11/12/13

PREMIOS A MICRORRELATOS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO

O alumnado do IES de Melide demostrou unha vez máis que a literatura pode combatir a violencia de xénero. Foron moitos os microrrelatos que se presentaron á convocatoria que EDNL e Biblioteca lanzaban dende este blog. O xurado tivo que pedir axuda ao alumnado de literatura galega do s. XX e entre tod@s conseguimos consenso, concedendo os seguintes premios:

1º Ciclo de ESO: David Sesar Casal, de S2B
Ela non o lograba. Fuxiría a cada paso, alí estaba. Pedía axuda, pero interpoñíase. Ata que un día, sen previo aviso, os seus choros convertéronse en sangue

2º Ciclo de ESO: Sara Fociños Astrar, de S3B
CONFESIÓN PARA NINGUÉN 
Inmóbil, inerte,tirada no chan, mirándome. Que fixen? Por que o fixen? Isto está mal, moi mal, a miña vida, o meu amor, parece que a nosa historia por fin rematou. Que fixen? Por que o fixen? Todo foi pola túa culpa, sempre tentando tolearme, pero iso xa acabou. Todo acabou. Nunca antes che puxera a man enriba, nin a ti nin a ninguén. Que fixen? Por que o fixen? Pero os meus remordementos aquí rematan, o noso conto de fadas aquí remata. Todo o vivido, a nosa canción, a nosa balada,será substituída por un triste silencio, para sempre. Xa non o aguanto máis, o noso final será coma o de Romeo e Xulieta, tráxico, épico, un erro sen solución. Só podo facer unha cousa para acabar con este sufrimento.

BAC e CF: Belén Casal Taboada, de B1A  
TODO FOI CERTO 
Quizais el tiña razón, quizais era unha estúpida. Ao mellor merecía todas aquelas palizas, e ao mellor nunca fun unha boa esposa, como el dicía. É posible que el me amara, como sempre dixo, e que todo o fixo por min. Pero agora xa nunca saberei se todo aquilo foi certo.
PARABÉNS ÁS/OS GAÑADORAS/ES!!

10/12/13

UNHA VODA DE CINE

Aínda que con algo de retraso, velaí a nosa carteleira de cine, como non podía faltar neste noso ano de película.
A Noiva Cadáver, filme de animación de Tim Burton, foi un dos títulos que vimos na biblioteca como parte das actividades de samaín. No cartel vemos ao pobre Víctor, que vai ao mundo dos mortos de repente e casa, por error, cunha noiva cadáver.
Dende o día que chegou o cartel, temos voda a diario na entrada de biblioteca. Ven facer ti tamén a túa foto, pero non esquezas á túa parella. Vivan os noivos!!

27/11/13

PARECE DE CINE PERO NON O É



O día 25 de novembreo, Día Contra a Violencia de Xénero, o grupo de teatro do IES de Melide, TEIROA, fixo a súa primeira intervención neste curso: DICIR NON.


TEIROA realizou unha dramatización sobre conflitos en parellas adolescentes, baseados todos eles en feitos reais...por dita razón xustifícase a alusión, na presentación, a que todos os casos "podían parecer de cine pero non o son". De feito, os conflictos tiñan lugar en espazos cercanos: nos corredores do centro, no recreo, na porta de entrada...A intención era que todos nós reflexionáramos sobre a violencia da que se fai uso á hora de xestionar determinados conflitos, especialmente aqueles que xurden en torno ás parellas adolescentes, tanto na linguaxe verbal como  na linguaxe corporal, na música...Ahí vai un exemplo para que sigades pensando.... 

Escea 5 – O FACEBOOK: Antía acaba de deixalo coa súa parella, levaban 6 meses. Andrés, a ex parella de Antía é moi celoso e ela comezou a decatarse de que non era o que quería. A raíz desta ruptura, Andrés empeza a colgar en FACEBOOK fotos que comprometen a Antía e ela non sabe como rematar con este problema. Un día comenta ás súas amizades, Lucía e Iria,  que volveu con Andrés, que el está moi arrepentido.
 

24/11/13

@s adolescentes e a violencia de xénero

Un 21% dos adolescentes españois está de acordo coa afirmación de que os homes non deben chorar. Un de cada cinco cre que está ben que os rapaces saian con moitas rapazas, pero non ao revés. O  12,8 % non considera maltrato ameazar – ou recibir ameazas-  en caso de que a súa parella  queira romper coa relación. O 4% das adolescentes de entre 14 e 19 anos foron agredidas polo mozo co que saen ou saían; case unha de catro confesa que o seu mozo ou exmozo contrólaas ata o punto de fiscalizar con quen falan ou como visten. Control, relatan, a golpe de Tuenti e WhatsApp.
Estas son algunhas das  conclusións que se extraen do estudo  “Evolución da adolescencia española  sobre igualdade e prevención de violencia de xénero”  levado a cabo por investigadores da Universidade Complutense de Madrid coas entrevistas online a 8000 menores.
E preguntámonos: O retrato robot de como son e como viven @s adolescentes as súas relacións que se deduce do estudo mencionado,  axústase á maneira de vivir as súas  relacións @s adolescentes do IEs de Melide? Para tratar de  dar resposta e esta cuestión precisamos da vosa colaboración. Só tedes que cubrir o cuestionario  ANÓNIMO que tedes a continuación e enviarnos as vosas respostas.  


13/11/13

Día internacional contra a violencia de xénero

Cantas palabras precisamos para contar unha boa historia? Seguro que podemos facelo con menos de 100. Atrevémonos? O Equipo de Biblioteca do IES de Melide, en colaboración co ENDL convoca un concurso de microrrelatos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.Podemos escribir un pequeno texto relacionado coa violencia ou todo o contrario, un relato no que se fale dunha situación de amor e bos tratos entre os membros da familia. Aquí van as bases.

08/11/13

Día da Ciencia en Galego 2013: o dereito a gozar da Ciencia e a Arte en galego

Este ano, o día da ciencia en galego rende homenaxe ao arquitecto Richard Buckminster, á enfermeira Florence Nightingale e ao intelectual e artista creador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo. Esta edición céntrase na Estatística (estamos no ano internacional desta parte das Matemáticas) e na Arte e a Ciencia. Co obxectivo de ilustrar a estreita relación que hai entre ciencia e arte, elaboramos a presentación “A arte na ciencia, a ciencia no arte”. Na primeira parte, “A arte na ciencia”, intentamos escoller exemplos das diferentes ramas científicas (matemáticas, física, química, bioloxía,..) que nos chamaron a atención pola súa beleza. Na segunda parte, “A ciencia na arte”, intentamos ilustrar, a través da selección de obras e autores de distintos movementos artísticos, a presenza das ciencias nas artes.

04/11/13

PELÍCULAS RECOMENDADAS PARA NOVEMBRO

Unha das actividades deste noso Ano de película é, por suposto, desfrutar vendo cine. Estas son algunhas das películas que vos recomendamos para este mes de novembro, mes de samaín e mes no que comemoramos o día de ciencia e o día da violencia de xénero.
Pero ademais de desfrutar, os cinéfilos/as que sigan as nosas recomendacións verán que úteis lle van ser estas películas e como velas terá a súa recompensa.... (estade atent@s!)

27/10/13

UN SAMAÍN DE PELÍCULA,



Iniciamos este ANO DE PELÍCULA co videofórum dedicado ao Samaín. Nesta ocasión proxectáronse dúas películas: Los otros, para o alumnado de 2º de ESO e A noiva cadáver. para o de 1º de ESO.

Los otros é unha película de 2001 dirixida por Alejandro Amenábar e protagonizada por Nicole Kidman. É unha coprodución hispano-franco-estadounidense que gañou oito dos quince Goya aos que estaba nominada: mellor son, mellor fotografía, mellor dirección e mellor película.
Despois de rematar a II Guerra Mundial, Grace (Nicole Kidman) espera a chegada do seu marido que non volve da contenda. Vive nunha antiga casa grande xunto a súa filla Anne e o seu fillo Nicholas, ambos afectados por unha estraña alerxia ao sol. Cando contrata tres novos criados, unha serie de fenómenos raros comezan a acontecer na mansión que ten que estar permanentemente en penumbra polo ben dos pequenos. Así, á luz das velas, Grace deberá descubrir o que está pasando e quen son “os outros.

A noiva cadáver é unha película de animación de xénero fantástico do ano 2005 baseada nun conto popular ruso-xudeu do século XIX e ambientada nunha aldea ficticia da época victoriana. Foi dirixida por TimBurton e Mikel Johnson. Johnny  Depp dá voz ao personaxe principal , xunto con Helena Bonha Carter, que dá voz a Emily, a moza cadáver.

09/10/13

UN ANO DE PELÍCULA


Este é o lema escollido para o traballo que dende a biblioteca imos desenvolver neste curso recén estrenado. Aínda que o cine foi sempre unha ferramenta fundamental no noso traballo, este ano queremos rendir unha homenaxe á setima arte, este invento que dende a súa aparición a finais dos s. XIX revolucionou a nosa sociedade. Talvez os irmáns Lumière non imaxinaron até que punto o seu invento ía influír na vida dos homes. Ese produto da tecnoloxía acabaría converténdose nunha arte, que sería quen de facer soñar a tantas xeracións de mulleres e homes.
Peo ademais do entrenemento e diversión, o cine converteuse rápidamente nun medio eficaz de información, testemuña da historia e ferramenta básica de coñecemento. Cantas veces aprendemos máis nos cen minutos que dura unha película que en tantas e tantas clases de historia, matemáticas ou lingua? Moitas das nosas emocións están ligadas ao cine. A ficción provoca sentimentos reais que asimilamos moitas veces como vividos en primeira persoa. Cantas bágoas e gargalladas temos vertido diante da pantalla!. Cantos momentos felices temos atrapado e encerrado nunha película...
O cine é unha ferramenta consolidada no ensino que usamos en todas as materias, por iso é un tema moi axeitado para traballar en equipo dende a biblioteca e en todas as aulas. Non só imos ver cine, imos tentar tamén facelo, a traves de distintos obradoiros, algúns xa existentes como a nosa emisora Falamelide, e outros que crearemos este curso, con axudas coma a do Plan Proxecta. Por todo isto e moito máis queremos que este sexa Un ano de película.

21/06/13

UNHA VIAXE NO ORIENT EXPRESS

O alumnado de 1º do Ciclo de Madeira do IES de Melide, coordinado por Fernando López, ven de inaugurar unha exposición relacionada, unha vez máis, co noso  tema de traballo interdiscplinar A viaxe e a migración, entre a búsqueda e a necesidade.
Desta vez trátase dunha viaxe de pracer destinada a unha élite, xa que as viaxes no Oriente Espress foron sempre o paradigma do luxo. Pero lendo o traballo elaborado polo ciclo dámonos conta de que este mítico tren, ademais dun paraíso para os amantes do luxo, inspirou obras literarias, como o famoso Asasinato no Orient Espress de A. Christie, e foi escenario de importantes episodios históricos como o armisticio de 1918 firmado por Alemania e Francia tras a primeira guerra mundial e o de 1940 na segunda guerra mundial, polos mesmos países pero en condicións moi diferentes.

15/06/13

CARTA A SANTIAGO LOPO


Din que para min é "doado" escribirlle a alguén ou facer unha reflexión sobre unha novela, relato, etc., e por iso agora mesmo che estou escribindo isto. Seguro que non sabes quen son, e realmente iso non é o máis relevante debido a que serei unha deses/as milleiros de estudantes que tras ler as túas novelas che escriben para facerche unha pequena crítica sobre elas.
            Falando con certeza, nunca me gustou iso de ler, sempre preferín ver unha película ou saír á rúa antes que ler un libro. Non me gusta iso de estar quieta observando algo que probablemente non me chegue a gustar.
            Quizais por cousa do destino a miña opinión sobre a lectura mudou un chisco, pode ser porque hai moi pouco, Hora Zulú chegou ás miñas mans. Non sei moi ben por que me gustou tanto esa novela pero, o que realmente me fixo reflexionar sobre o que é de verdade a lectura, foi seguramente a súa maneira de entramar a historia. Diferente, pero ao mesmo tempo tan orixinal que, persoalmente, me enganchou durante aproximadamente cinco curtos días.
            A obra en si paréceme moi ben estruturada, pero o que máis chamou a atención en min foi a maneira na que indirectamente nos fai reflexionar sobre como inflúe o tempo nas persoas, como nos preocupa sobre todo de maneira negativa. Nisto non existe a desigualdade, afecta dende os máis cativos -que teñen un enorme desexo por ser maiores e facer todo o que lles gusta e queren- ás persoas adultas ás que lles preocupa moitas veces que será dos seus fillos, como sobrevivirán ao paso do tempo.... até os máis maiores que senten certo temor porque un día chegue esa negra sombra que os leve.
            Probablemente é nunha das poucas cousas onde a desigualdade é inexistente e nas que, por un momento, inflúe máis negativamente nas persoas máis poderosas, que senten medo por non poder gozar de todos eses luxos que posúen.
            Sen máis, darche a noraboa pola túa obra que espero que dentro de moito tempo sirva para que xente coma min se decate da dozura da lectura, que ata o momento descoñecía.
Un bico agarimoso dunha lectora con pouca experiencia.

