16/03/16

NOVIDADES

Estas son algunhas das nosas novidades:

08/03/16

DÍA DA MULLER 2016. AS NOSAS RECOMENDACIÓNS





Podedes atopar todos estes recursos na nosa Biblioteca.

DÍA DA MULLER


O Día Internacional da Muller, que xurdiu das actividades dos movementos obreiros a finais do século XX en América do Norte e Europa, pasou a ser un momento de reflexión sobre os progresos alcanzados, un chamamento ao cambio, e unha celebración dos actos de valor e determinación tomados por mulleres correntes que desempeñaron un papel extraordinario na historia dos seus países e as súas comunidades.
Se queres coñecer algún destes retos, accede ao seguinte mapa interactivo, que recolle  “a experiencia de mulleres que se negaron a resignarse ante unha inxustiza, unha traxedia ou a tradición dos seus países”.



Este ano, o lema da ONU para conmemorar o Día Internacional da Muller é "Por un Planeta 50-50 en 2030: Demos o paso para a igualdade de xénero". Nesta ocasión a celebración centrarase na adopción de novos compromisos por parte dos gobernos baixo a iniciativa “Demos o paso”. O obxectivo deste proxecto é conseguir que  todas as mulleres e as nenas teñan as mesmas oportunidades e os mesmos dereitos de aquí a 2030. “Demos o paso” pide aos gobernos realizar compromisos nacionais que poñan fin á brecha na igualdade de xénero.
Algúns dos compromisos adoptados polo noso país, para o que a loita contra a violencia de xénero é unha “prioridade nacional”, son os seguintes:
-           Organizar campañas de sensibilización para loitar contra os estereotipos, promover a igualdade de oportunidades e combater a violencia contra as mulleres.  
-           Dotar o Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades 2014-2016  cun orzamento de 3,1 millóns de euros.
-           Promover a participación e o liderado das mulleres na vida política, económica, social e cultural, a través da iniciativa “Máis Mulleres, Mellores Empresas”, destinada a impulsar a participación equilibrada nos postos directivos das empresas.
Compromisos necesarios, sen dúbida, xa que a ONU suspende a España en políticas de igualdade. Esa é a conclusión á que chegou  un informe presentado o 24 de xullo do ano pasado por parte da Convención pola Eliminación de todas as formas de Discriminación contra as Mulleres (CEDAW), no que se analizaban os parámetros esenciais do noso país en malos tratos, equidade salarial ou educación en igualdade.

En todo caso, non debemos esquecer que lograr a igualdade de xénero é responsabilidade de todos, e que debemos seguir loitando para que o maior risco ao que teñamos que enfrontarnos non siga sendo ter nacido muller.