24/11/19

25N: EDUCACIÓN CONTRA A VIOLENCIA

Dende a Biblioteca promovemos a IGUALDADE, o RESPETO e o REXEITAMENTO ABSOLUTO de violencia de calquera tipo. 

Por este motivo, e co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, compartimos este mural con toda a comunidade educativa, donde tratamos os temas de sexismo, roles de desigualdade e violencia contra as mulleres dende diferentes perspectivas. 

Xa que é un documento colaborativo, sentídevos libres de engadir calquera recurso do que teñades coñecemento e queirades que figure para, deste xeito, axudar a concienciar e erradicar esta lacra. Porque somos e querémonos LIBRES!!


Made with Padlet


02/10/19

"FORO DE CIDADANÍA"

"Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía" é o lema proposto para as Bibliotecas Escolares Galegas para o presente curso 2019/2020.

Con este lema ponse o foco na necesidade de crear un ambiente idóneo para que o alumnado desenvolva a estima por si mesmos e polos recursos á súa disposición, aprenda a convivir cos demais, adquira valores democráticos, o respeto polos dereitos humanos e a cultura da paz, imprescindibles para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora.

26/09/19

DÍA EUROPEO DAS LINGUAS

Hoxe, 26 de setembroconmemoramos o DÍA EUROPEO DAS LINGUAS, no que se promove a aprendizaxe de linguas, o plurilingüismo, e se da visibilidade ás linguas minorizadas europeas.

Entrade nesta páxina bit.ly/2OOQe1R e disfrutade aprendendo 😊


24/09/19

PLAMBE

Hoxe publicouse no DOG a resolución do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, no que a nosa Biblioteca seguirá a formar parte un ano máis 🙆 😄

Un orgullo e unha responsabilidade para nós, polo que cómpre recoñecemento público a Sonia Iglesias, coordinadora ata o curso pasado, e a todo o equipo, pola súa labor, esforzo e compromiso. Gracias pola gran herdanza que nos deixastes; traballaremos arreo para estar á altura.



21/09/19

NOVIDADES de setembro

Velaquí as novidades do mes de setembro, xa dispoñibles en préstamo:

1. EL INSTITUTO, de Stephen King bit.ly/2lYbb0R 2. LOS TESTAMENTOS, de Margaret Atwood bit.ly/2ktbJvn 3. SEIQUE, de Susana Sánchez Aríns, no clube de lectura de adultos o vindeiro 9 de outubro



13/09/19

A BIBLIO NAS REDES SOCIAIS

Dende este curso queremos estar moi presentes no voso día a día, para que coñezades todas as novidades ó momento.

Antes, cando alguén nos seguía, dábanos medo; agora chámanlle "redes sociais"  😉😎
Empezade a seguirnos!!


11/09/19

BENVID@S Ó NOVO CURSO 19-20

O vindeiro luns 16 comezamos un novo curso cheos de ilusión, enerxía e moitas ideas para que a nosa Biblioteca siga sendo un espazo creativo de aprendizaxe e lugar de encontro de toda a nosa comunidade educativa.

Vides refrescad@s, recargad@s, relaxad@s e dispost@s? Nós SI, desexando comezar!!
Porque...




21/06/19

ENTREGA DE PREMIOS DO I CONCURSO DE VIDEOPOEMAS DO IES DE MELIDE

O luns 10 de xuño entregamos o premio do I Concurso de Videopoemas do IES de Melide na categoría 3º e 4º de ESO e Bacharelato na que participaron 17 producións de alumnado de 4º ESO e 1º de bacharelato, con poemas propios e alleos. Agradecemos enormemente a participación de todo este alumnado e esperamos poder deleitarnos o ano que vén de novo cos seus videopoemas e cos doutros/as alumnos/as, principalmente do primeiro ciclo da ESO, categoría na que non se presentou ninguén.
Lembramos que había un único premio por categoría e este recaeu, despois dunha intensa deliberación entre os membros do xurado, en  Canto ao idioma galego, recreación do poema de Manuel María de Lucía Vilela (1º BAC):



Os dous videopoemas finalistas foron:




17/06/19

14 DE XUÑO: DÍA NACIONAL DAS LINGUAS DE SIGNOS ESPAÑOLAS

Un grupo formado por alumnado e profesorado do IES de Melide participa na gravación do vídeo que se pode ver a continuación como maneira de contribuír á visibilización da comunidade xorda e das súas linguas. Gracias a todos/as participantes e en especial a Lola Corzo, a interprete de lingua de signos  do centro,  por axudarnos a levar a cabo esta iniciativa.

