26/02/22

ENTROIDO DE PERSONAXES ILUSTRES


Para festexar o Entroido, a vicedirección organizou un concurso no que o alumnado tiña que averiguar o personaxe famoso que cada profesora ou profesor representaba co seu disfraz. O profesorado escolleu personaxes relacionados coa materia que impartía: Marie Curie en química, Frida Khalo en plástica, Safo en grego, Rosalía de Castro e Quevedo en linguas e literatura, Dian Fossey en bioloxía, Hipatía e Pitágoras en matemáticas, Rosalía en música, ou Flavio Gioja, o perfeccionador da brúxula, en orientación... entre outros.

A biblioteca converteuse nun fervedoiro de rapazas e rapaces que buscaban na rede os personaxes a partir dos seus atributos e das pistas que daba o profesorado.

O resultado é que gran parte do alumnado aprendeu cosas novas que non coñecía e, ademais, divertiuse. Viva o entroido!

24/02/22

DÍA DE ROSALÍA 2022

 


Este ano celebramos o día de Rosalía o 23 de febreiro, un día antes do que se viña facendo, pola descuberta de documentos que demostran que o día real do nacemento da nosa gran poeta foi o 23 de febreiro.

O Equipo de Normalización Lingüística e o departamento de plástica encargáronse de preparar un fermoso collage na entrada do instituto con versos, flores e un magnífico retrato de Rosalía feito por Sé
Senande.

Durante a semana de Rosalía soaron nos corredores, durante recreos entradas e saídas, poemas de Rosalía musicados por distintos grupos do país.

18/02/22

O alumnado de reforzo fai un knolling literario


Unha das tarefas de lingua castelá de 1º de ESO é facer un Knolling literario sobre unha das lecturas obrigatorias, La biblioteca de los libros vacíos, de J. Sierra y Fabra.

Un knolling é unha técnica fotográfica que consiste nunha foto cenital, ou sexa, feita dende arriba, de varios obxectos relacionados como tema que queremos tratar. Neste caso, o noso Knolling literario deberá ter polo menos oito obxectos relacionados coa nosa lectura e deben estar colocados en ángulo recto.

Velaí ao alumnado de reforzo de 1º A de ESO, tentando colocar obxectos que teñan que ver coa nosa lectura: letras perdidas, libros antigos, libros de autores locais, libros reescritos por nenas e nenos con letras soltas e lanternas para facer este traballo na clandestinidade. Aquí vedes o knolling feito por Aldán de Arriba. Podedes facervos unha idea do libro con esta imaxe?

03/02/22

QUINCENA DO AMOR



Non cabe dúbida de que o amor é a maior fonte de inspiración na literatura de todos os tempos e culturas, polo que dende a nosa biblioteca non celebramos o amor nun único día, senón que collemos case unha quincena, dende o día da Candeloria, 2 de febreiro, até o día de San Valentín, o 14 de febreiro.

O Equipo de Normalización Lingüística e o departamento de plástica fixeron este magnífico decorado


con refráns sobre a Candeloria, versos sobre o amor e o que é máis importante, un "buzón do amor" para que todas e todos os que queiran boten nel as súas cartas de amor e amizade, dirixidas a calquera persoa da nosa counidade educativa.

Como o amor é algo doce, a toda persoa que se achega se lle entrega unha piruleta con forma de corazón.

O día 13 de febreiro rematará o prazo para entregar as cartas. O día 14 de febreiro, un día moi agardado por moitas e moitos, un equipo de carteiras e carteiros do amor faran chegar a cada destinatario as misivas amorosas.

Non perdas a oportunidade para declarar o teu amor ou amizade en galego!!