29/09/11

BENVID@S AO NOVO CURSO.... RECORTADO!

Unha semana despois do inicio das clases, despois de poñer orde nunhas cantas cousas, Biblomelide comeza a súa andaina. Velaí as novas alumnas e alumnos de 1º de ESO nunha biblioteca máis colorida, con novas cadeiras e mesas para facer a vosa estancia máis agradable. Nestes poucos días xa descubrimos que entre o novo alumnado hai lectores e lectoras voraces, que seguramente estarán desexando coñecer o noso club de lectura Papalibros e apuntarse para este novo curso.
Temos case lista a nosa programación de actividades que, esperemos, vos fagan ler e gozar aínda máis dos libros. Pero non queremos deixar de denunciar o que está a pasar nestes momentos no ensino plúblico: os recortes en educación afectan tamén á biblioteca. Para comezar, a maior carga horaria do profesorado non nos permitirá este ano ter a biblioteca aberta tantas horas coma en anos anteriores. Tampouco podemos ocultar a nosa preocupación pola disminución do presuposto económico que con toda seguridade sufrirán os centros. Poderemos mercar libros novos? Certo é que a Biblioteca do IES de Melide conta con bastantes fondos, pero tal vez este ano tardemos máis ou quizais non podamos traer aínda quentes do prelo as últimas novidades en cómic, o derradeiro libro de Moccia ou as novas aventuras do noso inspector Leo Caldas, que Domingo Villar está apunto de publicar.
De todos xeitos e, a pesares do horario recortado, temos todos os vosos datos actualizados no programa de xestión para que veñades a busacr libros, porque O PRACER DE LER NON SE PODE RECORTAR.