22/12/17

AGASALLA UN PRÉSTAMO

Este Nadal na biblioteca Xaquín Yebra puxemos en marcha a campaña "Agasalla un préstamo". Trátase de algo moi sinxelo: escollemos unha lectura ou película da biblioteca pensando en que pode gustarlle á persoa á que queremos agasallar e a solicitamos en préstamo para que ela a lea durante o Nadal. Logo procuramos preparar o mellor posible o noso agasallo, facemos un fermoso paquete con materiais reciclados, porque está claro que ademáis de gratuíto o noso galano ten que ser ecolóxico, engadimos unha tarxetiña e alá, a disfrutar.
Nesta última semana lectoras/es de todas as idades buscaron inspiración nos andeis da nosa biblioteca para facer o seu agasallo.
Está claro que non necesitamos gastar diñeiro nin consumir para facer facer un regalo magnífico, e que as mellores lecturas non teñen prezo. Agasalla un préstamo

11/12/17

CINE E DEREITOS HUMANOS

Utilizando como fonte a páxina de Amnistía Internacional "El cine i la Declaració Universal dels Drets Humans",  fixemos unha selección de títulos de películas para traballar na aula cada un dos 30 dereitos, 21 dos cales temos na biblioteca.
Na páxina mecionada faise unha proposta máis ampla e proporciónanse tanto ficha técnica como suxestións didácticas sobre cada película.




DÍA DOS DEREITOS HUMANOS: AS SÚAS DEFENSORAS.

Unha defensora dos dereitos humanos  é  unha persoa que traballa, de maneira pacífica, en favor de tódolos dereitos  proclamados na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Pode facelo  informando ó  público sobre violacións  de dereitos humanos ou promovendo campañas para a promoción e protección destes  dereitos. Defensores de dereitos humanos poden ser avogados que defenden a causa dos presos políticos  e o seu  dereito  a un xuízo xusto; nais de desaparecidos  que marchan para esixir a verdade sobre a sorte dos seus  fillos; comunidades campesiñas e indíxenas  que se organizan para defender o recoñecemento dos seus  dereitos; organizacións que loitan  contra a impunidade dos  autores de violacións  dos  dereitos  humanos. Esta "loita" polo respecto dos Dereitos Humanos é en moitos  países unha actividade de alto risco, e os  grupos e individuos que se comprometen nesta  vía son moitas  veces o  obxectivo prioritario de autoridades e de grupos privados que recurren a  desaparcións forzadas, execucións, detencións arbitrarias ou á tortura para facelos calar.

Este 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, queremos visibilizar e respaldar a importante labor destas persoas presentando, de forma moi resumida, as accións dalgunhas delas. Nesta selección intentamos incluír a persoas de diferentes procedencias, de épocas dispares, algúnhas coñecidas e outras non, e defensoras de moi distintos dereitos. Podemos e queremos  completar este listado coas túas suxestións.

01/11/17

QUINCENA DA MEMORIA HISTÓRICA

No comezo de novembro vimos de finalizar a Quincena da Memoria Histórica, coordinada pola Biblioteca e o Departamento de Xeografía e Historia, como estrea do tema de traballo monográfico deste curso, Anonim@s, que como dixemos máis abaixo pretende rendir unha homenaxe aos milleiros de homes e mulleres descoñecidos que contribuíron a crear o patrimonio cultural e neste caso concreto, o noso legado histórico.
Na segunda metade do mes de outubro poidemos disfrutar nos corredores da planta baixa da exposición “Exilio e Deportación. Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei e Boborás aos campos nazis” que facendo un seguimento da biografía destes dous galegos que acabaron nos campos de concentración alemáns, explica o final da Guerra Civil española e o terrible destinos de milleiros de españois, así como as características e condicións de vida nos stalags nazis. Un bo número de alumnos e alumnas visitaron a exposición e fixeron cuestionarios e traballos, algún deles espectacular, como o caderno que se pode ver nas fotos de abaixo, obra de Anita Fuciños, de 2º de ESO A.
Un dos galegos nos que se centra a exposición, Joaquín Balboa, foi coprotagonista do documental Mauthausen, regreso ao campo da morte, que en 1989 dirixiu o xornalista da TVG Manuel Torrente, quen presentou o documental e moderou un coloquio entre o alumnado de BAC o pasado 23 de outubro no noso centro.
Tamén puidemos contar coa presenza da xornalista Montse Fajardo, quen deu a unha charla ao alumnado de 4º de ESO sobre a represión que sufriron mulleres galegas despois do golpe de estado do 36. Moitas destas estas historias están recollidas no seu libro Un cesto de mazás, do que limos algún relato no club de lectura.
Durante todos estes días tamén tivemos expostos na nosa biblioteca Xaquín Yebra materiais relacionados con este tema: cómics, libros de historia, novela, películas... Un destes cómics, Deportado 4443, remata coa seguinte frase: "Sempre alerta, irmán de infortunio e sufrimento. Sempre alerta, se queremos que alqueles anos de agonía non volvan", que resume ben o noso principal obxectivo desta quincena de actividades.
Quincena da memoria histórica

