Chegan de noite queimando goma,/flipados de euforia e decibelios,/ coa gasolina inxectada na vea./ Logo, malotes de discoteca, descenden so carro maqueado...
Con estes versos o poeta introdúcenos nese mundo de roteiros nocturnos entre discotecas e pubs, mallando na música e no alcol a velocidades vertixinosas que en moitos casos acaban nas cunetas e cemiterios. E o poeta, que xa disfrutamos en
anteriores ocasións, non podía ser outro que
Carlos Negro, antigo profesor deste centro e profesor de Lingua e literatura no IES de Dodro.
Makinaria introdúcenos sen previo aviso nun universo de bugas maqueados roéndolle duro as rodas, cravando derrapaxes a ritmos de decibelios que deixan corpos ensanguentados na cuneta. Usa con maxistralidade a linguaxe dos mozos que, aínda que compartan casa e aulas con nós, parecen habitar o seu propio planeta, esa linguaxe que tanto sorprende aos lectores e lectoras pouco habituados a ler poseía que collen o libro cun aire reticente.
Makinaria foi unha revelación que nos descubriu que a poesía non está enlatada en versos ou temáticas trascendentais, está en cada recuncho do noso entorno, nos obxectos cotiáns ... en palabras do propio poeta "a poesía fuxiu do Parnaso cos bafles abouxadores na procura de palabras que acheguen aos lectores a súa propia vida con ritmo de hiphop de rúa".
Durante cincuenta minutos os versos de
Makinaria renaceron recitados, cantados, rapeados... na voz de Carlos Negro, que soubo encadilar non só aos alumnos e alumnas de 1º de BAC que leron a obra, senón tamén aos profesores e profesoras que os acompañaban nese momento.
Ao final, para non marchar co sabor amargo da morte e cemiterios, Carlos agasallounos con algo doce: un verso de amor e un sugus, que luxo! Os e as que non tivestes a sorte de disfrutar deste recital, tedes
Makinaria agardando por vós na biblioteca.