Ana Segade

12/06/13

O MEU FOLGAR, RELATO RADIOFÓNICO

O meu folgar é a historia dun detective insatisfeito co seu traballo, que ao verse reflectido nun espello decide cambiar de vida para atopar a felicidade. Esta é un relato de Cristina Gómez Remeseiro e Lorena Vidal, de 4º C de ESO, escribiron e gravaron para Falamelide, a radio do Instituto de Melide, que está a piques de cumplir vinte anos.
Con este programa estreamos en Biblomelide este novo formato de guión radiofónico, a o tempo que felicitamos a Cristina e Lorena polo seu traballo.

20/05/13

SEMANA DAS LETRAS. ROBERTO VIDAL BOLAÑO

"Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas". Con estas palabras autodefiníase Roberto Vidal Bolaño,  autor teatral e actor, a quen se lle dedicou este ano o día das letras galegas.
É unha fortuna para nós, como galegas e galegos, e en concreto coma centro de secundaria, ter dedicatarios das letras galegas, como Vidal Bolaño ou Lois Pereiro, que nos ofrezan unha produción literaria e/ou actividade cultural tan próxima a nós, tan actual e plenamente vixente. Humildemente, queremos animar a Academia Galega a que continúe por esta liña, xa que temos no noso haber escritores, mulleres e homes de letras, moitas veces case descoñecidos para o gran público, que posúen unha obra fascinante.
O mércores 15 de maio, o club de lectura Papalibros fixo unha lectura dramatizada de Animaliños, unha obra satírica que denuncia as relacións sociais por medio dunha farsa que ten como protagonistas a un grupo de veciños dunha urbanización que se ven invadidos por unha praga de caracois. Rematamos o acto vendo uns fragmentos de Sempre Xonxa e A Lingua das bolboretas, onde comprobamos o bo facer do Vidal Bolaño actor.
E para completar máis información sobre o homenaxeado, velaí unha liña do tempo elaborada por Celtia Buján, de B1A, na clase de TICs.
 

16/05/13

Charla con Abraham Carreiro


Hoxe, coincidindo coa semana das Letras Galegas, veu ao noso centro o escritor e debuxante Abraham Carreiro para falarnos do seu libro Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata, que tiveron como libro de lectura obrigatoria os alumnos e alumnas de 1º de ESO.
Empezou presentando os personaxes da obra a medida que os ía debuxando, como podedes ver na foto.

Seguidamente pasounos unha curtametraxe de animación feita por el onde nos explicaba como fixo para buscar os personaxes da súa novela, a partir da idea inicial que tiña el, e como foron evolucionando despois de moitos ensaios e erros. Díxonos que non nos debemos preocupar se non nos sae o que queremos nun primeiro momento, que temos que seguir insistindo.
Unha vez que vimos o vídeo, contestou a todas as preguntas que quixemos facerlle, que foron moitas e moi interesantes.
Finalmente dedicounos os nosos libros e fíxonos un debuxiño dalgún personaxe da obra para cada un de nós.

02/05/13

21/04/13

ENTREGA DE PREMIOS IRMANDADE DO LIBRO


Esta fin de semana tivo lugar en Monforte a entrega de premios Irmandade do Libro. Neste acto foi premiada a obra A noite branca, de Francisco Fernández Naval. É unha historia de guerra e de recuperación da memoria. Podedes atopalo na nosa biblioteca.  O autor comentou que os libros deben servir para cambiarnos a vida.
Tamén foi premiada María Xosé Queizán como autora do ano debido á súa longa traxectoria como defensora do galego dende todos os xéneros. Ela dixo que ler e escribir foron as actividades que máis gusto lle deron na vida.
Houbo premios tamén para a web Galicia encantada, para as guías da natureza Baía verde, para a librería Kómic de Santiago e para o colexio Quintela, de Moaña polas súas actividades relacionadas co fomento da lectura.
Pechou o acto o alcalde de Monforte, quen manifestou que a lectura combate a indiferenza e remove as conciencias.
Felicitamos a todos os gañadores e gañadoras e esperamos que todos sigamos potenciando a lectura en xeral e a lectura en galego, en particular.

