Como sabedes, o 21 de decembro conmemoramos o solsticio de inverno. Este día é tamén moi importante para nós, porque comezan as vacacións de inverno, por iso ímosvos comentar algo sobre a figura do apalpador. Este ser máxico, tamén chamado pandigueiro, aparece por estas datas para apalpar as barrigas dos neniños e ver se teñen fame ou se comeron ben. Este ano, debido aos recortes, ao paro... en xeral, á crise, moitas barriguiñas non van estar moi cheas, e o apalpador teranos que deixar moito máis que castañas para que se poidan encher.
Hoxe ímosvos propoñer, especialmente aos máis pequenos, a lectura dun novo libro centrado na figura do apalpador. Titúlase Apalpador vs. Papá Noel, escrito por Fernando Cimadevila e ilustrado por José Ángel Ares. Nel poderedes atopar, ademais dunha fermosa historia, a receita da torta de castañas con chocolate e varios xogos. O libro subtitúlase Contos estraños para nenos friquis e ten, ademais, a particularidade de que está editado baixo unha licenza Creative Commons España 3.0 que a identifica como non comercial, o que significa que sodes libres de copialo e distribuílo onde queirades, sempre que citedes os autores e que sexa sen ánimo de lucro.
Esperamos que pasedes unhas divertidas vacacións e que leades moito, porque xa sabedes que a mellor viaxe é un libro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario