24/04/12

Día do libro no IES de Melide

 Onte, día 23 de abril conmemoramos o Día Internacional do Libro. No noso centro realizáronse distintas actividades. Ademais de sacar libros da biblioteca para o corredor, preparamos unha exposición de libros de texto de distintas materias que utilizaron os nosos avós e pais e cubrimos uns cuestionarios.
 Tamén puidemos ver os libros que lían para divertirse. Esta exposición estará toda a semana no corredor.
 Xa no recreo, un grupo de alumnos e alumnas conmemorou este día coa lectura de sonetos de Shakespeare en inglés e galego. Non esquezamos que nesta data recórdase o pasamento deste célebre escritor, ademais do de Cervantes.
 Finalmente, tamén se levou a cabo a representación teatral da obra Moito ruído e poucas noces, en inglés. Gustounos moito.
Ao longo destes días, tamén puidemos comentar por escrito cales eran os nosos libros favoritos, nunha libreta que estaba no corredor.
En fin, unha semana chea de actividades que nos demostran que eses "aparatiños" chamados libros, que xa utilizaban os nosos antergos, seguen tendo vixencia na actualidade.

17/04/12

ROTEIRO LITERARIO

 Hoxe un grupo de alumnos e alumnas de 1º e 2º de BAC do noso centro participou nun roteiro literario polos escenarios da novela de Domingo Villar A praia dos afogados. Iniciamos o percorrido na praia da Madorra da man da actriz Ana carreira, que nos fixo recordar e escenificar partes da novela. Seguidamente visitamos o templo votivo do arquitecto Antonio Palacios.
 Seguidamente subimos a Monteferro, dirixidos polo historiador Xosé Lois Vilar para ver o faro e outros escenarios da novela. Empezamos a andar polo monte, pero empezou a chover, e non puidemos ver todo o que estaba previsto.
 Xa pola tarde, fomos visitar a Verbum ou casa das palabras, en Vigo. Despois de tratar de descifrar un xeroglífico e de ver a exposición permanente, realizamos un obradoiro sobre o funcionamento da imprenta. Colocamos as letras para formar un texto e imprimímolo.

 Aquí podedes vernos tratando de imprimir un texto. Os resultados non foron óptimos, pero pasámolo ben.

Finalmente demos un paseo pola praia de Samil e... de volta á casa.
O día non estivo moi bo, pero pasámolo ben e aprendemos cousas novas.

15/04/12

Crónica dunha crise anunciada

Hai pouco uns cantos rapaces e rapazas deste instituto disfrutábamos no cine coa versión cinematográfica de Arrugas, pola que Paco roca recibiu dous premios Goya. Hoxe Paco Roca danos unha mostra máis da súa xenialidade con este resumo da crise económica en formato cómic, publicada no País Semanal. Está claro que entre outras moitas, a banda deseñada pode ter unha función didáctica importante, en palabras do propio Paco Roca: "Si hubieran explicado las hipotecas en formato cómic, se habrían firmado la mitad".
Crónica de una crisis anunciada, por Paco Roca