Amosando publicacións coa etiqueta anónim@s. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta anónim@s. Amosar todas as publicacións

25/06/18

A PRESENZA FEMININA NO RUEIRO DE MELIDE

O alumnado de 3º de ESO de Xeografía e Historia colleu un rueiro da vila de Melide e contou o nome de rúas con nome de muller: só 15. Tamén fixo un traballo de investigación  sobre cada unha destas mulleres: Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Maruja Mallo, ...
Propuxeron ao Concello mulleres relevantes, preferiblemente da Terra de Melide ou de Galicia, para darlle nome ás rúas e prazas de Melide.
Este traballo iniciouse no mes de marzo, dentro do programa de actividades para a conmemoración do Día Internacional da Muller, co obxectivo de visibilizar a escasa presenza das mulleres tamén nas nosas rúas, e reividincar o seu papel fundamental na educación, literatura, artes, política, .... Está presente, de novo, o tema de traballo deste curso da biblioteca: Anómim@s.


MÚSICOS ANÓNIMOS

Aquí temos un traballo máis relacionado co tema deste curso da biblioteca: Anónim@s. O alumnado de 2º ESO investigou sobre a existencia de familiares, coñecidos, veciños, amigos, ... que tiveran algunha vinculacion coa música ( tocar algún instrumento, cantar, facer instrumentos, pertencer a algunha agrupación musical), buscou unha foto de cada unha desas persoas  e elaborou unha pequena biografía na que quedaba patente a súa relación coa música.
Presentaron o resultado do seu traballo nun pentagrama situado no corredor de 2º . Unha orixinal maneira de dar a coñecer ás persoas  que tiveron e teñen un papel fundamental no legado musical da Terra de Melide.




MOBLES ANÓNIMOS

Velaí o traballo do Ciclo de Madeira relacionando co tema de traballo deste curso na biblioteca Anonim@s. Nel recóllense historias de mobles antigos, algúns herdados, que que forman xa parta da nosa vida, ben porque están na nosa casa, ben porque coñecemos o seu pasado.
Fronte a estes mobles, realizados todos eles por ebanistas e carpinteiros descoñecidos, aparecen outros mobles, modernos e de deseño, que si teñen "nome" e incluso podemos ver a imaxe do seu creador ou creadora. Estilos moi diferentes, pero unha mesma función: vestir as nosas casas, gardar as nosas cousas ou, o máis importante, facer a nosa vida máis cómoda.

26/04/18

23 DE ABRIL:DÍA DO LIBRO

Para conmemorar o día Internacional do Libro, tivemos unha edición máis da Feira do libro usado.


O alumnado de Literatura Universal de 1º de Bacharelato montou  unha  marabillosa exposición do  produto final dun amplo traballo de investigación sobre as obras anónimas desde a Antigüedade ata o Lazarillo de Tormes. Elaboraron tamén un cuestionario para guiar o visonado desta exposición.


Desde a biblioteca fixemos unha selección de obras escritas baixo pseudónimo ou heterónimo na Literatura Universal dos séculos XVIII, XIX, X e XXI, do que tamén hai cuestionario.


O alumnado de 4º de ESO de TICs compartiu con nós o seu perfil literario.


01/11/17

QUINCENA DA MEMORIA HISTÓRICA

No comezo de novembro vimos de finalizar a Quincena da Memoria Histórica, coordinada pola Biblioteca e o Departamento de Xeografía e Historia, como estrea do tema de traballo monográfico deste curso, Anonim@s, que como dixemos máis abaixo pretende rendir unha homenaxe aos milleiros de homes e mulleres descoñecidos que contribuíron a crear o patrimonio cultural e neste caso concreto, o noso legado histórico.
Na segunda metade do mes de outubro poidemos disfrutar nos corredores da planta baixa da exposición “Exilio e Deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos campos nazis” que facendo un seguimento da biografía destes dous galegos que acabaron nos campos de concentración alemáns, explica o final da Guerra Civil española e o terrible destinos de milleiros de españois, así como as características e condicións de vida nos stalags nazis. Un bo número de alumnos e alumnas visitaron a exposición e fixeron cuestionarios e traballos, algún deles espectacular, como o caderno que se pode ver nas fotos de abaixo, obra de Anita Fuciños, de 2º de ESO A.
Un dos galegos nos que se centra a exposición, Joaquín Balboa, foi coprotagonista do documental Mauthausen, regreso ao campo da morte, que en 1989 dirixiu o xornalista da TVG Manuel Torrente, quen presentou o documental e moderou un coloquio entre o alumnado de BAC o pasado 23 de outubro no noso centro.
Tamén puidemos contar coa presenza da xornalista Montse Fajardo, quen deu a unha charla ao alumnado de 4º de ESO sobre a represión que sufriron mulleres galegas despois do golpe de estado do 36. Moitas destas estas historias están recollidas no seu libro Un cesto de mazás, do que limos algún relato no club de lectura.
Durante todos estes días tamén tivemos expostos na nosa biblioteca Xaquín Yebra materiais relacionados con este tema: cómics, libros de historia, novela, películas... Un destes cómics, Deportado 4443, remata coa seguinte frase: "Sempre alerta, irmán de infortunio e sufrimento. Sempre alerta, se queremos que alqueles anos de agonía non volvan", que resume ben o noso principal obxectivo desta quincena de actividades.
Quincena da memoria histórica

17/10/17

ANÓNIM@S

Presentámosvos o tema sobre o que traballaremos este ano: "ANÓNIM@S" .  Por que anónim@s? Porque englobamos baixo este título a cultura de autor anónimo ou pouco coñecido, en especial as autoras , as mulleres que quedaron nas marxes da Historia pola súa condición feminina. Tamén  a cultura popular e aqueles homes e mulleres que dende a súa condición de pequenos protagonistas forman parte do noso legado cultural e histórico.
Cremos que, ademais, enlaza perfectamente co monográfico dos curso pasado, o 50 aniversario do centro: os pais, nais, alumnado, profesorado, persoal non docente, equipos directivos, ...que formaron e forman parte desta comunidade educativa, son os pequenos e grandes protagonistas desta andaina de medio século.