18/04/13

ENTREGA DE PREMIOS XOGO DE PISTAS 2º CICLO E BACHARELATO

Hoxe tivo lugar a entrega de premios do xogo de pistas que tiña como tema as viaxes. Despois de xogar durante catro días, houbo que facer unha xornada de desempate que estivo moi reñida para ver quen conseguía o segundo premio.
O primeiro premio conseguiuno Vanessa Tarrío, de 2º de Bacharelato que participou en solitario.
O segundo premio levouno o grupo "Jarruleiras" composto por Jessica, Fátima e Elena de 2º de Bacharelato, en reñida competencia coas "Tesmoforiantes", formado por Eva e Celtia, de 1º de Bac, que levaron un premio de consolación por rematar o xogo dous minutos máis tarde que as súas compañeiras.
Parabéns ás gañadoras e a todo o alumnado que participou nesta divertida actividade na que se aprende xogando.

17/04/13

A ASASINA EN GALEGO




Hoxe tivo lugar, na libraría Couceiro de Santiago, a presentación, por primeira vez en galego, da obra A asasina, do famoso escritor grego Alexandros Papadiamandis, morto en 1911. Nela reflíctense as durísimas condicións de vida das mulleres gregas daquela época, e que levan a unha delas a tomar decisións moi drásticas.
Esta obra foi traducida ao galego e presentada por dúas profesoras de grego, unha delas  do noso IES, Susana Losada, e a outra  do instituto de Ames, Margarita Olivar.



No mesmo acto presentouse tamén a tradución dunha obra en catalán: As valgadas bravas, de Raimon Casellas, realizada por Eduard del Castillo.


Os nosos parabéns á pequena editorial Hugin e Munin por potenciar a publicación en galego de obras de calidade como estas, e, por suposto, ás tradutoras e tradutor por permitirnos a lectura destas novelas tan fermosas e tan profundamente humanas.
Xa as temos na biblioteca do IES para que poidamos gozar coa súa lectura.

22/03/13

RAPEANDO NA BIBLIOTECA

Para celebrar o fin de avaliación e descansar un pouco dos exames, na última semana antes das vacacións de semana santa tivemos un invitado moi especial, Serxio García, cantante do grupo de hip hop Dios Ke Te Crew. García falounos un pouco da historia do hip hop e das súas raíces na cultura popular en dúas sesións, pola mañá ás alumnas e alumnos de música de 3º de ESO e a mediodía aos Papalibros. Despois deunos uns cantos consellos e ideas e puxémonos a rapear. Un equipo de reporteiras e superfans de García fíxolle tamén unha entrevista para Falamelide, a radio do instituto. Velaí un pequeno resumo desta xornada.

