28/11/11

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


O día 25 de novembro, no noso instituto dixemos NON á violencia de xénero, e fixémolo de moitas maneiras. Expuxemos libros que tratan sobre ese tema...
 puxemos flores polas mortas e un sopro de aire para cambiar as cousas...
 pancartas para que se acaben as bágoas...
 textos no taboleiro...
 Cancións...
 videofórum coa película de Sara, unha muller maltratada polo seu marido...
 árbores con follas que caen prematuramente porque alguén considera que as mulleres son obxectos da súa propiedade e que as pode matar...
 Obradoiros para analizar situacións de violencia e discriminación ...
Imaxes do que pode chegar a pasar se a xente non se fai consciente desta terrible lacra social.
Acabemos coa violencia de xénero. Non sexamos cómplices desta situación.

25/11/11

XELA VOLVEUSE VAMPIRA

O día 25 de novembro conmemórase o día contra a violencia de xénero, por iso hoxe queremos recomendar unha lectura para todos/as relacionada co tema: Xela volveuse vampira, un libro de Fina Casalderrey, cunhas fermosas ilustracións de Noemí López.
Nesta obriña cóntase a historia dunha profesora, a mellor mestra do mundo, que cada vez se vai semellando máis a unha morta vivente porque ten os ollos violetas e tristes. Breixo, un alumno, tratará de descubrir se se estará a volver vampira. Que lle pasa en realidade a Xela? Poderédelo saber se ledes este libro que temos na nosa biblioteca.

18/11/11

DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

A violencia de xénero, especialmente a violencia exercida contra as nenas adolescentes e mulleres é un fenómeno de carácter mundial independentemente das condicións económicas dos países de orixe.
A violencia doméstica exercida como ameaza, agresión física ou psicolóxica ou homicidio, é, probablemente, a forma de violencia de xénero máis presente en todas as sociedades. En España desde o 2002 ata hoxe perderon a vida unha media de 66 mulleres ao ano de mans da súa parella ou exparella.
AMAR NON É MATAR



Aquí máis música, libros e info sobre este tema: http://igualdade.xunta.es/violencia-de-xenero


11/11/11

concurso de microrrelatos contra a violencia de xénero

Dentro do seu Plano Anual, o Equipo de Biblioteca do IES de Melide convoca un concurso de Microrrelatos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A narración curta é un xénero que está callando entre o alumnado do IES de Melide. Cantas palabras necesitamos para poder contar unha boa historia? Retamos ao alumnado do IES de Melide a que con menos de cen palabras tente chegar ao corazón dos lectores.

Velaí as BASES e desta vez ninguén se queixará do moito que ten escribir:

- Os relatos xirarán en torno á violencia contra as mulleres ou ben a non violencia e  como debe ser o bo trato en calquera relación.
- Terán unha extensión máxima de cen palabras.

- O prazo de presentación remata o venres, 25 de novembro de 2011 .

- Establécense tres premios para os tres mellores microrrelatos presentados (1º ciclo, 2º ciclo e Bacharelato e CF).

- O xurado estará formado por tres profesores/as do Equipo de Biblioteca e dous alumnos/as membros da Asociación do Alumnado.

*O xurado poderá deixar deserto/s o/s premio/s se o considera oportuno.