O IES DE MELIDE APOIA A LINGUA DE SIGNOS!!

10/06/19

COMEZA A CONTA ATRÁS!

Estas son as últimas propostas da Biblioteca Xaquín Yebra para o presente curso:


30/05/19

MUDAMOS FRONTEIRAS POR PONTES CARA Á QUÍMICA


O proxecto,"Sintetizando....as moléculas",  realizado por alumnado de 2º de ESO pretende que  este  comprenda a diferencia entre átomo e molécula. Para iso, empregáronse boliñas de porexpán pintadas utilizando un código de cores de modo que cada cor represente un tipo de átomo; e as boliñas (átomos) unironse entre sí (enlaces) con cilindros de madeira (“brochetas” para cociña). Por outra banda, o proxecto persegue traballar a competencia dixital do alumnado xa  que ó longo do mesmo requeriuse que o alumnado traballese con diversas ferramentas TIC.

Para levar a cabo o proxecto seguíronse as seguintes etapas:
-       Utilizanción dun applet para a visión 3D de moléculas, de modo que cada alumn@ ou grupo escolleu unha molécula das que a profesora propuxo.
-       Búsqueda de información sobre a molécula escollida e síntese da mesma nun documento de drive que cada alumn@ ou grupo compartiu coa profesora para a súa corrección.
-       Mercar o nº de boliñas de porexpán necesarias e pintar co código proposto para tódolos traballos.
-       “Montar” as moléculas apoiándose no visualizador 3D antes mencionado.
-       Elaboración dunha videopresentación ou vídeo onde se expoña a información recollida sobre a molécula en cuestión.
-       Crear un código QR que enlaza ó vídeo anterior.
-       Exposición dos traballos realizados.




20/05/19

RECOMENDÁMOSCHE: O MARCO NUMÉRICO E O FOUCELLAS EN VILA DE CRUCES



O IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) acaba de agasallarnos co segundo volume do Marco Numérico (ao igual que o curso pasado co primeiro) e o libro O Foucellas en Vila de Cruces. 

O Marco Numérico, "publicación de periocidade anual e xurdida no curso 2017-18 a iniciativa do Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón,  recolle traballos de investigación realizados por alumnado de secundaria e bacharelato de centros de ensino galegos que teñan as matemáticas como eixo central. Os traballos, suxeitos aos estándares de rigor e forma propios do ámbito académico, deben ser orixinais en canto á metodoloxía empregadas, coidar a formulación e contraste de hipótesis e a elaboración de conclusións propias. A temática dos artigos é libre, podendo abordar asuntos de interese social e ecolóxico como outros específicamente asociados ao eido da investigación matemática ou numérica. O presente número consta de dúas seccións, Dentro do Marco e Fóra do Marco. Na primeira sección, Dentro do Marco, inclúense os artigos realizados polo propio alumnado do IES Marco do Camballón”.

O Foucellas en Vila de Cruces, libro recén publicado polo Clube da Lingua do IES Marco do Camballón, recolle historias da tradición oral que xiran arredor dunha das figura máis famosas da contorna: Benigno López Andrade; «Foucellas», guerrilleiro antifascista que loitou contra a ditadura franquista. Reúne vinteséis historias que foron recollidas tanto por alumnos como ex alumnos do Marco do Camballón. A publicación compila un amplo arquivo sobre a presenza da guerrilla antifranquista nas terras de Carbia e no Deza e achega ademais ao lector tres textos de Manuel Igrexas, Carlos G. Reigosa e Ramiro Vidal Alvarinho que contextualizan as historias recollidas polos alumnos do centro educativo.