14/03/13

OS XUDEUS SUPERVIVENTES AO HOLOCAUSTO

Nesta segunda semana de marzo tiveron lugar na biblioteca do IES de Melide as charlas tituladas “Xudeus superviventes ao holocausto”, impartidas por Ashley Lauber, a nosa lectora de inglés, de nacionalidade estadounidense, descedente de xudeus polacos que emigraron aos EEUU despois da segunda guerra mundial. A casualiade levounos a descubrir que os seus catro avós eran superviventes de Auschwitzc-Birkenau, un dos máis tristemente famosos campos de exterminio nazis. Ashley tivo a xenerosidade de compartir con nós unha parte importante do pasado da súa familia e do seu propio pasado, de amosarnos as feridas aínda abertas nas persoas próximas ao seu entorno. Esta actividade xurdiu a raíz dunha das nosas lecturas de Papalibros, Maus, xa convertida nun clásico da novela gráfica. Ashley compartiu con nós esa lectura. Entre todos fumos descubrindo como a traxectoria do protagonista, Vladeck Spiegelman, pai do autor, foi moi parecida á dos avós de Ashley: familias xudías polacas de clase media que foron obrigadas a vivir en guetos e máis tarde levadas aos campos da morte. Ao final da guerra, coa liberación dos campos, os poucos que lograron sobrevivir non conseguiron vivir de novo naqueles países que antes forn os seus e que en certa medida permitiron ou se beneficiaron das expropiacións dos xudeus e do propio holocausto. A lectura de Maus encaixa perfectamente no tema monográfico de traballo da biblioteca para este curso: "A viaxe e a migración, entre o descubrimento e a necesidade". As viaxes dos xudeus aos campos da morte foron auténticas viaxes aos infernos, a catábase da antiga Grecia, un contacto directo co máis absoluto dos horrores, do sufriemento e da morte que transformou profundamente, cando non destruíu, a vida de millóns de persoas. Os superviventes logo tiveron que emprender unha segunda viaxe, enteiramente necesaria, para atopar o fogar e o medio de vida que lles fora negado. Ashley non puido reunir tantos datos precisos e concretos como o Art Spiegelman, o autor de Maus, pero o seu relato tivo a forza do directo e da narración en primeira persoa. Tal como confesou, se non fose polas preguntas dos Papalibros non tería falado de todo isto coa súa nai e seguiría sen coñecer unha parte da súa propia historia. Pero coñecedora deste pasado e sen perder a memoria, Ashley decidiu dar un paso adiante e non vivir como vítima. Con este pequeno artigo queremos animara aos Papalibros a recuperar a memoria da súa familia e agradecer de novo a Ashley o tela compartido con nós.

07/03/13

XUNTANZA CON CARE SANTOS



  O mércores 6 de marzo do 2013, unha escritora catalá chamada Care Santos visitou o noso centro de estudos, IES de Melide. Ela veu para falarnos dalgunha das súas obras, xa que escribe diferentes tipos de xéneros como novelas, contos, poesía...
A reunión foi na nosa sala de actos. Nela falou das súas obras máis coñecidas:
Esta noche no hay luna llena, Bel, Amor más allá de la muerte, Se vende papá, Se vende mamá, que levou o Premio Barco de Vapor, Los ojos del lobo ou El anillo de Irina, que foi o libro que tivemos que ler nesta avaliación, e  no que se conta a historia dun pai e un fillo namorados da mesma rapaza.
Ao comezo da súa intervención contounos en que se baseou para escribir os seus libros; logo fixemos preguntas como Alba de 2º D que lle  formulou unha cuestión sobre un dos libros que está a ler, O circuito de Montecarlo, polémico segundo algún polasúa temática, na que aborda o embarazo adolescente.



Tamén explicou para o alumnado de 3º da ESO cales foran as súas fontes de inspiración para a investigación da licantropía, que é o tema no que se fundamenta a novela de Esta noche no hay luna llena.
Pasamos un bo anaco coa súa compaña. Respostou a todas as nosas dúbidas dun xeito amable e prometeu volver.


MULLERES VIAXEIRAS

O 8 de marzo conmemoramos o día da muller. Este ano, seguindo co tema das viaxes, ímoslle dedicar este día ás mulleres viaxeiras, a todas aquelas que superando todo tipo de limitacións impostas pola sociedade conseguiron levar a cabo os seus propósitos e vivir a aventura de viaxar e explorar o mundo.

25/02/13

Día de Rosalía


O 24 de febreiro conmemórase o día de Rosalía, coincidindo coa súa data de nacemento. Este ano, ademais, festexamos os 150 da publicación de Cantares Gallegos, obra que dá inicio ao Rexurdimento. 


O alumnado de 1º de ESO conmemorou esta data recitando poemas desta autora e dúas alumnas de 2ª de Bacharelato interpretaron a peza Negra Sombra.

Esta foi a nosa pequena homenaxe a Rosalía. Aprendemos poemas e pasámolo ben.


