, abríase unha porta entre este mundo e o outro, era unha xornada de encontro cos que xa morreran. A morte era a outra cara da vida e non se lles tiña medo aos que xa marcharan para o Alén, e incluso, nalgúns sitios facilitábaselles a viaxe poñendo unha vela para que visen ben o camiño de volta á casa, e deixábase un prato con comida e un asento para os “visitantes”. Tamén se facían rosarios de castañas cocidas para os nenos e, dicían os vellos, que, por cada castaña que se comía, un morto ía para o Ceo. Moitos nenos visitaban os cemiterios cos seus colares.
Estas datas préstanse para estar na casa ao pé do lume, comendo castañas e contando contos, especialmente de medo. Por iso, no noso centro tamén conmemoraremos esta festa. Ashley, a lectora falaranos do Halloween e do Samaín, e veremos unha película de terror. Tamén comeremos castañas e teremos algunha outra sorpresiña.
Así mesmo, leremos contos de terror na biblioteca, algúns inventados por nós e outros escritos por autores coñecidos. Temos unha mesa chea de libros de historias de medo. Achegádevos e levade algún para ler tamén na casa ao pé do lume.




08/10/12

PREPARANDO A NOSA VIAXE

Tal vez este título podería parecer máis propio do inicio das vacacións de verán que docomezo de curso. Si, no IES de Melide puxémonos en marcha nada máis volver das vacións de verán porque este ano dende a biblioteca imos traballar nun proxecto: A Viaxe e a Migración, entre a búsqueda e a necesidade. Pensamos que é un tema o suficientemente amplo para ser traballado interdisciplinariamente e un tema moi rico e documentado na literatura, cine e artes en xeral. Partimos de dúas ideas básicas nas nosa liña de traballo. Por unha banda temos a viaxe como fonte de coñecemento, produto da continua busca e curiosidade do home, motor dos grandes descubrimentos, fonte inagotable de experiencias. Por outra banda temos a viaxe forzada pola supervivencia: as grandes migracións, as invasións, os movementos de poboación... que son inherentes ao xénero humano. Por último temos a viaxe como forma de ocio, o moderno turismo. Con estas ideas iniciais comezamos a nosa travesía pedindo, como o poeta Cavafis, "que a nosa viaxe sexa longa, chea de aventuras, chea de coñecementos"

31/05/12

MAKINARIA

Chegan de noite queimando goma,/flipados de euforia e decibelios,/ coa gasolina inxectada na vea./ Logo, malotes de discoteca, descenden so carro maqueado...
Con estes versos o poeta introdúcenos nese mundo de roteiros nocturnos entre discotecas e pubs, mallando na música e no alcol a velocidades vertixinosas que en moitos casos acaban nas cunetas e cemiterios. E o poeta, que xa disfrutamos en anteriores ocasións, non podía ser outro que Carlos Negro, antigo profesor deste centro e profesor de Lingua e literatura no IES de Dodro.  
Makinaria introdúcenos sen previo aviso nun universo de bugas maqueados roéndolle duro as rodas, cravando derrapaxes a ritmos de decibelios que deixan corpos ensanguentados na cuneta. Usa con maxistralidade a linguaxe dos mozos que, aínda que compartan casa e aulas con nós, parecen habitar o seu propio planeta, esa linguaxe que tanto sorprende aos lectores e lectoras pouco habituados a ler poseía que collen o libro cun aire reticente. Makinaria foi unha revelación que nos descubriu que a poesía non está enlatada en versos ou temáticas trascendentais, está en cada recuncho do noso entorno, nos obxectos cotiáns ... en palabras do propio poeta "a poesía fuxiu do Parnaso cos bafles abouxadores na procura de palabras que acheguen aos lectores a súa propia vida con ritmo de hiphop de rúa". Durante cincuenta minutos os versos de Makinaria renaceron recitados, cantados, rapeados... na voz de Carlos Negro, que soubo encadilar non só aos alumnos e alumnas de 1º de BAC que leron a obra, senón tamén aos profesores e profesoras que os acompañaban nese momento. Ao final, para non marchar co sabor amargo da morte e cemiterios, Carlos agasallounos con algo doce: un verso de amor e un sugus, que luxo! Os e as que non tivestes a sorte de disfrutar deste recital, tedes Makinaria agardando por vós na biblioteca.

17/05/12

O misterioso Dr. Saa



Hoxe, 17 de maio, Día das Letras Galegas, presentouse na feira do libro en Lugo O misterioso Dr. Saa, obra escrita pola nosa compañeira no centro, Belén Fernández Guzmán, e polo que tamén foi profesor no noso IES, Xosé Díaz Díaz. Esta biografía recupera a historia de Manuel Rodríguez Saa, tamén coñecido como o conde de Waldemar, un lucense de Portomarín que, no primeiro terzo do século XX, acadou sona internacional como ilusionista. Os autores pretenderon render unha homenaxe á memoria e lenda do home e artista que percorreu case todo o mundo deixando a súa maxia.
Os autores consideran ao ilusionista Waldemar como un emigrante, como tantos outros que tiveron que marchar para buscar vida fóra, que tivo a valentía de dedicarse a algo tan pouco habitual naquel tempo como era o ilusionismo.
Parabéns ao autor e á autora que con esta obra rescataron do anonimato un personaxe tan importante como este que actuou para reis, xefes de estado e incluso un emperador, e do que moitos de nós nunca oiramos falar.

