Amosando publicacións coa etiqueta OS PAPALIBROS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta OS PAPALIBROS. Amosar todas as publicacións

11/10/22

PRESENTACIÓN DA BIBLIOTECA AO NOVO ALUMNADO

 

   A nosa biblioteca leva o nome de Xaquín Yebra, profesor de Historia neste centro, amante dos libros e persoa entrañable.

QUE É UNHA BIBLIOTECA?

   Dicía Jorge Luis Borges: “Siempre imaginé que el paraíso sería algún tipo de biblioteca”.

   Logo unha biblioteca é un lugar para sentir o entusiasmo deste primeiro día, para probar  o pracer de sentar nunha desas cadeiras, coller un libro e ver onde nos leva. Seguro que cada un de vós, cando lestes un libro que vos gustou moito, non regresastes del do mesmo xeito. Como cando se fai unha viaxe ou se emprende unha aventura. Volvemos transformados, somos outros. Por iso as bibliotecas son paraísos, como dicía Borges, onde ir para avanzar, para soñar  outros mundos,  para ser máis libres, mellores persoas.

   Tamén, quizais, por iso os libros son tesouros e ten que haber espazos coma este onde viven, colocadiños porque son material sensible, coma vós.

   As bibliotecas son, pois, luz. Esta tamén, pero ademais…védela? É luminosa e alta, altísima, para que poidades medrar e ben sabedes que non nos referimos á estatura.

   Desde Melide podemos viaxar a moitos sitios, a todos os continentes se queremos, pero desde a biblio pódese ir aínda máis lonxe, moito máis lonxe: a lugares de nós que non coñeciamos. Esa si que é unha viaxe fascinante.

   Agardamos, pois, encontrarnos neste paraíso, que é o corazón do noso centro.

QUE É UN CLUB DE LECTURA?

   É unha reunión onde se xuntan ollos que escudriñan en páxinas, persoas ás que lles gusta ler...

   O noso Club chámase Papalibros. Mirade  que nome tan simbólico. Iso é porque hai lecturas que son para papar, para lamber. Así que, unha vez ou dúas ao mes, sentaremos nunha parola entretida,  mentres comemos un bocata ou unha lambetada, para falar de historias que formarán parte de nós,  e de cine, e de música… Para falar da nosa viaxe apaixonante polos libros.

 

 

10/04/16

BIBLOMELIDE RECOMENDA: CON CHOCOLATE Y LETRAS

Vimos de descubrir agora o blog Con chocolate y Letras, que administra unha das nosas Papalibros, Iria Barreiro.

O blog xa leva varios meses activo, pero nós aínda dimos con el recentemente e xa nos puxemos a devoralo.
O primeiro que queremos destacar é calidade dos seus artigos, ben redactados, e sempre escollendo temas interesantes e atractivos. Gústannos especialemente os temas de debate como ¿Libros obligatorios? ou Literatura juvenil, que poñen sobre a mesa cuestións controvertidas das que tod@s temos discutido máis dunha vez.
Outro apartado favorito son as reseñas, que Iria fai con bastante frecuencia. Deixamos aquí, como exemplo, unha sobre un dos libros que limos no club de lectura Papalibros, Para acabar con Eddi Bellegueule. Sabemos que Iria reseña incluso libros aínda sen publicar que lle pasan escritoras/es noveis. Pero talvez o máis atractivo é a frescura e espontaneidade que se deixa ver en todos os seus post. Iria é unha gran lectora, sobre todo, de novelas de fantasía e distópicas, os seus xéneros favoritos, pero excluír outros temas. Le sen prexuízos, aproveitando todas as ocasións que se lle presentan e está moi atenta as novidades. A súa opinión está ben fundamentada, porque é unha lectora madura que ten un criterio literario.
E xa para rematar, en Con Chocolate y Letras podes atopar booktags, booktubers, memes literarios, premios de outros bloggers... en fin, non deixedes de pasar por aquí.

18/01/13

ÀNGELO TORRES, HISTORIAS EN PORTUGUÉS

Ângelo Torres, contador de historias natural de Sâo Tomé e Príncipe, inaugurou o ano 2013 como primeiro convidado da biblioteca do IES de Melide. Ângelo xa estivera noutra ocasión no noso instituto, pero a meirande parte do público era a primeira vez que o escoitabamos.
O noso convidado fixo dúas sesións, unha para 1º de BAC no salón de actos, presentado por Adrián Oro, e outra co club de lectura Papalibros, na que ademais de historias compartiu tamén mesa.
Gostamos das súa historias, especialmente a da Tía Miseria e a Morte, que aprendeu da súa avoa, que premiaba aos nenos que se bañaban cun conto.
De paso tamén comprobamos que a diferencia idiomática era mínima e podíamos entedelo perfectamente, xa que o galego nos abre portas para comunicarnos con millóns de falantes doutros continentes.

13/12/12

12-12-12-12 con Celso Emilio

Por fin chegou o día e hora tan esperados e un montón de rapaces, rapazas e profesoras xuntámonos na biblioteca do IES de Melide  para recitar a Celso Emilio, seguindo a convocatoria da Coordinadora Galega de ENDL.
Despois dunha extraordinaria introdución a cargo de Lorena Ambrosio, as alumnas e alumnos de 2º de BAC fixeron un recitado de "Deitado frente ao mar", acompañados por música en directo, interpretada por  tamén alumnasde 2º e 1º de BAC.
A continuación os Papalibros fixeron unha versión hip-hop deste mesmo poema, que conseguiu sonar ben graza a axuda inestimable de David.
Este foi o noso xeito de conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio, poeta comprometido coa lingua, coa xente sinxela e cos que sofren. Foi esta tamén a nosa maneira de reivindicar o dereito á nosa identidade, a educarmos en galego porque queremos, porque nos peta
Aproveitameos tamén esta data redonda para participar nunha lectura de textos clásicos, dentro da convocatoria "yo conozco mi herencia. ¿Y tu?", da que vos damos conta no noso blog Aspasia.

08/05/08

Crepúsculo



Este é un dos títulos que últimamente está arrasando no noso club de lectura, Os Papalibros.
Crepúsculo é unha triloxía na que a autora, Stephnie Meyer, cóntanos a complicada relación entre Bella e Edward... e tan complida xa que Edward é un vampiro. Iso si, guapo e noviño.
Na primeira parte, Un amor peligroso, cóntanos como se coñece a parella.
No segundo libro, Luna nueva, Bella darase conta de que namorarse dun vampiro pode ser moito máis perigoso do que imaxinaba. Edward sálvaa dun diabólico vampiro, pero tal vez os seus problemas non fixeron máis que empezar.
En Eclipse, a terceira parte, Bella atópase unha vez máis en perigo, pero ademais terá que elixir, entre o seu amor por Edward e a súa amistade con Jacob... sabendo que a súa decisión pode desencadear a loita intemporal entre vampiros e homes-lobo.
Veña, non apalanques os libros, que hai cola agardando.
Escribe o teu comentario, a ver se alguén se anima con esta historia romántica con toques de terror.