24/10/17

DÍA DAS BIBLIOTECAS: "BIBLIOTECAS NA SEGUNDA REPÚBLICA"


Bibliotecas en la Segunda República from soigca

Co gallo do "Día das bibliotecas" e dentro da "Quincena da Memoria histórica", fixemos esta  presentación. É a nosa pequena homenaxe a todas aquelas persoas que durante este período participaron no labor de alfabetización e mellora do nivel educativo e cultural dos sectores máis desfavorecidos da poboación española, fundamentalmente, os campesiños, obreiros, nenos e habitantes de lugares de difícil acceso, labor no que desempeñaron un papel moi importante as bibliotecas e @s bibliotecari@s. E non nos podiamos esquecer daqueles que traballaron duramente para preservar o tesouro bibliográfico e documental, ameazado por todo tipo de perigos durante a guerra civil.

A continuación, adxuntamos o enlace dunha relación de preguntas e actividades sobre a presentación:
https://drive.google.com/file/d/0B42Ec5ZVXoHRX0dDdHU5QldEelE/view?usp=sharing



23/10/17

DÍA DAS BIBLIOTECAS


Este curso 2018-19 escollemos como lema “Mudamos fronteiras por pontes, inspirándonos no tema Fronteiras de Guadi Galego.  Baixo este lema consideramos que teñen cabida todas aquelas iniciativas que conlevan o obxectivo de artellar estratexias de achegamento a realidades que nos resultan incómodas, cara ás que temos prexuízos ou que sentimos alleas.  E dentro destas iniciativas está o xerme que deu lugar a elección desta temática de traballo: as emocións, a linguaxe non violenta, a resolución de conflitos, a razón e a lóxica frente ás respostas violentas, a convivencia desde as diferencias.
Enlazando isto co Día das Bibliotecas, queremos destacar o papel da biblioteca de Daraya, en Siria, biblioteca  que foi un oasis de cultura durante a guerra para habitantes deste poboación.


SAMAÍN 2017: CERTAME LITERARIO E CONCURSO DE EPITAFIOS

A VICEDIRECIÓN, A BIBLIOTECA, o EQUIPO DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA e o DEPARTAMENTO DE LINGUA GALEGA do IES de Melide, convocan:
- O certame literario "Relatos terroríficos Samaín 2017" para o alumnado de 1º e 2º ESO.
- O  concurso de  epitafios "RIP, RIP, HURRA!" para o alumnado de 2º e 3º ESO, 1º e 2º de Bacharelato, ESA, EBI, FP Básica e Ciclo de Madeira.
Aquí tes as bases:

“RELATOS TERRORÍFICOS SAMAÍN 2017”
BASES:
1.     Poderá participar no Certame todo o alumnado de 1º e 2º ESO.
2.    Os relatos presentados deberán ter un carácter “terroríficamente aterrador” e estar relacionados co momento do Samaín.
3.    As obras presentadas deberán estar escritas en lingua galega.
4.    A extensión dos traballos a presentar é libre.
5.    Os traballos, nos que se farán constar os datos do/a autor/a, deberán presentarse na Biblioteca.
6.    prazo de entrega comeza o luns 23 de outubro e remata o venres 3 de novembro no recreo.
8.    Os premios serán entregados nun acto que terá lugar  na Biblioteca nun data a determinar.
9.    PREMIOS:
Haberá premios para o primeiro, segundo e terceiro seleccionado, aos que lles corresponderá:
1º Premio:Tres semanas de bocatas gratis na cafetería do centro e un libro de temática terrorífica.
2º Premio: Dúas semanas de bocatas gratis na cafetería do centro e un libro de temática terrorífica.
3º Premio: Unha  semana de bocata gratis na cafetería do centro e un libro de temática terrorífica.