08/02/13

DÍA DOS NAMORADOS


O 2 de febreiro,día da Candeloria ou Candelaria  conmemórase o día dos namorados, xa que esta data representaba o preludio da chegada da primavera e con ela o renacer da natureza. Dicíase tamén que era a época do casamento dos paxaros.
Outros opinan que o día dos namorados é o 14 de febreiro, coincidindo coa data na que San Valentiño sería executado por casar parellas en segredo despois de que o matrimonio fose prohibido polo emperador. Hai unha lenda que di que é o patrón dos namorados porque a súa festa coincide co momento do ano en que os paxaron comezan a facer os niños.
Sexa un ou outra o patrón ou patroa dos namorados, imos recordar estas datas presentándovos un libro de cartas de amor de Fran Alonso. Nove mulleres escriben cartas.Mónica, por exemplo, confésalle a súa homosexualidade á mellor amiga a través dun correo electrónico, porque non quere soportar unha situación que parece obrigala a vivir unha dobre vida (“Confesión”).
Convén que recordemos que hai moitos tipos de amor e que todos e todas temos dereito a vivilo de distintas maneiras.
Lémbrovos que está convocado un concurso de cartas de amor en galego, así que... ANIMO! e poñédevos a escribir.
Tamén vos animo a que introduzades comentarios a esta entrada poñendo citas e títulos de obras que vos gustaron e que tratan esta temática.

07/02/13

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

Ufff. Por fin acabamos de dar a volta ao mundo. A locomotora botouse a andar no Instituto e conseguimos gañar a aposta. Fomos capaces de ler en 1º de ESO un libro de máis de 300 páxinas, e ademais GUSTOUNOS! Viaxamos con Mr. Fogg, Passepartout e Auda a través do mundo. Coñecemos países. Viaxamos no lombo dun elefante e nunha zorra  sobre a neve. Tamén nos sorprendeu unha tradición da India que non nos gustou nada. En fin, recomendámosvos que leades esta obra se vos gusta a aventura e que o pasedes moi ben con ela.
Por certo, non vos imos dicir se os protagonistas gañaron a aposta ou non. Xa o descubriredes vós.



01/02/13

TRABALLANDO NA DIVERSIDADE

O equipo de traballo da biblioteca foi convidado a participar nas II Xornadas de Formación e Sensibilización sobre Atención á Diversidade, que organiza o IES de Melide o 29, 31 e 1 de Febreiro. Publicamos aquí unha presentación na que dalgún xeito tentamos dar conta do noso traballo nos últimos anos, en colaboración con EDNL e outros equipos do noso centro.

30/01/13

DÍA DA PAZ

Hoxe conmemoramos no noso centro o Día da Paz.Construímos unha barricada de libros contra a guerra. Dous alumnos do centro leron tamén textos de Gandhi sobre a non violencia, e xuntos recordamos que hai moitos nenos e nenas no mundo que nunca viviron nun país en paz e que non coñecen o significado desta palabra.

18/01/13

ÀNGELO TORRES, HISTORIAS EN PORTUGUÉS

Ângelo Torres, contador de historias natural de Sâo Tomé e Príncipe, inaugurou o ano 2013 como primeiro convidado da biblioteca do IES de Melide. Ângelo xa estivera noutra ocasión no noso instituto, pero a meirande parte do público era a primeira vez que o escoitabamos.
O noso convidado fixo dúas sesións, unha para 1º de BAC no salón de actos, presentado por Adrián Oro, e outra co club de lectura Papalibros, na que ademais de historias compartiu tamén mesa.
Gostamos das súa historias, especialmente a da Tía Miseria e a Morte, que aprendeu da súa avoa, que premiaba aos nenos que se bañaban cun conto.
De paso tamén comprobamos que a diferencia idiomática era mínima e podíamos entedelo perfectamente, xa que o galego nos abre portas para comunicarnos con millóns de falantes doutros continentes.

09/01/13

A VOLTA AO MUNDO EN 80 DÍAS

Velaí este mapa que foi elaborado polos alumnos de TICs de 1º de BAC en colaboración cos alumnos de 1º de ESO, que teñen A volta ao mundo en 80 días de Xulio Verne como lectura en lingua galega. Sobra dicir o útil que vai ser este traballo para que os de 1º de ESO preparen e comprendan mellor o libro. Se cadra é útil tamén para moitos outros que se animen a participar no xogo de pistas deste ano, que, como non, vai tratar sobre viaxes. Parabéns a todos os alumnos participantes (e aos profes que os coordinaron, Xan G. Carballo e Gloria Rguez Íñiguez!).
Ver A volta ao mundo en 80 días nun mapa máis grande