30/01/16

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ



Desde 1964, para conmemorar a morte de Gandhi, celébrase o 30 de xaneiro o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, recoñecido pola UNESCO en 1993. O seu obxectivo é poñer de manifesto a necesidade da educación para a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos dereitos humanos, a non violencia e a paz. Porque a paz é algo máis que a ausencia de violencia e está intimamente relacionada coa xustiza, a solidariedade e o respecto á dignidade humana.
É un día para concienciarnos de que debemos loitar pola paz na nosa contorna e tamén no mundo. E, nesta ocasión, resulta inevitable recordar a situación de millóns de sirios que, tras catro anos de guerra, e sen unha solución política a curto prazo, loitan contra a nosa indiferenza.
Segundo Amnistía Internacional, ata outubro de 2015, ao redor de 220.000 persoas morreron e 12,8 millóns necesitan asistencia humanitaria urxente dentro de Siria. O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), advirte de que hai case 4.2 millóns de refuxiados sirios nos países veciños e máis de 7.5 millóns de desprazados internos en Siria. A capacidade de acolleita dos países fronteirizos está desbordada e isto obriga a centos de miles de persoas a recorrer a traficantes sen escrúpulos para realizar perigosas travesías a través do Mediterráneo nun intento por chegar a unha Europa que parece negarlles o seu dereito a fuxir da guerra.
No medio desta situación, destacan iniciativas como as do centro médico Bader Center de Ammán (Xordania), que participa nun taller artístico dirixido a nenos e nenas organizado pola ONG Global Humanitaria co  obxectivo de que estes canalicen as escenas de horror que viviron por mor da guerra e logren afrontar unha nova vida. As súas pinturas deron lugar á exposición itinerante Little Hopes (Pequenas Esperanzas).
Recollemos aquí a obra titulada 'A viaxe da morte: escapando dunha e outra morte'. O seu autor, Abd Allah, de 15 anos, recorda que unha bomba explotou na súa casa e que, cando espertou no hospital, ignoraba que perdera unha perna.