"RIP, RIP, HURRA!!”
BASES:
1.     Poderá participar no concurso  calquera alumno ou alumna do centro de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de bacharelato, ESA, EBI, FP Básica; Ciclo de Madeira.
2.    A participación será individual. Os  textos deben ser orixinais e inéditos.
3.    Valorarase que sexan enxeñoso, pero non poden ser ofensivos nin incluír groserías.
4.    Os traballos poden presentarse en diversos materiais (cartulina, cartón, poliexpán…) ou outros materiais reciclables, pero procurando imitar unha lápida (campa) . As  dimensións non  podrán exceder de DIN-A3 ou DIN-A4.
5.    Os epitafios deberán estar escritos en lingua galega.
6.    Os traballos, nos que se farán constar os datos do/a autor/a, deberán presentarse na Biblioteca.
7.    O prazo de entrega comeza o luns 23 de outubro e remata o venres 3 de novembro no recreo.
8.    Os premios serán entregados nun acto que terá lugar nunha data a determinar na Biblioteca.
10. Categorías:
Epitafio ( valorarase, especialmente, o texto )
         Lápida ( valorarase especialmente o deseño )
11.  Premios::
Haberá tres premios por categoría, en forma de vales, e que poderán trocarse    en calquera librería de Melide.









18/10/17

ANÓNIM@S: QUINCENA DE "MEMORIA HISTÓRICA"

A  exposición “Exilio e Deportación, de Monterrei e Boborás aos campos nazis”, estará disponible nos corredores da planta baixa do instituto do 16 ao 30 de outubro. Esta exposición é parte da homenaxe que a asociación cultural ‘Monterrei, cultura e territorio’ lle tributou ao veciño de Estevesiños (Monterrei), Joaquín Balboa, preso no campo de Mauthausen durante a II Guerra Mundial, no verán do 2016, e cremos que pode ser unha boa introdución ao tema Anonim@s, en torno ao cal vai xirar este ano o traballo da biblioteca.

O obxectivo é dar a coñecer as experiencias vividas polos exiliados republicanos españois deportados aos campos nazis, tendo como referencia os casos concretos de Joaquín Balboa (deportado ao principio da II GM) e Antonio Pérez (de Boborás, membro da Resistencia francesa). Procurouse, tamén, que as mulleres tivesen o espazo que lles corresponde entre as vítimas do fascismo, con Mercedes Núñez Targa como exemplo máis próximo. Concienciarnos  da necesidade de estar vixiantes e loitar para que non se volva repetir a traxedia vivida polos republicanos españois, segue a ser moi necesario hoxe.

O alumnado de 1º e 2º de BAC  tamén asisitira a proxección do documental da TVG protagonizado por Joaquín 'Mauthausen, regreso ao campo da morte' e a unha charla coloquio moderada por Manuel Torrente, o seu director, o próximo luns 23 de outubro.


Estes días na biblioteca faremos unha exposición de libros relacionados con este tema.

O alumnado de 4º de ESO de historia tamén asistirá o mércores 25 de outubro a unha conferencia impartida por Montse Fajardo, autora do libro "Un cesto de mazás", que rinde homenaxe as mullleres vítimas do 36, e do que estamos a ler algún relato no club de lectura.

Podes ver aquí o programa :.Quincena de "Memoria histórica"



17/10/17

ANÓNIM@S

Presentámosvos o tema sobre o que traballaremos este ano: "ANÓNIM@S" .  Por que anónim@s? Porque englobamos baixo este título a cultura de autor anónimo ou pouco coñecido, en especial as autoras , as mulleres que quedaron nas marxes da Historia pola súa condición feminina. Tamén  a cultura popular e aqueles homes e mulleres que dende a súa condición de pequenos protagonistas forman parte do noso legado cultural e histórico.
Cremos que, ademais, enlaza perfectamente co monográfico dos curso pasado, o 50 aniversario do centro: os pais, nais, alumnado, profesorado, persoal non docente, equipos directivos, ...que formaron e forman parte desta comunidade educativa, son os pequenos e grandes protagonistas desta andaina de medio século.

