Amosando publicacións coa etiqueta Madeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Madeira. Amosar todas as publicacións

07/03/23

OCA REVOLUCIONARIA




 Presentámosvos un novo pasatempo, a "Oca Revolucionaria", un xogo da oca moi especial. No canto de ocas, temos galos franceses; no canto da morte, o Terror de Robespierre; non cantamos de "dado a dado…", senón "de Waterloo a Waterloo, vaite a Moscú"... 






  O xogo é unha creación orixinal dos mozos da FP Básica, que fusiona a Historia da Revolución Francesa, as artes gráficas e a carpintería.







  Anímaste a xogar??

  Xa dispoñible na Biblioteca do IES de Melide, grazas a donación feita polo  profesor e alumnado de FP Básica.

08/04/17

OS MOBLES DE HAI 60 ANOS

O departamento de madeira segue a sorprendernos coa súa vea creativa. Nesta ocasión, e inspirados de novo pola conmemoración do 50º aniversario do IES de Melide, fan un repaso pola década dos 60 do s. XX, época na que comezou a súa andaina o IES de Melide. Parabéns por este traballo que fará as delicias dos máis vetranos da nosa comunidade escolar, que poden/podemos ver escenas, mobles e obxectos cotiáns da infancia ou xuventude. En que fogar non había unha vaixela duralex, as famosas latas de colacao, que volven estar de moda, ou un clásico sofá de skay marrón?

07/03/17

A MULLER NA PUBLICIDADE DOS ANOS 60

Para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o Departamento de Madeira realizou esta magnífica escolla de imaxes publicitarias dos anos 60 nas que aparece a muller no contexto do fogar, co mobiliario como telón de fondo. En todas elas podemos ver a muller nos roles estereotipados de perfecta ama de casa, complaciente esposa e abnegada nai e sempre traballadora incansable. Nalgunhas delas a imaxe feminina, literalmente axeonllada ao lado do home, non necesita máis palabras. Non está demais recordar que a maioría destes anuncios semellan proceder de EEUU ou do mundo anglosaxón, culturas nas que se presupón que a muller estaba moito máis emancipada que na España da ditadura franquista. Sen embargo estas imaxes non difiren moito daquelas que conservamos da Sección Feminina española. Este sinxelo pero estupendo traballo que revisa a imaxe da muller hai 50 anos, enlaza tamén co noso tema de traballo monográfico para este curso sobre os 50 anos que o IES de Melide cumpre agora.

SEGUIMOS A TRABALLAR COS TRANSPLANTES

Como ben sabedes, no IES e Melide temos un grupo de traballo, dentro do Plan Proxecta, sobre transplantes de órganos que está formado por membros do Departamento de Madeira.
Todos recordamos aquela estupenda curta que no ano 2013 recibira o 1º premio dentro do III Concurso de Curtometraxes para Escolares relacionadas coa doazón e os trasplantes.
Agora o grupo segue a traballar ofrecéndonos esta interesante selección de películas que teñen como tema central o transplante e a doazón.

12/01/15

VIAXANDO COS SOFÁS CHESTER

O alumnado do ciclo de madeira, da man do profesor Fernándo López Martínez, ven de inaugurar unha exposición monográfica nos corredores do instituto centrada no sofá Chester, ese moble emblemático do estilo decorativo inglés.
No cabe dúbida, que o ciclo de madeira ten un protagonismo moi especial neste ano no que o noso proxecto de centro e biblioteca, Homo habilis, se centra na habilidade manual. Parabéns por esta aportación tan valiosa.

20/02/14

MOBLES DE CINE

Esta é a fantástica aportación que fai o ciclo de madeira para o noso Ano de Película. Só fai falta inciativa e vontade para descubrir as case infinitas posibilidades que ten o traballo interdisciplinar, e afortunadamente isto non falta entre o profesorado do ciclo de madeira. Podes ver este interesantísimo traballo nos corredor da planta baixa do instituto ou lelo comodamente en soporte dixital. Este traballo ensínanos a ver con outros ollos películas que xa vimos ou a fixarnos en detalles nos que non se nos ocurrira reparar. Parabéns aos autores.

21/06/13

UNHA VIAXE NO ORIENT EXPRESS

O alumnado de 1º do Ciclo de Madeira do IES de Melide, coordinado por Fernando López, ven de inaugurar unha exposición relacionada, unha vez máis, co noso  tema de traballo interdiscplinar A viaxe e a migración, entre a búsqueda e a necesidade.
Desta vez trátase dunha viaxe de pracer destinada a unha élite, xa que as viaxes no Oriente Espress foron sempre o paradigma do luxo. Pero lendo o traballo elaborado polo ciclo dámonos conta de que este mítico tren, ademais dun paraíso para os amantes do luxo, inspirou obras literarias, como o famoso Asasinato no Orient Espress de A. Christie, e foi escenario de importantes episodios históricos como o armisticio de 1918 firmado por Alemania e Francia tras a primeira guerra mundial e o de 1940 na segunda guerra mundial, polos mesmos países pero en condicións moi diferentes.