26/06/22

DESPEDIMOS O CURSO CUN APLAUSO AOS NOSOS AXUDANTES E AXUDANTAS!



Este superequipazo que vedes, formado por Jorge Pereiro Parrado, Xosé Lois Carrillo, Lúa Varela pardo, Eva Vázquez Prieto, Pablo Seoane e Javier Sanmartin (que non está na foto); fixo posible que a bilioteca funcionase durante este curso tan complicado, no que houbo poucas profesoras e profesores con horas de garda na biblioteca.
Elas e eles pasaron horas de recreos na biblioteca, axudaron a colocar libros, aprenderon a manexar o novo programa, Koha, fixeron préstamos e devolucións e incluso deron de baixa moitos dos libros que expurgamos. Sacrificaron o seu tempo libre para axudar e a súa compaña foi moi necesaria para as profes que traballamos na biblioteca.
GRAZAS, RAPACES E RAPAZAS, SODES IMPRESCINDIBLES. Oxalá o curso que vén podamos seguir contando con vos.

15/06/22

HISTORIAS PARA SOÑAR E CONTAR, TÍTERES DE SOMBRAS

Hoxe tivemos a inmensa fortuna de asistir á estrea de "Historias para contar e soñar", un espectáculo de títeres de sombra a cargo do alumnado de Artes Escénicas de 4º de ESO, guiados polo bo facer de Davide Canoura e Belén Fernández Guzmán.
Disfrutamos de seis historias preciosas, baseadas en lendas e tradicións de distintas culturas. Viaxamos ao Canadá, á China milenaria, ao deserto de Kalahari, á Grecia otomana e á nosa Galicia ancestral. As mans da nosa rapazada crearon pagodas chinesas, cabanas bosquimas, tipis dos indios kalispel, palacios de pachás otomanos, garzas danzantes, nenas creadoras de estrelas, reis sacados case do Pórtico da Gloria, lobos e carneiros románicos, antiheroes coma o grego Karaiosis, paxaros de ouro e princesiñas de cabelos dourados. Eles contáronnos as historias e nós soñamos.
Foi todo un curso de traballo duro: fixeron técnicas de interpretación, leron historias, crearon guións, fabricaron marionetas, elixiron unha música exquisita e memorizaron o seu papel. O ciclo de madeira, axudou, como sempre, coa infraestrutura.

Historias para contar e soñar

07/06/22

RADIO NA BIBLIO


Estes días o IES de Melide é un fervedoiro de actividades extraescolares, aproveitando que parte do alumnado xa está algo máis liberado e non ten materias pendentes de recuperación. Estes días son perfectos para facer cousas como o curso de formación en radio que tiñamos pendente e, ao igual que o curso pasado, foi impartido por Luis Pardo, profesional da Cadena SER.

A maioría dos asistentes, alumnado de 1º e 2º de ESO, nunca traballara na radio e Luís ensinoulles os elementos fundamentais dunha emisión radiofónica. Tamén aprendemos a ver cales son as característcas que debe reunir un guión de radio. Comprobamos como con poucos recursos a radio pode ter infinidade de posibilidades, como nos demostrou o xenial Juan Carlos Ortega, locutor tamén na Cadena Ser.

Agora só queda que os asistentes a este pequeno curso de formación se animen a traballar na radio o curso que vén.

06/06/22

PREMIOS DE HAIKUS EN INGLÉS


O departamento de inglés organizou un concurso de haikus para diferentes niveis de alumnado. Os poemas presentáronse na entrada do instituto, xunto cuns espléndidos traballos de etnografía no que o alumnado fala das profesións dos seus familiares.

O mellor de todo foi a entrega de diplomas aos gañadores e gañadoras, oficiada ao máis puro estilo británico pola profesora Vicky Villar como mestra de cerimonias, anticipándose ao Royal Meeting de Ascot e superando a mesma raíña inglesa coa súa indumentaria.

Parabéns as gañadoras!!

02/06/22

GAÑANDO PREMIOS NO CERTAME AVELINO DÍAZ



Como en convocatorias anteriores,  algunhas alumnas e alumnos do IES de Melide participaron no V Certame de Debuxo e Poesía "Avelino Díaz", convocado polos Concellos de Riotorto e Meira. Esta actividade chega ao noso centro a través dun dos activistas destacados na causa de Avelino Díaz, o profesor Paco Veiga.
Nesta edición o noso alumnado presentou traballos na categoría C de poesía (de 13 a 17 anos),  e o éxito do IES de Melide foi arrollador, velaí:
- 1º premio:  Ti, de Pablo González Varela (2º Bacharelato)
- 2º premio: Destino ou casualidade?, de Candela Miguélez Buján, (2º Bacharelato)
- 3º premio:  Memoria inútil, de Raquel Miguélez González (2º Bacharelato)
A estes galardóns hai que engadirlle o accésit acadado por Martín Barreiro Varela con Liberdade (2º ESO).   Parabéns por este grande éxito!