15/10/17

RenovArte

Fronte a porta da biblioteca estase a usar un panel de cortiza para colocar anuncios, novas, recortes de prensa, ... que teñan relación co mundo da arte. Exposicións, subastas, películas, como a da amizade rota entre Paul Cézanne e Emilio Zola.
O epígrafe é RenovArte e está a aberto a todas as persoas que teñan algo que contar do mundo do deseño, a moda como manifestión creativa, a decoración e as artes plásticas.


NOVIDADES

https://issuu.com/soniaiglesiascastro/docs/novidades_setembro

INVESTIGANDO NA BIBLIOTECA

Na primeira semana de setembro, na biblioteca  organizamos unha visita guiada para o profesorado e personal non docente, e unha actividade   de investigación  para o alumnado de 1º ESO, ambas co obxectivo de dar a coñecer os recursos e servicios da biblioteca e como acceder a eles, así como suscitar o interás cara o seu uso.


Sonia Iglesias Castro de Slidely by Slidely Slideshow

24/09/17

BENVIDAS!


Comezamos un novo curso no que compartiremos lecturas, actividades e soños. O lema proposto para a campaña anual de bibliotecas escolares é: "Aprende a pensar coa bilblioteca escolar", pois “este é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir. Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas"


21/05/17

ACTIVIDADES DA SEMANA DAS LETRAS



Para conmemorar  as Letras Galegas 2017,  leváronse a cabo as seguintes actividades:

- Exposición de nubes de palabras deseñedas polo alumnado de TIC de 1º de Bacharelato.
- Luns 15 de maio: Pequena improvisación teatral a cargo do grupo TEIROA.
- Reparto dun pequeno agasallo conmemorativo.
- Reparto dun  tríptico sobre vida e obra de Carlos Casares.
- Martes 16 de maio: Participación no festival das Letras organizado pola asociación AMARAI.
- Exposición de libros de Carlos Casares na Biblioetca do centro.
- Presentación das novidades en galego adquiridas este curso 2016-17 para a Biblioteca.
- Exposición do conto "A Galiña Azul" ilustrado por alumnos de 1º ESO.





Letras Galegas 2017

19/05/17

NOVIDADES EN GALEGO

A semana das Letras presentamos todas xuntas as novidades en galego adquiridas pola Biblioteca do centro durante o presente curso ata primeiros de maio. Están no taboeiro da biblioteca e agora tamén no blog.


15/05/17

12 DE MAIO: DÍA ESCOLAR DAS MATEMÁTICAS

Para conmemorar o día Escolar da Matemáticas, o venres  12 expuxemos  no corredor da biblioteca o resultado de varios traballos realizados por grupos de diferentes niveis ao longo da segunda avaliación e principios da terceira:

1.- "¿Que é o número Pi?, traballo de investigación feito polo alumnado de 1º ESO.
2.- "Roscón Matemáticos", realizados polo alumnado de 2º e 4º ESO.
3.- "Fibonacci está entre nós", traballo de investigación sobre a presencia da serie de Fibonacci ao noso redor, feito por alumnado de 3º ESO.
4.- Proxección de dous vídeos con contido matemático realizados por alumnado de 3º e  4º ESO.

Durante o recreo,  os alumnos Xoel e Lía (1º ESO)  déronnos unhas nocións básicas para a resolución do cubo de Rubik 3x3x3, ademais de confeccionar uns carteis con información sobre este puzzle tres dimensión e as súas variantes. Puidemos tamén disfrutar da exposición de máis de 50 cubos de Rubik e variantes gracias a eles,  Patricia (1º BAC) e Dolores (3º ESO), que nos cederon por un día as súas pezas.

Algúns animáronse a facer figuras co Tangram, xogar ao tres en raia ou tratar de trasladar a torre dun pao a outro seguindo as normas das Torres de Hanoi,  tamén durante o recreo.

Ao longo da xornada, o alumnado de 2º ESO  que elaborou os roscóns, púxoos en practica cunha competición,  e o resto xogou ao parchís, que nesta ocasión tiña, en cada casilla,  unha cuestión matemática con contidos traballados neste nivel ao longo do curso.

Na biblioteca montamos unha pequena exposición con libros nos que se combinan matemáticas con retos, maxia, teatro, asasinato, intriga, diarios, sonrisas, arte, ...

!Gracias atodos pola vosa colaboración e facernos disfrutar das Matemáticas!


Sonia Iglesias Castro de Slidely by Slidely Slideshow

05/05/17

SEMANA DO LIBRO: ¿COMO O CELEBRAMOS?