10/11/11

PRESENTACIÓN DA OBRA DE YANELIS VELAZCO FAJARDO


O venres día 11 de novembro, ás 18:30 h, no salón de actos do Edificio Multiusos, terá lugar a presentación do libro Islas en el Tiempo, da escritora cubana Yanelis Velazco Fajardo. Participarán no acto, entre outros, a autora da obra e o escritor galego Xosé Neira Vilas.
Yanelis Velazco Fajardo nace no ano 1976 en Matanzas, Cuba. É licenciada en Filoloxía e profesora da Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana.
Como crítica literaria publicou numerosos ensaios sobre poesía en revistas literarias cubanas. Moitos destes ensaios están escritos en galego e dedicados a escritores e intelectuais galegos como Méndez Ferrín, Vázquez Pintor, Ánxel Fole, Celso Emilio Ferreiro, etc
A relación de Yanelis Velazco con Melide comeza en 2004, cando decide estudar a obra do escritor melidao Xosé Vázquez Pintor, froito do cal será o seu ensaio literario Xosé Vázquez Pintor. La memoria que reconstruye un mundo, publicado en 2007. Desde entón está vinculada á nosa vila. Así na I Feira do Libro de Melide (2008) presenta a obra de Vázquez Pintor Para decir abril e na segunda edición (2009) é a pregoeira da feira.
Agora vainos presentar a súa obra poética Islas en el tiempo, á que pertence este fragmento titulado Inventario.
"Párpados, ecos, agujas, pomos de plástico, teteras, vestidos de encaje, bistecs, tacones rojos, el beso, la camisa, la nostalgia, la mermelada de mango, otra vez los tacones rojos y toda la música. Amaneceres, café caliente, cerveza de jarra, bailar contigo, el mono del parque zoológico, los poemas junto al río, las frituras de mi padre, aguacate, mamey, maní, mamá, mío.
Recojo las palabras, las guardo en el baúl de la memoria junto a otras tantas que no vocifero desde hace tiempo. Las guardo, pero me quedo con algunas... tacones rojos por supuesto, la camisa, la nostalgia, el beso... bailar contigo"



07/11/11

PREMIOS CONCURSO DE CABAZAS

Hoxe, na biblioteca, entregáronse os premios do concurso de cabazas. As alumnas premiadas foron:



 1º premio para o 1º ciclo de ESO: Paula Vázquez Sufuentes, de S1B.

O segundo premio para o primeiro ciclo foi para Sofía Taboada García, de  S1B

O  premio único para segundo ciclo foi para María Ayude Puga, de 3º de ESOA.

Tamén se sorteou un premio entre todo o alumnado participante, e correspondeulle a María Vázquez Rodríguez, de S1B.
Felicitamos a todas as gañadoras e a todos/as os/as participantes pola grande calidade dos traballos presentados, e esperamos que sigan participando en cursos sucesivos.
Para todos/as, os nosos parabéns.

05/11/11

PRESENTACIÓN DE NÓMADES





O venres, 4 de novembro, tivo lugar a presentación da nova novela gráfica do noso compañeiro de instituto Xosé Tomás. O acto foi organizado pola Asociación Cultural Terra de Melide, e levouse a cabo no edificio multiúsos de Melide.
Xosé Tomás deleitounos unha vez máis coas súas palabras e as súas imaxes.
Nomes de mulleres, imaxes, cores, olores, música e tamén silencios danse cita nesta fermosa novela gráfica que non deixa indiferente a ninguén.




Despois de escoitar as súas palabras, dedicounos a todos os que quixemos o seu libro e os seus debuxos.



Grazas Xosé Tomás por este agasallo e por estar do lado dos desfavorecidos, dos que máis padecen na nosa sociedade, neste caso das mulleres inmigrantes.

04/11/11

A ORIXE DO PLANETA DOS SIMIOS

Hoxe conmemoramos o Día da Ciencia en Galego con un cinefórum na biblioteca. A película escollida foi A Orixe do Planeta dos Simios.
Esta película é a precuela do Planeta dos Simios, do ano 68. Nela, un científico traballa nunha cura para o Alzheimer que está sendo probada en monos. Unha destas criaturas é César, cuxa intelixencia evoluciona de forma rápida e ao que o protagonista da historia leva ao seu fogar para protexelo da crueldade dalgún dos seus compañeiros. Pero algo sae mal.
A visión destas imaxes serve para facernos reflexionar sobre os riscos da enxeñería xenética, sobre a utilización dos animais para a experimentación, sobre o papel das farmacéuticas na nosa sociedade e, en definitiva, sobre a ética na ciencia.


