25/10/12

Samaín 2012

A noite do 31 de outubro era moi especial, xa que, nos países celtas, conmemoraban o Samaín. Era a súa festa máis importante, posto que nesa data comezaba o ano novo e tamén o inverno.
Todos oímos falar moitas veces do Samaín, pero... Que facían os nosos devanceiros por estas datas?
Considerábase que nestes días, abríase unha porta entre este mundo e o outro, era unha xornada de encontro cos que xa morreran. A morte era a outra cara da vida e non se lles tiña medo aos que xa marcharan para o Alén, e incluso, nalgúns sitios facilitábaselles a viaxe poñendo unha vela para que visen ben o camiño de volta á casa, e deixábase un prato con comida e un asento para os “visitantes”. Tamén se facían rosarios de castañas cocidas para os nenos e, dicían os vellos, que, por cada castaña que se comía, un morto ía para o Ceo. Moitos nenos visitaban os cemiterios cos seus colares.
Estas datas préstanse para estar na casa ao pé do lume, comendo castañas e contando contos, especialmente de medo. Por iso, no noso centro tamén conmemoraremos esta festa. Ashley, a lectora falaranos do Halloween e do Samaín, e veremos unha película de terror. Tamén comeremos castañas e teremos algunha outra sorpresiña.
Así mesmo, leremos contos de terror na biblioteca, algúns inventados por nós e outros escritos por autores coñecidos. Temos unha mesa chea de libros de historias de medo. Achegádevos e levade algún para ler tamén na casa ao pé do lume.




Ningún comentario:

Publicar un comentario