Como anunciabamos na entrada anterior, empezamos a semana do libro combinando poesía e gominolas cos "Canapés literarios", canapés que prepararon e repartiron alum@s de 1º de ESO durante o recreo.!En menos de dez minutos non quedaba nada! !Soubo a pouco!
Tamén o alumando de 1º de ESO decorou o corredor principal con cartaces adicados ao Día do Libro e ilustracións de poesías de distintos autores, e podemos disfrutar da presentación que elaboraron para compartir con nós os seus libros favoritos en galego. O alumnado de 4º de ESO fíxonos recomendación de libros en lingua castelá. ¡Xa tomamos nota de libros para o verán, que está aí, á volta da esquina!
O alumnado de 1º e 4º de ESO cedeu á biblioteca para a súa exposición dúas xoias resultado dos “Obradoiros de escritura creativa” : “Libro Partido” e “Jitanjáforos!
O luns achegouse ata o centro Diego Horschovski para presentar ao alumnado de 1º de bacharelato e 4º de ESO “LUME”, revista de Filosofía. ¡Iniciativa moi interesante e valente!
Os departamentos de latín e grego desenvolveron, un ano máis, un obradoiro de escritura, convertindo a biblioteca do Xaquín Yebra do IES de Melide en biblioteca de Alexandría por un día. O martes no recreo a biblioteca encheuse de copistas ataviadas como antigas gregas e romanas que escribían textos clásicos latinos e gregos sobre papiro utilizando un cálamo. A realización deste obradoiro non sería posible sen o apoio incondicional do profesorado e alumnado do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que fabricaron uns cálamos de altísima calidade, umbilici para enrolar os pairos e unha espectacular cadeira klismos.
O mércores proxectamos durante o recreo os traballos feitos polo alumnado de PMAR sobre o escritor galego Valle Inclán, e a poetisa madrileña Gloria Fuertes, de cuxos nacementos cumpríronse, ao longo deste curso, 150 e 100 anos respectivamente. Achegáronnos dun xeito moi ameno e visual á vida e obra destes dous escritores. Desde a biblioteca quixemos completar a homenaxe a estes dous autores e outros dos que no 2017 se celebraba algún aniversario coa exposición “Vai de aniversarios”. Rematamos a semana coa segunda edición da “Feira de Intercambio de libros".
¡Gracias a todos e todas pola vosa colaboración e parabéns polos traballos feitos!



20/04/17

24 - 28 DE ABRIL: SEMANA DO LIBRO.

O día internacional do libro e dos dereitos de autores é o 23 de abril. Como este ano é domingo,trasladamos á semana do 24 a súa conmemoración.
Presentamos a continuación as  actividades previstas:


08/04/17

OS MOBLES DE HAI 60 ANOS

O departamento de madeira segue a sorprendernos coa súa vea creativa. Nesta ocasión, e inspirados de novo pola conmemoración do 50º aniversario do IES de Melide, fan un repaso pola década dos 60 do s. XX, época na que comezou a súa andaina o IES de Melide. Parabéns por este traballo que fará as delicias dos máis vetranos da nosa comunidade escolar, que poden/podemos ver escenas, mobles e obxectos cotiáns da infancia ou xuventude. En que fogar non había unha vaixela duralex, as famosas latas de colacao, que volven estar de moda, ou un clásico sofá de skay marrón?

03/04/17

Día das Artes Galegas 2017: Maruja Mallo

O Día das Artes Galegas celebra e reivindica este 1 de abril a vida e a obra de Maruja Mallo, a universal pintora galega nada en Viveiro en 1902, protagonista da explosión de creatividade dos anos previos ao golpe franquista e cuxo talento seguíu desenvolvendo ata os últimos anos da súa vida, que remataba en 1995 en Madrid.
Nesta presentación recollemos unha breve biografía e unha inrodución á súa obra,á espera da estrea da curta que o alumnado de Artes Escénica de 2º de bacharelato está a facer a partir da adaptación dunha obra de teatro sobre esta muller vangardista, moderna, comprometida e, sobre todo libre.