Título: A Orixe do Planeta dos Simios


Título Orixinal: Rise of the Planet of the Apes

Xénero: Aventuras, Ciencia Ficción

Nacionalidade: USA

Ano: 2011

Director: Rupert Wyatt

Guión: Amanda Silver, Rick Jaffa

Reparto: James Franco, John Lithgow, Freida Pinto, Andy Serkis, Brian Cox, Tom Felton, David Oyelowo

02/11/11

AS MULLERES NA CIENCIA: MARIE CURIE E MARÍA WONENBURGER

O vindeiro 4 de novembro celébrase o II Día da Ciencia en Galego. Este ano está adicado á química, pois o 2011 foi declarado pola Unesco Ano Internacinal da Química, e á muller na ciencia, homanexeando a María Currie, hai 100 anos que se lle concedeu o Premio Nobel pola súa contribución á Química, e a María Wonenburger, unha prestixiosa matemática galega.

Marie Curie, naceu como María Sklodowska en Varsovia (Polonia) en 1867 e faleceu en Sancellemoz, Francia, en 1934. Estudiou Física e Química na Universidade da Sorbona, París, da que foi a primeira profesora nos tempos modernos e onde coñeceu o seu marido e compañeiro de investigacións, Pierre Curie.
Marie Curie foi a primeira muller en recibir un Premio Nobel, e a primeira persoa en recoller dous Premios Nobel en dous campos distintos, Física e Química. En 1903 Henri Becquerel, Marie Currie e Pierre Currie, recibiron o Premio Nobel de Física pola súa investigación común sobre o fenómeno da radiación. En 1911 Marie Currie recolleu o Premio Nobel de Química polo descubremento de dous novos elementos: o radio e o polonio.


María Wonenburger naceu en Montrove (Oleiros ) no ano 1927 e desde nena destacou polo seu interés polos números, o deporte e os idiomas. Fixo a licenciatura en Madrid. Foi a primeira española en conseguir unha beca Fulbright para realizar o doutoramento en matemáticas. Así chegou en 1953 á Universidade de Siracusa, en Nova Iorque. Traballou con prestixiosos matemáticos, como Nathan Jacobson, que dirixiu o seu
doctorado en Yale. Despois, regresou a España, onde volveu a estudiar o doctorado, ó non lle ser convalidado. Emigrou de novo e traballou en Ontario, Toronto (onde era a única muller que ocupaba un posto de profesora de matemáticas na universidade), Búfalo e Indiana (onde acadou a máxima categoría profesional, a de Full Professor). En 1983 abandonou a súa actividade profesional e trasladouse a súa casa familiar na Coruña, onde reside actualmente
María Wonenburger publicou numerosos artigos en revistas de prestixio no campo matemático e dirixiu oito teses de doutoramento. Destacan o elevado número de citas que aluden ó seu traballo investigador, ademáis de ser citada en numerosos traballos da súa especialidade. Déixounos un importante legado: xunto co seu alumno Roberth Mooby introduciu as chamadas álxebras de Kac-Mooby que xogan un papel central en Matemáticas e Fisica desde os anos 70. A súa labor investigadora levouna a figurar entre os mellores expertos de álxebra do mundo.

01/11/11

CONTO DE TERROR Á LUZ DAS VELAS

O venres 28 de outubro, cando entramos pola mañá no instituto sucederon cousas fóra do normal. Era aínda noite e as luces non estaban acesas, cando oímos uns ruídos estraños: apareceron auténticas pantasmas e a entrada do instituto era un lugar tétrico, iluminado por candelabros cheos de telarañas. Algúns asustáronse de verdade, pero foilles pasando o medo cando descubriron a Ramiro, o vicedirector debaixo dunha saba.
Un grupiño de rapaces de 1º de ESO C tamén quixemos celebrar o Samaín ao noso xeito, reunímonos na biblioteca  para ler. Pero a nosa lectura foi diferente á de outras veces. Para ambientarnos mellor apagamos todas as luces, baixamos as persianas e acendemos as velas dun deses magníficos candelabros que estaban no corredor do instituto. Escollemos un par de relatos: Napoleón y el espectro de Charlotte Brontë e un fragmento do Drácula de Bram Stoker. Despois vimos o comezo da película Drácula, de Bram Stoker de F. Coppola e quedáronnos ganas de seguir véndoa outro día.