30/01/12

Manifesto pola paz

Hoxe, día 30 de xaneiro, recordamos a nosa continua loita pola liberdade, a igualdade, a xustiza, a solidariedade, o amor, o respecto e o bo trato a todas as persoas. Hoxe é o día mundial da paz.


Todos falamos da Paz, todos celebramos o seu día, pero cantos sabemos realmente o que iso significa? Cantos?

Vivimos nun mundo necesitado de Paz, cheo de loitas, loitas que nin sequera teñen sentido. Miles de persoas con poder decidindo por outras moitas que non teñen dereito a alzar a voz e dicir o que de verdade pensan, polo feito de non nacer nunha familia poderosa, polo feito de que hai que seguir un canon que o paso do tempo nos impuxo! Pero, por que son os cartos os que moven as guerras? Por que a ansia de poder? Por que miles de armas fabricadas para un só e claro fin? Este fin, amigos/as, é matar. Estámonos convertendo en máquinas e aparellos con botón de autodestrución. E a parte máis triste é que non facemos nada por cambialo, senón que intentamos “pasar” mentres non nos toca de preto. Porque moitos nenos, familias enteiras levántanse pola mañá esperando ver unha pomba branca no ceo, pero sempre se atopan cun ceo gris que nos cobre e que lles imposibilita ver máis alá da súa propia morte.

Decidamos, e decidamos ben, amigos/as, porque este día é para reflexionar, por iso vos animo a facelo. Porque, como sempre escoitamos, as cousas grandes comezan por ser pequenas. E que este día non sexa o único do ano no que pensemos na xente morta inxustamente, na xente marxinada, nos nenos explotados, nas persoas sen opcións; senón que traspasemos fronteiras, consigamos, amigos/as, que o mundo sexa un fogar para todos, non un túnel sen fin de sufrimento. Para que cando miremos ao noso arredor nos sintamos orgullosos de nós mesmos. E cando nos sintamos orgullosos do que conseguimos entre todos, esa sensación que invade o teu corpo e sae a través dos poros en forma de alegría, esa sensación será a Paz, e non a cambiaremos por nada, porque saberemos que a nosa loita valeu a pena, que a nosa loita por fin deu o seu froito.

Nun día como o 30 de xaneiro, animamos a xente a reflexionar, a deixar o individualismo, a loitar pola igualdade e polo cese das guerras, a non nos deixar levar pola cobiza e a avaricia, a axudarnos uns aos outros… En definitiva, hoxe máis que nunca animamos a xente a loitar pola paz.

Podemos vivir nun mundo mellor, nas nosas mans está poder conseguilo ou non.

Ana Ayude Puga

Nuria Rouco Mejuto

B1A

29/01/12

30 DE XANEIRO. DÍA ESCOLAR DA PAZ E A NON-VIOLENCIA


O Día Escolar da Paz e a Non-Violencia ten como obxectivo a educación en e para a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos dereitos humanos, a non-violencia e a paz.
Este ano (64 aniversario da morte de Gandhi), o Seminario Galego de Educación para a Paz, proponnos unha reflexión sobre “A aprendizaxe da democracia na escola”.
Para “aprender a paz”, debemos ser educados en democracia, formados en actitudes democráticas. E isto implica a democratización dos sistemas educativos, a educación no diálogo e a participación, e o acceso ao sistema educativo de todos os cidadáns, con independencia de raza, condición social, idade...
No ano 2011, nos países afectados por conflictos armados, 28 millóns de neno@s en idade de ir á escola primaria non estaban escolarizados e só o 79% dos seus xóvenes sabían ler e escribir.  Decenas de miles de nen@s foron reclutad@s ou utilizad@s polas forzas armadas ou grupos armados en todas as rexións do mundo, privándo@s da súa infancia e dos seus dereitos, entre eles, o dereito  á escolarización.

“Xa que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse os baluartes da paz” (Acta Constitucional da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura).


