29/09/14

HOMENAXE A XAQUÍN YEBRA

Se interrumpíamos as nosas vacacións de verán para comunicar a triste nova do pasamento do noso querido compañeiro e profesor Xaquín, queremos comezar o curso co seu recordo, por unha banda como esconxuro para botar fóra a nosa dor e por outra como agradecemento por todo o que el nos aportou ao longo destes anos.
O IES de Melide a través do equipo da biblioteca está a organizar unha xornada de lembranza que se celebrá no noso centro o sábado 25 de outubro ás 11.00. Aínda que non temos un programa pechado, podemos adiantar que comezaremos prantando un carballo ou outra especie autóctona no noso xardín, xa que Xaquín era un gran amante das árbores, seguiremos cun recitado dos textos e poemas cos que el nos foi agasallando estes anos, proxectaremos un vídeo que tentará recoller o seu semblante no noso recordo, charleremos con amigos e compañeiras/os cos que Xaquín compartiu loitas e remataremos cun xantar. En todo o acto contaremos coa música interpertada polo alumanado do centro, polos históricos membros da Quenlla Mini e Mero e, talvez, por agrupación musical melidense.  As protagonistas do acto serán as alumnas e alumnos do IES de Melide que contarán co apoio do profesorado e a asistencia non só da comunidade educativa senón tamén daquelas persoas que compartiron os seus compromisos sociais: a memoria histórica, a loita poos dereitos das presas e presos...
O lugar onde se desenvolverán parte dos actos será a nosa biblioteca, que ao igual que as outras dependencias do centro que teñen nome, pasará a chamarse "Biblioteca Xaquín Yebra", porque é grande o legado que nos aportou.
Segue a organización deste evento no Facebook https://www.facebook.com/homenaxexaquinyebra