PARABÉNS AO PROFESORADO E ALUMNADO DO IES MARCO DE CAMBALLÓN POR ESTES ESPECTACULARES TRABALLOS E MOITAS GRAZAS POR COMPARTILO CON NÓS MEDIANTE O AGASALLO DUN EXEMPLAR DE CADA UN Á BIBLIOTECA XAQUIN YEBRA. DESDE A BIBLIOTECA DO IES DE MELIDE RECOMENDÁMOSVOS A LECTURA DE AMBOS.

11/05/19

MUDAMOS FRONTEIRAS POR PONTES CARA Á MATEMÁTICAS: AS CÚPULAS DE LEONARDO

Grazas ás xestións do profesor de matemáticas Miguel  Casal coa Fundación Escola Rosalía, podemos disfrutar estes días no instituto da actividade de tipo colaborativo de carácter lúdico matemático a construción das cúpulas de Leonardo.

Que son as cúpulas de Leonardo?

Escondidos nun recuncho dos escritos de Leonardo da Vinci (Arquivo da biblioteca Leonardiana http://www.leonardodigitale.com toque “Browse” seleccione “Codex Atlanticus” e vaia ata as páxinas 889 e 890), hai estes debuxos. Non se sabe se, en tempos de Leonardo, se construíron realmente estas estruturas, pero hoxe, 500 anos despois, estes esquemas aínda nos abren as portas a descubrir e levantar de verdade estas interesantes cúpulas.
Nas once estruturas, o único elemento constructivo é unha peza con 4 muescas. Non se necesita ningún tipo de elemento de unión xa que o propio peso da peza é suficiente para manter a estabilidade da cúpula.
Estes 11 debuxos son todos de estruturas poligonais planas periódicas por traslación, que se poderían continuar indefinidamente. Ao deformar esta rede e bombeala, os polígonos deixan de ser figuras planas. É só grazas á amplitud das muescas, que a cúpula se levanta, aínda que chega un momento no que, ao esgotarse as tolerancias, as pezas xa non encaixan.
Cales son os obxectivos da actividade?
  1. Coñecer as 11 posibles estruturas de cúpulas que ideou Leonardo  da Vinci.
  2.  Descubrir as ideas de Leonardo da Vinci para conseguir pasar dunha estrutura plana a unha curva
  3. Potenciar a creatividade e a habilidade para a construción das distintas estruturas.
  4. Facer ver a importancia do traballo en equipo entre o alumnado
  5. Mostrar unha aplicación das matemáticas á vida real.

I CONCURSO DE PODCASTS

"Radio na biblio", en colaboración con Radio Galega ,convocou o 2 de abril o I Concurso de Podcasts para centros de ensino non universitario. Cada centro podía enviar un máximo de 3 podcasts, cunha duración entre 3 e 5 minutos, sobre o patrimonio de Galicia, material ou inmaterial, buscando un vínculo coa contorna. Os programas gañadores serán retransmitidos o 17 de maio na Radio Galega.

O IES de Melide participa na categoría de ESO con dous podcasts:

1.- "Topónimos", adaptación do texto sobre toponimia de Sechu Sende, Topónimos exóticos na Galiza, na súa obra A República das palavras. O podacasts foi adapatado, realizado e presentado por Eric Arias, Denís Ibezim, Adrián López e Sergio Varela de 2º ESO C.

2.- "O patrimonio onde vivimos", programa no que se explican os conceptos básicos do patrimonio dunha comunidade con exemplos da nosa contorna, foi elaborado e gravado por Cristian López, Icía García e Daniel Meiriño de 2º ESO D.

Moitas grazas a este alumnado polo seu taraballo e participación nesta iniciativa. Ogallá poidamos escoitalos o día 17 na Radio Galega. Se isto non puidera ser, sempre nos quedará  Falamelide!!!




DÍA DAS LETRAS GALEGAS: ANTONIO FRAGUAS FRAGUAS

O escritor homenaxeado este ano 2019 é Antonio Fraguas Fraguas e no IES de Melide  podemos achegarnos á súa vida e obra a través de:

1.- A mostra gañadora do Concurso-Exposición Letras Galegas 2019 convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística  co fin de difundir a figura e o legado de Antonio Fraguas Fraguas .O centro gañador foi o  IES Álvaro Cunqueiro  de Vigo.
Os carteis da mostra  están expostos no corredor do 1º andar e a súa  guía didáctica podedes atopala  na sala de profesores ou neste enlace:
http://www.lingua.gal/c/document_library/get_file?folderId=3814934&name=DLFE-19226.pdf

2.- A liña de tempo Antonio Fraguas Fraguas creada pola alumna Paula Regueiro (B2C).
https://www.tiki-toki.com/timeline/entry/1225251/Antn-Fraguas-Fraguas/
Non vola perdades! Está xenial!