28/01/12

Neira Vilas e Rachel de Queiroz: dúas figuras universais

Onte, 27 de xaneiro, tivo lugar na casa da cultura a conferencia titulada Xosé Neira Vilas e Rachel de Queiroz, fabuladores artífices, organizada polo Concello de Melide. Neste acto, presentouse o libro da profesora da Universidade Estadual do Ceará, Cleudene de Oliveira, titulado Xosé Neira Vilas e Rachel de Queiroz, figuras universais. Unha ponte entre Ceará e Galicia. Participaron no acto a profesora brasileira e o autor das Memorias dun neno labrego.

Neste libro, a profesora trata de establecer un paralelismo entre as obras destes dous grandes fabuladores que emigraron e volveron ás súas terras para contar as historias das súas terras e das alleas.

No acto, Neira Vilas, ademais de falar da obra de Cleudene de Oliveira, resaltou a importancia do noso idioma, recalcando que temos unha lingua de grande extensión que compartimos con todos os países lusófonos. Falou tamén da importancia que tivo para nós a Galicia de América e comentou que a obra de Cándido Pazó, Memoria das Memorias dun neno labrego, foi representada no Brasil, con grande éxito e que foi entendida perfectamente utilizando a fonética do galego.

Neira Vilas comentou que, ademais da profesora Cleudene de Oliveira, tamén unha profesora de Melide, Dolores Rodríguez, está realizando unha tese comparando o mundo rural irlandés co galego, que aparece reflectido nas obras de John McGahern e de Neira Vilas. Na imaxe aparecen as dúas investigadoras xunto con Neira Vilas.

07/01/12

Ano de Celso Emilio Ferreiro

Este ano 2012 será o do poeta Celso Emilio Ferreiro. Celebraremos o centenario do seu nacemento, o 4 de xaneiro 1912 en Celanova, e o cincuentenario da publicación da primeira edición de Longa noite de pedra, o seu poemario esencial e libro insignia da memoria cívica e literaria de varias xeracións. O grande poeta político e social da Galicia contemporánea, o poeta galego do século XX, probablemente, máis querido e popular volverá ser lembrado  en Galiza e fóra dela.
MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR
Agora tomo o sol. Pero até agora

traballei cincoenta anos sin sosego.

Comín o pan suando día a día

nun labourar arreo.

Gastei o tempo co xornal dos sábados,

pasou a primavera, veu o inverno.

Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo

i a miña mocedade. Nada teño.

O patrón está rico á miña conta,

eu, á súa, estou vello.

Ben pensado, o patrón todo mo debe.

Eu non lle debo

nin xiquera iste sol que agora tomo.

Mentras o tomo, espero.






06/01/12

ADEUS A ISAAC DÍAZ PARDO

Flores para Isaac Díaz Pardo


Hoxe despedimos a Isaac Díaz Pardo, intelectual, escritor e artista galeguista que se impuxo a tarefa de preservar, fortalecer e reconstruír a cultura e a memoria de Galicia. Acometendo facetas de empresario cultural, deseñador industrial, escritor, editor, promotor e mecenas de proxectos.

Cursou estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando (Madrid).Pasou logo a ter unha praza de profesor na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona e comezou as exposicións en España e no estranxeiro.Ao seu regreso inicia, cunha exposición na Coruña, unha etapa de dedicación plena á pintura que abandonaría en 1948, para entregarse por completo a un proxecto de dinamización sociopolítica e empresarial que tentaba de internacionalizar a cultura galega.Deste xeito abandonou as artes plásticas, pasando á cerámica e fundando con outros socios a fábrica de Cerámicas do Castro en Sada ,o que repite na Arxentina, onde pasaría trece anos e construiría xunto con outros destacados galeguistas como Luís Seoane o Laboratorio de Formas, precursor doutras actividades de desenvolvemento como as levadas a cabo na Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside, o Instituto Galego de Información, a editorial Edicións do Castro, etc.

Das institucións que este colectivo creou para recuperar a memoria histórica, sería a dirección e administración do Grupo Sargadelos a faceta máis coñecida do intelectual galeguista, e a que lle causaría máis desgustos ao ser apartado do equipo de dirección.