CONTACONTOS MITOLÓXICOS NO CEIP MESTRE PASTOR BARRAL

Os pasados 30 e 31 de marzo o alumnado de cultura clásica de 3º B e C do IES de Melide visitou o CEIP Mestre pastor Barral de Melide para contar contos mitolóxicos ao alumnado, convidados polo equipo de biblioteca que coordina Luísa Martínez.
Organizados en seis equipos, de dúas a catro persoas cada un, as alumnas e alumnos de clásicas prepararon os mitos de Teseo e o Minotauro, Perseo e a Medusa, Orfeo e Eurídice, os Doce Traballos de Heracles, a Odisea e a Guerra de Troia adaptados aos diferentes niveis de primaria. Estes contacontos, concebidos en orixe como actividade de biblioteca e club de lectura, foron un procedemento máis de avaliación mediante unha especie de rúbrica que guiase ao alumnado nos aspectos se ían valorar.
Era a primeira vez que nos embarcábamos en algo semellante e tivemos moi pouco tempo para preparalo, só unha clase para facer un esbozo dos guións e dúas tardes de ensaio en horario extraescolar, porque as dúas horas semanais da cultura clásica de 3º non dan para moito.
Aínda que houbo erros varios, o resultado foi espectacular. Usáronse diferentes recursos escénicos como música, monicreques, indumentaria e accesorios varios e, sobre todo, unha gran forza narrativa que case tod@s conseguiron sacar e empregar. Foi unha actividade sinxela que nos servoi para aprender a traballar en equipo e organizarse, botar man da creatividade, aprender a falar en público e tratar de empatizar cos receptores da nosa mensaxe. Tamén foi unha boa oportundidade para descubir o potencial de cada quen, por fin saíron a luz un montón de talentos ocultos!
Pero o mellor de todo foi o noso público, as nenas e nenos do colexio Mestre Pastor Barral e as súas profesoras e profesores que nos deron unha acollida tan cálida e agarimosa. Non tedes máis que mirar as súas caras nas fotos. Grazas de corazón e, se nos convidades para o ano que vén, volvemos con máis e mellor!!
Contacontos mitolóxicos

22/03/17

MACHISMOS: DE MICRO NADA

Esta afirmación rotunda e con algo de retranca é o título que o colectivo Fiadeiras deu ao libro que se presentou no IES de Melide o pasado luns, 13 de marzo, no marco das actividades conmemorativas do día da muller.
Esta interesante publicación vén ser unha reflexión sobre os modelos e estereotipos sexistas que seguen presentes na nosa vida cotiá a través de relatos de mulleres e homes con moi diferentes contextos, cancións, viñetas, poemas e outros fragmentos literarios.
Comezamos a actividade cunha dramatización do grupo Teiroa con textos do libro adaptados por Marga Quintela para sorprender e agasallar a Tania e Natalia, as dúas Fiadeiras que se achegaron ao centro. A continuación elas organizaron un pequeno obradoiro, explicáronnos o labor das educadoras sociais e tratamos algúns aspectos do libro, entre eles esa retranca do título, que xorde como réplica ao termo acuñado polo psiquiatra Luís Bonino para definir as condutas "invisibles", machistas e dominantes, que moitos homes pratican no seu día a día.
Ao ser un gupo pouco numeroso, a actividade resultou moi agradable e que o tempo se nos fixo pouco.
Machismos: de micro nada

10/03/17

AS NOSAS MULLERES

Nas aulas de 1º de ESO e Reforzo e PMAR de 2º estivemos a facer un pequeno traballo colaborativo para recoñecer a importancia das mulleres que están máis perto de nós para celebrae o 8 de marzo. Elas están sempre traballando, quérennos, cóidannos e sempre están pendentes de que non nos falte nada.

07/03/17

A MULLER NA PUBLICIDADE DOS ANOS 60

Para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o Departamento de Madeira realizou esta magnífica escolla de imaxes publicitarias dos anos 60 nas que aparece a muller no contexto do fogar, co mobiliario como telón de fondo. En todas elas podemos ver a muller nos roles estereotipados de perfecta ama de casa, complaciente esposa e abnegada nai e sempre traballadora incansable. Nalgunhas delas a imaxe feminina, literalmente axeonllada ao lado do home, non necesita máis palabras. Non está demais recordar que a maioría destes anuncios semellan proceder de EEUU ou do mundo anglosaxón, culturas nas que se presupón que a muller estaba moito máis emancipada que na España da ditadura franquista. Sen embargo estas imaxes non difiren moito daquelas que conservamos da Sección Feminina española. Este sinxelo pero estupendo traballo que revisa a imaxe da muller hai 50 anos, enlaza tamén co noso tema de traballo monográfico para este curso sobre os 50 anos que o IES de Melide cumpre agora.

