01/11/17

QUINCENA DA MEMORIA HISTÓRICA

No comezo de novembro vimos de finalizar a Quincena da Memoria Histórica, coordinada pola Biblioteca e o Departamento de Xeografía e Historia, como estrea do tema de traballo monográfico deste curso, Anonim@s, que como dixemos máis abaixo pretende rendir unha homenaxe aos milleiros de homes e mulleres descoñecidos que contribuíron a crear o patrimonio cultural e neste caso concreto, o noso legado histórico.
Na segunda metade do mes de outubro poidemos disfrutar nos corredores da planta baixa da exposición “Exilio e Deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos campos nazis” que facendo un seguimento da biografía destes dous galegos que acabaron nos campos de concentración alemáns, explica o final da Guerra Civil española e o terrible destinos de milleiros de españois, así como as características e condicións de vida nos stalags nazis. Un bo número de alumnos e alumnas visitaron a exposición e fixeron cuestionarios e traballos, algún deles espectacular, como o caderno que se pode ver nas fotos de abaixo, obra de Anita Fuciños, de 2º de ESO A.
Un dos galegos nos que se centra a exposición, Joaquín Balboa, foi coprotagonista do documental Mauthausen, regreso ao campo da morte, que en 1989 dirixiu o xornalista da TVG Manuel Torrente, quen presentou o documental e moderou un coloquio entre o alumnado de BAC o pasado 23 de outubro no noso centro.
Tamén puidemos contar coa presenza da xornalista Montse Fajardo, quen deu a unha charla ao alumnado de 4º de ESO sobre a represión que sufriron mulleres galegas despois do golpe de estado do 36. Moitas destas estas historias están recollidas no seu libro Un cesto de mazás, do que limos algún relato no club de lectura.
Durante todos estes días tamén tivemos expostos na nosa biblioteca Xaquín Yebra materiais relacionados con este tema: cómics, libros de historia, novela, películas... Un destes cómics, Deportado 4443, remata coa seguinte frase: "Sempre alerta, irmán de infortunio e sufrimento. Sempre alerta, se queremos que alqueles anos de agonía non volvan", que resume ben o noso principal obxectivo desta quincena de actividades.
Quincena da memoria histórica