Queremos agradecer a Paula Regueiro o seu traballo sobre Antonio Fraguas e o feito de cedernos o enlace ó mesmo para poder publicalo no blog da biblioteca.



CITA A CEGAS CUN LIBRO EN GALEGO

Co motivo da celebración do Día das Letras Galegas a biblioteca Xaquín Yebra proponlle a toda a toda a comunidade educativa do IES de Melide unha 
“CITA A CEGAS CUN LIBRO EN GALEGO”

En que consiste?
Desde o mércores 15 de maio ata esgotar os exemplares,  haberá unha selección de libros agardando por unha cita contigo.
Os libros estarán envoltos para que non podas ver de que exemplar se trata. No envoltorio levarán unha serie de pistas  para que che sexa máis doado decidirte por un ou por outro.
Entre os libros seleccionados haberá diversidade de autores/as, xéneros, temáticas e formatos.
Escolle un, pasa polo mostrador da biblioteca para que cho presten, e lévao para a túa casa, amósalle ese espazo no que te sintes cómodo/a para ler e déixate seducir por el.Trata de ler, polo menos, unha pequena parte. DALLE UNHA OPORTUNIDADE!!!
Cando devolvas o libro á biblioteca, por favor, fainos saber como foi a túa cita co libro!

Moitas grazas ao alumnado que nos axudou a seleccionar  os libros, envolvelos e a pensar e escribir as pistas sobre eles.



06/05/19

PROGRAMA DE ACTIVIDADES POLO MES DAS LETRAS


Adxuntamos, de novo,  as bases do concurso de videopoemas:


05/05/19

MUDAMOS FRONTEIRAS POR PONTES: OBRADOIRO DE LINGUA DE SIGNOS


E había persoas interesadas, algunhas presentes na reunión e outras que non puideron asistir pero mandaron recado.
E formouse un grupo de quince que, xunto con Lola Corzo, a nosa marabillosa intérprete de lingua de  signos e artífice desta iniciativa, acordaron quedar, de aquí a ben entrado xuño, nos recreos dos  martes e venres na aula 209, para iniciarnos  na lingua de signos e  no coñecemento da comunidade xorda.
Lola xa nos adiantou que nalgunha das sesións participaría tamén Juan Carlos, alumno xordo. É todo un luxo poder contar con ámbolos dous!

28/04/19

MUDANDO FRONTEIRAS POR PONTES CARA ÁS MATEMÁTICAS: I CONCURSO DE RESOLUCIÓN DE PROBLEMAS

O luns 29 de abril comeza o I Concurso de  resolución de problemas matemáticos.
Anímate a participar!




19/04/19

RECOMENDA UNHA LECTURA O DÍA DO LIBRO!

Aproximadamente un tercio do alumnado do IES Melide, con representación de case todas as ensinanzas e niveis que se imparten no centro, participou nesta iniciativa da biblioteca. Agradecémosllo a todos e cada un del@s!

Coas súas achegas montamos esta presentación que pode inspirarnos, se non a  tod@s , cremos que a moit@s  de nós,  na elección das nosas próximas lecturas, pois quedou unha mostra na que teñen cabida moitos gustos e intereses. As temáticas son moi variadas, hai literatura xuvenil e non tan xuvenil, hai clásicos, e, se ben é certo que a maioría das propostas son novelas, tamén hai algo de cómic, de manga, de poesía e teatro. Tamén un ensaio e  unha revista.

Animámosvos a botarlle unha ollada! Ademais a maioría dos libros recomendados témolos na biblioteca (e dos que non temos exemplares xa tomamos nota). Por iso invitámosvos, especialmente estes semanas entre o Dia do Libro e o Día das Letras, a pasar e ler!