SEGUIMOS A TRABALLAR COS TRANSPLANTES

Como ben sabedes, no IES e Melide temos un grupo de traballo, dentro do Plan Proxecta, sobre transplantes de órganos que está formado por membros do Departamento de Madeira.
Todos recordamos aquela estupenda curta que no ano 2013 recibira o 1º premio dentro do III Concurso de Curtometraxes para Escolares relacionadas coa doazón e os trasplantes.
Agora o grupo segue a traballar ofrecéndonos esta interesante selección de películas que teñen como tema central o transplante e a doazón.

09/02/17

"SEGUE AS SÚAS PEGADAS. PONTE NA SÚA PEL"

            O 30 de xaneiro conmemórase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Nesta data facemos especial fincapé na necesidade de educar na tolerancia, a solidariedade, o respeto polo Dereitos Humanos, a non violencia e a paz.
            Este ano decidimos que o eixe central da nosa conmemoración debía ser o dos refuxiados co obxectivo principal de concienciar á comunidade educativa do IES de Melide sobre esta problemática de índole mundial . Tamén decidimos non concentralo  nun único día e otorgarlle así a importancia que require.
            Así, a día de hoxe, son varias e variadas as actividades que se levaron e están a levar a cabo relacionadas co tema dos refuxiados. Aquí recollemos algunhas delas.
            O luns 30 de xaneiro, alumnado de artes escénicas de 4º de  ESO e de reforzo de 1º de ESO, participou na montaxe dun “campo  de refuxiados” na entrada principal do centro.
            Neste campo, ao longo da semana e durante os recreos, o alumnado de Valores Éticos de 1º de ESO, reclamou a nosa atención e reflexión sobre a situación de Siria e dos desprazados procedentes deste país a través de cartaces de elaboración propia, ou portando imaxes de refuxiados coas súas demandas.
            O alumnado de Reforzo de 2º de ESO utilizou como aulas as tendas do campo. Cincuenta minutos fixéronse moi longos nesas condicións: frío, pouco espazo, incomodidade,... moi lonxe esta pequena  experiencia do día a día dun refuxiado  que sufre as inclemencias do tempo coa a  única protección dunha tenda de campaña, sen auga corrente, sen ou con escasa comida, sen aseos, ...
            O alumnado de PMAR elaborou dous murais explicativos sobre os países en conflito actualmente e os refuxiados.
            Na biblioteca construímos un espazo baixo o lema "Nós tamén fomos refuxiados. Nós tamén podemos ser refuxiados" no que se expuxeron cómics, libros e películas relacionados coa temática.
            En inglés, o alumnado achegouse á historia dunha familia siria que agora está refuxiada en Irak a través de diferentes actividades de aula adaptadas a cada nivel .
            O alumnado de 1º de ESO reflexionou sobre a problemática dos refuxiados a partir dunha historia real na materia de Lingua Galega.
            En 2º de ESO, na materia de Lingua Castelá, o alumnado traballou o formato entrevistas facendo uns de xornalistas e outros de refuxiados.
            Na materia de Matemáticas, un grupo de alumnos de 1º de ESO coñeceu as historias e seguiu o percorrido de nove persoas desprazadas de diferente procedencia, desde a saída forzosa do seu país ata o país no que se atopan actualmente. Marcaron eses percorridos no mapa e calcularon a súa lonxitude. 
            Esta semana de actividades culminou coa presentación dunha performance por parte do alumnado  de "Artes Escénicas" de 4º ESO na recreación do  "campo de refuxiados ",  na que  un membro do grupo, que representaba a UE,  escoitaba impasible e dándolle a espalda ó resto, que en primeira persoa, e intentando poñerse na súa pel, contaban a historia de refuxiados reais.
            Finalizamos esta entrada cun poema de Celso Emilio Ferreiro, unha adaptación do mesmo feita por Marga Quintela  e a reflexión que ela nos propón.


dia da paz_refuxiados by Slidely Photo Gallery

29/01/17

30 DE XANEIRO: DÍA DA ILUSTRACIÓN.

       Desde o ano  2014 -a iniciativa da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, AGPI, en colaboración coa  Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitariada Xunta de Galicia- celébrase  o  Día da Ilustración para poñer en valor o sector gráfico galego e para visibilizar a cultura da ilustración e o  diseño dentro do mundo do libro.
       Esta efeméride celébrase  cada 30 de xaneiro, coincidindo coa data de nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura clave da nosa  cultura non só na súa faceta política senón tamén como intelectual, creativo e divulgador que deixou a súa  profunda pegada plasmada a través de múltiples formas de expresión: ilustracións, caricaturas e escritos.
      Cada ano ríndese homenaxe a un ilustrador galego para dar a coñecer  a súa obra a lectores e  demais creadores. Este 2017 está adicado ó debuxante, caricaturista e humorista gráfico Álvaro Cebreiro (1903-1956).
     
