28/11/10

PARA LER A CARÓN DO LUME NESTE TEMPO DE XEADAS


No mes de novembro é cando notamos a chegada do inverno, aínda que o comezo deste, para ser exactos, sexa o 21 de decembro. No mundo celta o ano novo comezaba a principios deste mes, cunha festa en honor aos defuntos, a nomeada festa do Samaín. Agora, cando as noites son tan longas e vai tanto frío fóra é cando máis apetece ler a carón do lume (ou do radiador, se non temos outra cousa). Neste tempo a nosa biblioteca foi recibindo estrañas visitas en torno a unha serie de libros, que fomos escollendo porque nos pareceron axeitados para este tempo de defuntos, castañas e lume. Na mesa da entrada poderás atopar libros de misterio, contos de terror, novelas de vampiros, historias onde a morte e os mortos están presentes, contos de lobos para escoitar ben tapadiños ao lado do lume... Nesta guía tes os detalles necesarios para facerte cunha desas lecturas.
Por certo, no club de lectura Papalibros estamos lendo un destes libros, Cumbres borrascosas, e temos a nosas primeira reunión o luns 29 de novembro as 14.15 h. na aula 106, para xantar xuntos e poder falar tranquilos. Se te animas, acude ou ponte en contacto con nós.

25/11/10

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL DA VIOLENCIA DE XÉNERO

Seguramente a violencia de xénero é algo tan antigo, case, como a existencia humana. Está presente na literatura universal de todos os tempos, unhas veces como simple reflexo de conduta e outras, cada vez máis por fortuna, como denuncia e repulsa. Por xentileza de Trafegando Ronseis, publicamos este fermoso vídeo onde sobran as palabras.

Dia Internacional contra a violencia de xénero 2010 from trafegandoronseis on Vimeo.

23/11/10

VII Simposio sobre o libro e a lectura


Os días 18 e 19 de novembro celebrouse en Santiago o VII simposio sobre o libro e a lectura, este ano dedicado ao fomento da lectura. Nel tratáronse moitos aspectos, entre eles o que debemos ofertar dende as editoriais, as librerías e as bibliotecas. A min gustoume especialmente o que nos contou o libreiro e contacontos Pep Durán e vóuvolo relatar bastante resumido.
Pep ten unha librería en Cataluña e, como é sabido, alá non chove moito; pero un día caeu unha tremenda treboada pola noite. Pola mañá, cando foi abrir o local, atopouse con que a auga o inundara totalmente; pero non só se mollaran os libros que estaban nos andeis baixos, senón todos os demais, xa que a auga entrara tamén polo tellado. Os libros estaban totalmente estragados. Entón, Pep descubriu que naquela auga que anegaba o chan había unha especie de bichiños negros e pequenos, colleu uns poucos e, sabedes o que eran? LETRAS. Dos libros caeran todas as palabras, e as follas estaban totalmente en branco. El recolleu todas estas letras e púxoas a secar, igual que os libros, ao sol, e cando todo estivo seco lanzou unha oferta na súa librería: COA VENDA DUN LIBRO, REGALAMOS UN PUÑADO DE LETRAS. Sabedes o que pasou? Que venderon todos os libros. E sabedes por que? Porque todos en realidade o que queremos é ler o noso propio libro, onde estean os nosos soños, desexos, aspiracións, preocupacións... En definitiva: nós mesmos.
Que libros debemos ofertar? Aqueles nos que a xente atope o seu espello, a si mesma; pero, iso si, dándolle textos de calidade e que teñan unha maior lectura social.

15/11/10

PERCORRENDO "A PRAIA DOS AFOGADOS"

Dentro das actividades de animación á lectura programadas pola biblioteca en coordinación co Departamento de Lingua, o día 11 de novembro alumnos e alumnas do IES de Melide participaron nun roteiro organizado por Galaxia, para ver os escenarios onde transcorre a novela A praia dos afogados, de Domingo Villar. Esta obra está ambientada en Nigrán, nas zonas de Monteferro e Panxón, e actuaron como guías Xosé Lois Villar, presidente do Instituto de Estudos Miñoranos, que explicou as referencias ao medio mariño e as artes de pesca que aparecen na obra, e a actriz Ana Carreira, que mostrou a praia da Modorra, o templo votivo de Antonio Palacios, o porto e a lonxa, interactuando con eles/as.
Xa pola tarde, o alumnado visitou a VERBUM ou Casa das Palabras, onde asistiu a un itinerario e un obradoiro relacionado coas linguas do mundo.

13/11/10

CONCURSO DE MICRORRELATOS PARA DENUCIAR A VIOLENCIA DE XÉNERO

Dentro do seu Plano Anual, o Equipo de Biblioteca do IES de Melide convoca un concurso de Microrrelatos con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A narración curta é un xénero que está callando entre o alumnado do IES de Melide, tal como podemos comprobar nalgúns dos últimos números da revista Intres. Cantas palabras necesitamos para poder contar unha boa historia? Retamos ao alumnado do IES de Melide a que con menos de cen palabras tente chegar ao corazón dos lectores.

Velaí as BASES e desta vez ninguén se queixará do moito que ten escribir:

- Os relatos, cuxo tema xirará en torno á violencia contra as mulleres, terán unha extensión máxima de cen palabras.
- O prazo de presentación remata o venres, 26 de novembro de 2010 .
- Establécense tres premios para os tres mellores microrrelatos presentados (1º ciclo, 2º ciclo e Bacharelato e CF).
- O xurado estará formado por tres profesores/as do Equipo de Biblioteca e dous alumnos/as membros da Asociación do Alumnado.
*O xurado poderá deixar deserto/s o/s premio/s se o considera oportuno.

05/11/10

III ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA


A pasada fin de semana varias profesoras do centro acudimos a estes terceiros encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, que se celebraron no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Alí tivemos a ocasión de contactar con outros profesores e profesoras de Galicia que tamén están traballando na dinamización de Bibliotecas e no fomento da lectura. As xornadas foron moi produtivas xa que puidemos intercambiar experiencias con outros centros e ilusionarnos aínda máis co proxecto de biblioteca con novas ideas.
Aproveitamos para recordarche que te inscribas xa no Club de Lectura Papalibros, se queres compartir paixón, aventura, misterio... cun grupo de amigos e amigas. Coma sempre, chegamos á conclusión de que a lectura pode ser cousa de varios e que quen comparte un libro crea un importante vículo coas outras persoas.