Moitísmas grazas de novo ós participantes e, tal como se indica ó final da presentación, se queredes facer máis suxestións, enviade as vosas recomendacións a través do blog da biblioteca ou entregádeas persoalmente na biblioteca, e serán engadidas a esta presentación.



25/03/19

OBRADOIRO DE RADIO

O martes 13 de marzo levouse a cabo o obradoiro de radio impartido por Lucía Abarrategui, de Laboratorio de Radio, para o alumnado de 2º de ESO, dentro do programa Radio na Biblio. Durante seis sesións o alumnado achegouse á linguaxe radiofónica abordando todo o proceso que implica a creación dun podcast (guión produción e gravación). Os podcasts produtos finais deste obradoiro serán  colgados en Falamelide.



15/03/19

8 M: EXPOSICIÓN" CEN MULLERES GALEGAS"

Celebramos o 8 de marzo, Día da Muller,  coa montaxe por parte do alumnado de FP Básica I,  da exposición do Consello de Cultura Galega Cen Mulleres Galegas, como homenaxe  a todas as  pioneiras galegas, as mulleres que souberon saltar as barreiras e esixir os mesmos dereitos dos que gozaban os homes, e como unha maneira de dar a coñecer a unhas referentes que a historia tradicional nos tivo agochaadas.


Ó redor desta exposición, organizamos un concurso cuxas bases podes ler a continuación: 

CONCURSO

ROSCO “CEN MULLERES GALEGAS

1.- Quen pode participar?
Todo o alumnado do IES de Melide

2.- Onde está o Rosco?
No entrada principal do centro. Tamén podes descargar as preguntas do blog da biblioteca (http://biblomelide.blogspot.com/)

3.- Como é a dinámica do concurso?
Colle unha papeleta no taboleiro onde está o rosco, ou descárgaa do blog da biblioteca,  e cúbrea coas túas respostas (atoparalas  todas, salvo unha, se les con atención os paneis da exposición “Cen Mulleres Galegas”, organizada  polo alumnado de FP Básica I).
Unha vez cuberta, deposítaa no “buzón” que hai na mesa do profesorado da biblioteca.
Non esquezas poñer o nome e o grupo no que estás.

4.- Cando remata o prazo do concurso?
O venres 26 de abril.

5.- Cantos premios hai e que criterios se teñen en conta para concedelo?
Haberá un único premio para aquela persoa que obteña o maior número de respostas correctas. En caso de que haxa empate, valorase a correcta ortografía e, se aínda así o empate persiste, elexirase unha ó chou.

6.- Cando é a entrega do premio?
Á volta de vacacións de Semana Santa nunha data a determinar.

7.- Cal é o premio?
Algo que seguro che vai gustar

A continuación, os enlaces para descargar as preguntas e as papeletas de resposta:
Preguntas: https://drive.google.com/file/d/1QmaJWgcX-AewcgR64BVeG6g2x-Pzmg7S/view?usp=sharing
Respostas: https://drive.google.com/file/d/1XMONFuLiryx4k90ksVYf-PWQtxhcNPBs/view?usp=sharing


24/02/19

24 de febreiro: DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO



O venres 22 de febreiro, o IES de Melide uniuse á convocatoria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega para conmemorar o Día de Rosalía de Castro coa lectura dun manifesto no que queda patente a vixencia das demandas feitas por Rosalía  ante as inxustizas socias que se vivían no século XIX. Pancartas con algúns dos seus versos poderían estar presentes en moitas das manifestacións de hoxe en día.
Pulsa aquí para ler o  manifesto.
Durante o recreo puidemos escoitar poemas de Rosalía de Castro musicados por diferentes grupos de pop e rock galegos.




MAN-FESt-ACCIÓN polo Día de Rosalía de Castro by Slidely Slideshow

22/02/19

22 de febreiro: ENCONTRO LITETARIO CON LEDICIA COSTAS


Desde o departamento de Lingua e Literatura Galega e a biblioteca Xaquín Yebra, xestionamos a solicitude do programa Encuentros Literarios  2019 da Subdirección General de Promoción del Libro, la Lectura y la Letras Españolas. Estre programa consite nunha charla coa autora  elexida sobre unha das súas obras, seguida dun coloquio co alumnado.
A nosa solicitude foi atendida e hoxe  venres 22 deste mes contamos coa presencia de Ledicia Costa no noso instituto para intercambiar impresións sobre o seu libro "O corazón de Xúpiter" co alumando de 2º de ESO. 