Como escritor de ensaio e crítica, destacan Xente do meu Rueiro, O ángulo de pedra, Galicia Hoy (xunto con Luis Seoane), Paco Pixiñas (con Celso Emilio Ferreiro), El Marqués de Sargadelos ou Castelao, ademais dunha morea de artigos en xornais como La Voz de Galicia (onde colaboraría até o 2009).
O pai de Isaac Díaz Castro, Camilo Díaz Baliño, foi asasinado en agosto de 1936 e tirado nunha cuneta, xunto co estudante Sixto Aguirre Guerin, en Saa (Palas de Rei), moi preto de Melide. Alí homenaxéanse todos os anos o dí 14 de agosto.


 Nesta foto, do ano 2008 aparece Isaac Díaz Pardo, xunto coa súa dona, con Avelino Pousa Antelo e David Otero o día en que inauguraron un monumento en memoria e honra destes dous galeguistas asasinados xa nos primeiros días da guerra.
Isaac tivo xa que esconderse cando era aínda un adolescente para que non o matasen como a seu pai, xa que el seguía os seus pasos.

Isaac tivo unha vida de traballo en defensa da nosa cultura e da nosa memoria histórica, e Galiza débelle moito a este home.
Hoxe está soterrado a carón de Valle Inclán e Aurelio Aguirre, nun lugar reservado a galegos ilustres no cemiterio de Boisaca, en Santiago.
Rematamos coas palabras que dixo unha das súas netas no enterro: "Que teñas boa viaxe, avó". Que teñas boa viaxe, Isaac.

02/01/12


O día 31 de decembro de 1936 faleceu D. Miguel de Unamuno, o pensador contraditorio, o profesor, o poeta, o novelista. Salamanca, cidade na que viviu moitos anos e na que morreu, bautiza o 2012 como Ano de Unamuno, conmemorando os 75 anos do seu pasamento.

Miguel de Unamuno y Jugo (Bilbao, 29 de setembro de 1864-Salamanca, 31 de decembro de 1936) foi un escritor e filósofo español pertencente á Xeración do 98. Morreu no seu domicilio de Salamanca o 31 de decembro de 1936, de forma repentina. Á súa morte, Antonio Machado escribiu: “Señalemos hoy que Unamuno ha muerto repentinamente, como el que muere en la guerra. ¿Contra quién? Quizá contra sí mismo.”

Unamuno empezou sendo un defensor da República e posteriormente apoiou o levantamento militar. No verán de 1936 fai un chamamento aos intelectuais europeos para que apoien os sublevados, declarando que representaban a defensa da civilización occidental e da tradición cristiá. Sen embargo, o entusiasmo pola sublevación pronto se torna en desengano e arrepentiuse publicamente do seu apoio á sublevación. O 12 de outubro de 1936 na Universidade de Salamanca, pronunciou un apaixonado discurso no que manifestou: “Quiero hacer algunos comentarios al discurso -por llamarlo de algún modo- del profesor Maldonado, que se encuentra entre nosotros. Se ha hablado aquí de guerra internacional en defensa de la civilización cristiana; yo mismo lo hice otras veces. Pero no, la nuestra es sólo una guerra incivil. Vencer no es convencer, y hay que convencer, sobre todo, y no puede convencer el odio que no deja lugar para la compasión. Venceréis, porque tenéis sobrada fuerza bruta. Pero no convenceréis, porque para convencer hay que persuadir. Y para persuadir necesitaréis algo que os falta: razón y derecho en la lucha. Me parece inútil el pediros que penséis en España».

Escribiu numerosas obras, entre elas novelas como: Paz en la guerra, Amor y pedagogía,El espejo de la muerte, Niebla, Abel Sánchez, La tía Tula, San Manuel Bueno, martir... etc.

Obras filosóficas como: Del sentimiento trágico de la vida (1913) y La agonía del cristianismo (1925).

Entre sus obras poéticas destacan: Poesías (1907), Rosario de sonetos líricos (1911), El Cristo de Velázquez (1920), Andanzas y visiones españolas (1922), Rimas de dentro (1923), Teresa. Rimas de un poeta desconocido (1924), De Fuerteventura a París (1925), Romancero del destierro (1928) y Cancionero (1953).

Teatro, como: La esfinge (1898), La venda (1899), La princesa doña Lambra (1909), La difunta (1909) , Raquel encadenada (1921) , Sombras de sueño (1926) , El otro (1926)… etc.