       Vídeo-homenaxe: Cebreiro
       Breve vídeo web que percorre o universo creativo e as obras máis destacadas do ilustrador coruñés.


25/01/17

NOVIDADES




Unha eclipse de sol desata unha serie de situacións inesperadas entre uns personaxes ao límite da loucura: un agricultor que constrúe un foguete para fuxir da fin do mundo cos seus anciáns pais, un mozo que `pensa propoñerlle matrimonio á súa parella no momento no que se se superpoñen a Lúa e o Sol, ...

Joël Egloff retrata con humor e delicadeza nesta serie de relatos satíricos os desexos e medos máis frecuentes.








Americanah, que recolle o termo burlón co que os nixerianos chaman ós que volven de EEUU dándose aires, é unha historia de amor  ó longo de tres décadas e tres continentes, a historia de como se crea unha identidade á marxe dos dictados da sociedade e os seus prexuízos.





"Pequenos gandes xestos" é unha colección de libros ilustrados para que os rapaces e rapazas  se familiaricen con valores como  a tolerancia, a xustiza e a convivencia, animándoos mediante o exemplo a convertirse tamén en protagonistas da súa propia historia.




Este libro recolle historias de home se mulleres que dedicaron a súa vida a loitar poloa conservación da natureza. Jane Goodall, Peter Wilcox, Berta Cáceres,... son algúns exemplos que nos demostran que o ser humano debe coidar e protexer o medio ambiente polo ben das xeracións presentes e futuras



Este libro recollle a historia de homes e mulleres como Rosa Parks, Malala Yousafzai, Firas Maraghy... que loitaron polos seus dereitos convencidas de que todas as persoas nacen iguais.






Barcelona, 1943.
O asasino máis sanguinario que viu a cidade anda solto. Mauricio "Her Doktor", detective privado pouco convencional, aparcará a súa axenda para dar caza ó criminal. Polo de  agora,  os seus clientes deberán esperar, entre eles, Laia.
Laia é feliz...pero Laia vive unha mentira.

O novo cómic de de Rayco Pulido está próximo ao xénero negro. Pero nesta trama, o importante non será desvelar o quen, senón o como e o porqué.

15/01/17

PREMIOS ÓS MICRORRELATOS SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO

      O alumnado do IES de Melide demostrou unha vez máis que a literatura pode combatir a violencia de xénero. Foron moitos os microrrelatos que se presentaron á convocatoria lanzada desde este blog. O noso agradecemento  a todas as persoas participantes. Despois dunha longa e difícil deliberación por parte do xurado, os microrrelatos premiados foron:

1º ciclo de ESO: 

       " Nun corazón nunca se entra á forza, porque un corazón é libre. Non o abren ofensas nin insultos nin desprezos, e moito menos bofetadas" ( Lucas López Andrés, S1B)

2º ciclo de ESO e FP Básica:

       " Vi como llegó a casa sin mamá. Le pregunté donde la había dejado y me dijo que se había tenido que ir por motivos de trabajo y que no volvería. Pero no me cuadraba porque traía la ropa llena de sangre y la navaja medio abierta y  medio escondida. 
         Desde ese momento supe que mi madre estaba muerta" (Sandra Varela García, S3B)

Bacharelato e Ciclo Formativo:

       "Se eu non fose o val e el o pico da  montaña. Se as bágoas non enchesen a piscina que intenta ser baleirada. Se deixase de ser o paxariño necesitado. Se cada insulto fose substituído por un "ti podes con iso e con todo o que te propoñas". Se se cortasen,  dunha vez por todas, as raíces das árbore da que maduran os prexuízos...
        Só entón, quizais, non sería aquela noticia en primeira plana" (Iria Barreiro Vázquez, B1B)

PARABÉNS A TODOS/AS GAÑADORES/AS.