Valentín Paz-Andrade, nado no barrio pontevedrés de Lérez o 23
de abril de1898 e falecido en Vigo o 19 de maio de 1987, foi un xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galeguista.
Comezou
a interesarse na literatura e na cultura
de Galicia da man do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Foi tamén el quen lle presentou a Castelao, un dos intelectuais que máis influíron na súa obra.
Iniciouse no movemento galeguista, da man de Castelao, e
participa como orador na II Asemblea Nacionalista (1919) de Santiago de Compostela.
Durante
esa época tamén crea e preside o primeiro grupo galeguista estudantil en
Santiago, o Grupo Galeguista Galego de Estudantes. Anos despois presidiría en
Vigo o Grupo Autonomista Gallego (1930) e
militaría no Partido
Galeguista, participando activamente na súa fundación
en decembro de 1931.
Escribiu ensaios literarios, históricos e económicos,
nos que reflectiu a súa preocupación polo progreso de Galicia. Tamén escribiu
varias obras como técnico especializado en temas pesqueiros.
Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética
evidénciase unha motivación patriótica,
como se pode observar en Soldado
da morte (1921), Pranto matricial (1954), en que evoca a morte de
Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento (1968), en que canta a paisaxe e a
xente galega, ademais do exilio e o amor
ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero
Pedrayo (1986), en que
incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.
Aquí vai un anaco de Pranto Matricial.
Cando ti volvas
NA MATRICIAL GALIZA, SEMPRE TÚA,
que dend-a Torre d´Hércules ao Miño
un facho acenderá por cada illa,
cando ti volvas pol-o mare;
de toxo unha fogueira en cada monte,
cando ti volvas pol-o mare;
dos castros na coroa unha cachela,
cando ti volvas pol-o mare;
unha loura candea en cada pino,
cando ti volvas pol-o mare;
o seu cirio de frouma os alciprestes,
cando ti volvas pol-o mare;
luces de ardora branca en cada mastro,
cando ti volvas pol-o mare;
un farol mariñeiro en cada dorna,
cando ti volvas pol-o mare;
veliñas á xanela en cada casa,
cando ti volvas pol-o mare;
e as pérolas das bágoas derramadas,
cando ti chegues pol-o mare,
cando ti chegues pol-o mare...
Galiza, 1954
Ningún comentario:
Publicar un comentario