Encuentro literario do alumnado de 2º ESO con Ledicia Costas by Slidely Slideshow

21/02/19

21 DE FEBREIRO: DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2000 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.
A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.
E nós, no IES de Melide celebrámolo así:



Sonia Iglesias Castro de Slidely by Slidely Slideshow

I CONCURSO DE VIDEOPOEMAS


11/02/19

11 de febreiro: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA


No traballo de fin de máster  en Formación de Profesorado de Educación Secundaria pola Universidade de Cantabria  durante o curso académico 2016-2017 de Inmaculada Gutiérrez Pereda ,Mujeres inventoras , mujeres ingenieras. Female inventors, female engineers, queda patente a escasa ou nula presencia das mulleres inventoras do pasado e do presente nos libros de texto de tecnoloxía. Na Comunidade Valenciana, na análise feita destes libros entre os anos 20108 e 2011, só aparecen os nomes de Ada Byron e Grace Murray Hopper. Nos libros de  tecnoloxía da ESO máis actuais comprobouse que non se fixo efectiva nin a incorporación de científicas nin de inventoras (menor do 1% o número de inventoras nomeadas, e inferior ó 5% as imaxes mostradas das mesmas). Puidose tamén  constatar que non aparecen nos libros de historia da tecnoloxía, e nos de patentes, as súa presencia é moi reducida .
Este traballo aborda e analiza distintos estudios realizados por diversos autores que avalan a necesidade de crear materiais didácticos novos para sacar do esquecemento as figuras inadvertidas e ocultas de mulleres inventoras. Desta forma auméntase o interese das rapazas cara a tecnoloxía, e reafírmase a súa autoestima e confianza, incrementándose o seu rendemento escolar.
Desde a biblioteca queremos contribuír a visibilización destas mulleres coa formulación do xogo “Cada ovella coa súa parella”, no que hai que asociar a cada unha das mulleres inventoras da nosa selección  co seu invento, cuxa imaxe aparece no póster ou unha pista visual sobre este.
Anímate a participar cubrindo a táboa que se adxunta no enlace  coas túas respostas. Tamén a través da suxestión doutras inventoras que poderían completar o noso póster a través do blog ou no taboleiro da biblioteca.



Enlace para cubrir o cuestionario.

03/02/19

HOLOCAUSTO: LECTURAS E PELÍCULAS

A continuación, unha escolma de novelas, cómics e películas sobre o holocausto que podes atopar na biblioteca.

Hecho con Padlet

27/01/19

DÍA INTERNACIONAL EN MEMORIA DAS VÍTIMAS DO HOLOCAUSTO

O 27 de xaneiro celébrase o DÍA INTERNACIONAL EN MEMORIA DAS VÍTIMA DO HOLOCAUSTO E A PREVENCIÓN DOS CRIMES CONTRA A HUMANIDADE.

Na biblioteca sumámonos a esta conmemoración cunha mostra de libros e películas sobre o Holocausto. A mostra complétase coa magnífica  exposición Autschwitz, a necesidade de lembrar elaborado pola Biblioteca Antón Losada Diéguez (A Estrada), e cunha  escolma de poemas e debuxos d@s nen@s do campo de concentración de  Terezín  feita desde a nosa biblioteca.





Ó longo desta  semanas publicaranse neste blog unha entrada coa escolma de libros e películas sobre o holocausto que forman parte da mostra que atoparedes a partir de mañá na biblioteca.

Se queredes saber máis do Holocausto, ademais da wikipedia tedes unha información ampla e rigorosa na páxina de UNITED STATES HOLOCAUSTMEMORIAL MUSEUM, na do YAD VASHEM (museo do holocausto en Israel) ou na páxina da USC Shoah foundation (fundación creada por Steven Spielberg para gravar testemuñas de sobreviventes e testemuñas do holocausto). 

Na páxina LECTURASDELHOLOCAUSTO.COM poderedes  atopar unha selección amplísimas de libros e películas sobre o holocausto, o contexto histórico no que se produce, a Europa de entreguerras, etc ordenados por temas e comentados.