Amosando publicacións coa etiqueta Cine. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cine. Amosar todas as publicacións

07/03/14

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER



Dentro do noso "Ano de película", queremos rendir un homenaxe a todas aquelas mulleres relacionadas co cine, moitas delas xa esquecidas.

02/03/14

PRIMEIRO FESTIVAL DE MELIWOOD

Neste entroido tivo lugar no IES de Melide a primeira edición do Festival de Meliwood, comoo unha actividade máis do noso tema de traballo Un ano de Película. É de destacar a calidade das "películas" participantes, algúns clásicos coma: MARY POPPINS, PIRATAS DO CARIBE, MAGO DE OZ, GREASE, TITANIC, OS XOGOS DA FAME, FLASHDANCE, ZORBA, O GREGO... e outras de nova creación coma: OS EMBUSTEIROS 2.0, ANIMALS, contando co dúo PIMPINELA-Z que amenizaron a gala. Seguindo a tradición destes anos, o festival rematou cun "Salon de película", unha "estrea" do xénero western protagonizada polos profes, todo un clásico. O noso premio, O Polbo de Ouro", foi un deseño de Antonio Núñez, o profe de plástica, realizado por Anabel, de francés, a nosa artista oficial e, como non, polo imprescindible ciclo de madeira.

20/02/14

MOBLES DE CINE

Esta é a fantástica aportación que fai o ciclo de madeira para o noso Ano de Película. Só fai falta inciativa e vontade para descubrir as case infinitas posibilidades que ten o traballo interdisciplinar, e afortunadamente isto non falta entre o profesorado do ciclo de madeira. Podes ver este interesantísimo traballo nos corredor da planta baixa do instituto ou lelo comodamente en soporte dixital. Este traballo ensínanos a ver con outros ollos películas que xa vimos ou a fixarnos en detalles nos que non se nos ocurrira reparar. Parabéns aos autores.

30/01/14

30 de Xaneiro: unha película pola paz

Así amencía decorado o noso centro este xoves 30 de Xaneiro, día internacional da paz, despois dun mércores de intenso traballo coordinado por vicedirección e no que participou, entre outros, o equipo de biblioteca. Como este é Un ano de Película, desta cámara de cine na porta da nosa biblioteca sae unha película de frases da paz en varios idiomas, asinadas por grandes homes e mulleres, moitos deles escritores, que copiaron pacientemente as nosas Papalibros de 2º de ESO. Escollemos unha delas, máis ben un texto, que aínda que foi escrito hai máis de 60 anos polo dramaturgo e poeta alemán Bertold Brecht, goza de rabiosa actualidade:
Hai moitas maneiras de matar. Poden meterte un coitelo no ventre. Quitarche o pan. Non curarte dunha enfermidade. Meterte nunha mala vivenda. Empurrarte até o suicidio. Torturarte até a morte por medio do traballo. Levarte á guerra, etc... Só poucas destas cousas están prohibidas no noso Estado.
Xa dentro da biblioteca fixemos unha exposición con libros e películas nos que a denuncia da violencia e a busca da paz son o tema principal. Podedes ver unha breve reseña das principais novidades no noso blog de club de lectura Papalibros. A primeiras horas da mañá o alumnado de 4º de ESO, fixo unha improvisación teatral titulada GUSTARÍAME ESPERTAR TODOS OS DÍAS E PENSAR QUE...

Deixámosvos cun vídeo realizado polo alumnado de 3º PDC:

16/01/14

Inaugurando o 2014

Aínda que esteamos a mediados de mes, non é tarde para desexar un feliz ano e aproveitar a ocasión para presentar o calendario "oficial" do IES de Melide para o 2014.
Trátase dunhas das actividades encadradas dentro do noso tema monográfico de traballo Un ano de película, no que participaron case todos os departamentos didácticos coordinados pola biblioteca e o EDNL. Pretendíamos facer un calendario de cine, onde as ilustracións fosen carteis de películas protagonizadas polas alumnas e alumnos do IES de Melide. Cada departamento ou titoría escolleu a película que mellor se adaptaba aos seus contidos: así os de cultura clásica escolleron a película Ágora, o ciclo de madeira Men in Black, co seu especial mobiliario de oficina, o de música Os nenos do coro, Sociais Braveheart e Casablanca, Lingua A Lingua das Bolboretas... outras inspiráronse en libros ou películas vistas na aula como Rebeldes, Harry Potter, Gandhi, A Onda, Evasión ou Vitoria, A lista de Schindler... O calendario é gratis para todos/as as participantes e os demais poderedes mercalo por un prezo non superior a 3 €.

10/12/13

UNHA VODA DE CINE

Aínda que con algo de retraso, velaí a nosa carteleira de cine, como non podía faltar neste noso ano de película.
A Noiva Cadáver, filme de animación de Tim Burton, foi un dos títulos que vimos na biblioteca como parte das actividades de samaín. No cartel vemos ao pobre Víctor, que vai ao mundo dos mortos de repente e casa, por error, cunha noiva cadáver.
Dende o día que chegou o cartel, temos voda a diario na entrada de biblioteca. Ven facer ti tamén a túa foto, pero non esquezas á túa parella. Vivan os noivos!!

09/10/13

UN ANO DE PELÍCULA


Este é o lema escollido para o traballo que dende a biblioteca imos desenvolver neste curso recén estrenado. Aínda que o cine foi sempre unha ferramenta fundamental no noso traballo, este ano queremos rendir unha homenaxe á setima arte, este invento que dende a súa aparición a finais dos s. XIX revolucionou a nosa sociedade. Talvez os irmáns Lumière non imaxinaron até que punto o seu invento ía influír na vida dos homes. Ese produto da tecnoloxía acabaría converténdose nunha arte, que sería quen de facer soñar a tantas xeracións de mulleres e homes.
Peo ademais do entrenemento e diversión, o cine converteuse rápidamente nun medio eficaz de información, testemuña da historia e ferramenta básica de coñecemento. Cantas veces aprendemos máis nos cen minutos que dura unha película que en tantas e tantas clases de historia, matemáticas ou lingua? Moitas das nosas emocións están ligadas ao cine. A ficción provoca sentimentos reais que asimilamos moitas veces como vividos en primeira persoa. Cantas bágoas e gargalladas temos vertido diante da pantalla!. Cantos momentos felices temos atrapado e encerrado nunha película...
O cine é unha ferramenta consolidada no ensino que usamos en todas as materias, por iso é un tema moi axeitado para traballar en equipo dende a biblioteca e en todas as aulas. Non só imos ver cine, imos tentar tamén facelo, a traves de distintos obradoiros, algúns xa existentes como a nosa emisora Falamelide, e outros que crearemos este curso, con axudas coma a do Plan Proxecta. Por todo isto e moito máis queremos que este sexa Un ano de película.