Día das Letras Galegas 2012

Este ano, o Día das Letras Galegas está dedicado a Valentín Paz Andrade.

Valentín Paz-Andrade, nado no barrio pontevedrés de Lérez o 23 de abril de1898 e falecido en Vigo o 19 de maio de 1987, foi un xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galeguista.
Comezou a interesarse na literatura e na cultura de Galicia da man do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Foi tamén el quen lle presentou a Castelao, un dos intelectuais que máis influíron na súa obra.
Iniciouse no movemento galeguista, da man de Castelao, e participa como orador na II Asemblea Nacionalista (1919) de Santiago de Compostela. 
Durante esa época tamén crea e preside o primeiro grupo galeguista estudantil en Santiago, o Grupo Galeguista Galego de Estudantes. Anos despois presidiría en Vigo o Grupo Autonomista Gallego (1930) e militaría no Partido Galeguista, participando activamente na súa fundación en decembro de 1931.
Escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, nos que reflectiu a súa preocupación polo progreso de Galicia. Tamén escribiu varias obras como técnico especializado en temas pesqueiros.
Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética evidénciase unha motivación patriótica, como se pode observar en Soldado da morte (1921), Pranto matricial (1954), en que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento (1968), en que canta a paisaxe e a xente galega, ademais do exilio e o amor ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), en que incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.
Aquí vai un anaco de Pranto Matricial.
Cando ti volvas
NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dend-a Torre d´Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas pol-o mare;
de toxo unha fogueira en cada monte,
cando ti volvas pol-o mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas pol-o mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas pol-o mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas pol-o mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas pol-o mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas pol-o mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas pol-o mare;

e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues pol-o mare,
cando ti chegues pol-o mare...

Galiza, 1954


10/05/12

Semana da Interculturalidade: Xapón

Os últimos día desta intensa semana da interculturaliade están dedicados ao Xapón. As alumnas e alumnos de 4º de ESO e 1º de BAC, ademais de decorar a biblioteca con magníficas mostras de caligrafía xaponesa, traballaron diferentes aspectos desta milenaria cultura, centrándose no haiku, poema tradicional xaponés que consta de tres versos breves que soen centrarse na contemplación da natureza.
Velaí os difrentes traballos elaborados polas alumnas de 4º de ESO en torno ao Xapón: o seu concepto da beleza, teatro, danza, poesía, filosofía, relixión e cortesás.

07/05/12

IES DE MELIDE: O MUNDO SOMOS NÓS

Arrancamos a semana da Interculturalidade no IES de Melide, do 7 ao 11 de maio de 2012, na que tentaremos achegarnos ás diferentes culturas e países das alumnas e alumnos do noso centro. Podes consultar o programa de actividades e non dubides en pasar pola biblioteca para visitar a nosa exposición.
Ver Interculturalidade no IES de Melide en un mapa más grande

06/05/12

SEMANA DA INTERCULTURALIDADE

A semana do 7 ao 11 de maio celebramos a semana da interculturalide no IES de Melide, baixo o lema IES DE MELIDE: O MUNDO SOMOS NÓS.
Neste días queremos queremos destacar a diversidade cultural que temos no IES de Melide, que acolle a rapazas e rapaces procedentes de distintos países e culturas como Arxentina, Brasil, Colombia, Cuba, China, Marrocos, Paraguay, Pobo xitano, República Dominicana, Rumanía, Suíza, Venezuela.... unha gran variedade que nos enriquece a todos.
Dende a biblioteca queremos convidarvos a que asistadades a esta gran festa participando nas distintas actividades que organizamos:
- Exposición de obxectos e moedas dos diferentes países.
- Degustación de produtos típicos dos países participantes.
- Actuaciacións musicais
- Exposición das distintas presentacións de diapostivas elaboradas polos alumnos e alumnas
- Charlas e conferencias...
Como aperitivo deixamos aquí dúas presentacións elaboradas por un grupo de alumnos de 1º C de ESO.

CHINA
Traballo coordinado por Li Wei, no que colaboraboraron Álex García Prado, Belén Barallobre e Laura Rodríguez. Li Wei estivo no pasado mes de marzo en China e alí pudo recoller unha serie de datos e fotografías que agora nos mostra. POBO XITANO Asier Montoya coordinou este traballo e recibiu a importante axuda de Lucía Costoya, Adrián Couso, Carlos Rouco e Conchi Penas. Buscando información na rede descrubrimos un montón de cousas sobre este pobo que leva tantos anos convivindo con nós e do que sabemos tan pouco. Durante as tres semanas nas que realizamos este traballo na clase de 1º C de ESO, á parte de aprender un montón de cousas descoñecidas, aprendemos tamén a traballar en equipo e a manexar moitas ferramentas TIC.

05/05/12

REPÚBLICA DOMINICANA

Presentación realizada por Carlos Alberto López Almanzar, de S4A

BRASIL

Presentación realizada por Nathielle Thifane Rosa de Oliveira, de S2A



Presentación realizada por Manoel Vitor, David Ramos e Bea gonzález, de S3A

COLOMBIA

Presentación realizada por Juan Camilo Pino,de S2A.
FESTAS COLOMBIANAS
Presentación realizada por Diego Fernando Benjumea, de S3A

CUBA

Presentación realizada por Liliana Liset, de S2A