31/12/11

O APALPADOR

O apalpador ou pandigueiro é un personaxe ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Courel e O Cebreiro,aínda que se está a recuperar en toda Galicia. O apalpador baixa a noite do 24 ou do 31 de decembro para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura.
Este ano, ademais de castañas, ímoslle pedir ao apalpador moitos libros e poucas tesoiras, para que o ano novo nos traia un ensino público de calidade para todos e todas.

30/12/11

CENTENARIO DE CUNQUEIRO


No 2011conmemorouse o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. O día 17 de decembro, deuse remate na vila natal deste grande fabulador, Mondoñedo, a este ano cunha homenaxe "A noite de Merlín", na que se desenvolveron diversos actos, entre eles a posta en escena polas rúas da COMITIVA DOS POBOS DAS TERRAS DE MIRANDA 
 seguidamente levouse a cabo a representación do teatro musicado baseado na obra de Cunqueiro MERLÍN E FAMILIA, para rematar cun espectáculo de pirotécnia A LUZ QUE VOLVE A MIRANDA e unha queimada popular A BREBAXE DA FELICIDADE

Nestes actos participou moita xente de Mondoñedo, dende nenos moi pequenos até xente maior. Foi un espectáculo cheo de cor, de música e de fantasía que gustou a todo o mundo.

21/12/11

SOLSTICIO DE INVERNO



Hoxe, día 21 de decembro, rematamos o trimestre no instituto. Esta é unha data moi especial, xa que nela conmemoramos o solsticio de inverno, que é o momento do ano en que o sol está nunha posición máis afastada con respecto ao Hemisferio Norte, polo tanto trátase do momento no que menos luz recibe.


Na antiga cultura celta, era esta unha época de renovación e esperanza. Supuña o final dun ano e a fin da escuridade, así como o nacemento dun novo sol. Polo tanto, era unha época na que se celebraban infinidade de festas e rituais.

Na Idade Media, a Igrexa trasladou a celebración das festas da natividade a esas datas para tentar desviar a atención dos festivais pagáns e facelos desaparecer.

Era tradición poñer ramiñas de acivro nas portas das casas, porque era sinal de invitación para que as fadas da fortuna entrasen.

No instituto realizáronse diversas actividades: partido de fútbol, festival musical, malabarismos, xogos de mesa... A biblioteca encheuse de alumnos/as que se divertían xogando.



Feliz solsticio de inverno 2011. Que as fadas da fortuna entren nos nosos fogares e no instituto e nos traian moita felicidade e un ensino público e gratuíto para todos e todas!


20/12/11

ENTREGA DE PREMIOS

Hoxe entregáronse os premios aos gañadores e gañadoras dos concursos de relatos do Samaín e dos microrrelatos en contra da violencia de xénero.
Había tres categorías para cada un dos concursos e dous premios por cada unha delas.
O alumnado premiado foi:

CONCURSO DE MICRORRELATOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

1º CICLO:

1º PREMIO: Belén Ayude Puga (S1A) con: Unha historia para contar
2º PREMIO: Sara Fociños Astrar (S1A) con Os contos non sempre acaban ben.

2º CICLO:

1º PREMIO: Paula Zas Castro (S4A) con Maltrato á muller
2º PREMIO: María Méndez Montero (S4A) con Maltrato ás mulleres.

BACHARELATO:

1º PREMIO: Xácome Laya Sánchez (2º BAC A) con un microrrelato sen título.
2º PREMIO: Ana Ayude Puga (B1A) con un microconto sen título.

CONCURSO DE RELATOS DO SAMAÍN

1º CICLO:

1º PREMIO: María Ramos ( S2A) con Unha noite máxica
2º PREMIO: Aida Couso Prieto (S1C) con A fin de semana máxica.

2º CICLO:

1º PREMIO: Jennifer Varela Martín (S4A) con Lenda do día de defuntos.
2º PREMIO: Beatriz González Varela (3º PDC)con A veciña

BACHARELATO:

1º PREMIO: Sandra Amboage (B1A) con O Tatuador
2º PREMIO: Ana Ayude (B1A) con O conto da avoa.

Se queredes ler os relatos e microrrelatos premiados, podedes consultar o blog ARTEFACTO.