31/03/09

MULLERES TRABALLADORAS II

Desta vez presentamos unha pequena "selecta" dunha mostra exposta no interior da biblioteca: son escenas cotiás da vida da muller, reflectidas en instantáneas atopadas na rede: dende os traballos típicos do mar e do campo e o tempo de lecer até personaxes femininos pioneiros na súa época na política, coma Mª Purificación Gómez, alcaldesa da Cañiza, única muller galega en acadar este posto durante a segunda república. Elisa e Jimena Fernández de la Vega foron as primeiras mulleres universitarias galegas, ámbalas dúas licenciadas en Medicina e investigadoras cos doctores Gregorio Marañón e Nóvoa Santos; e mulleres de "antes" paseando pola rúa.
O traballo das primeiras mulleres, con labores non recoñecidos e, non por iso menos importantes, foron os piares das derradeiras. Grazas ó traballo polo recoñecemento da muller galega das nosas devanceiras, somos hoxe en día o que somos, cos mesmos dereitos e oportunidades que o sexo oposto, e aínda que xa levamos camiño percorrido, a loita pola igualdade dos sexos non debe cesar.

Conserveiras











Redeiras

Marisqueiras

Mulleres pola rúa




Alcaldesa republicana


Excursión parroquial


1ªs universitarias galegas


(Alumnas de 4ºA da Eso)

12/03/09

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER TRABALLADORA

Unha das actividades coas que dende o IES de Melide quixemos conmemorar o Día da Muller Traballadora, foi a elaboración dunha exposición de fotografías que reproducen Escenas da Vida Cotiá da Muller. No taboleiro exterior da biblioteca , e gracias á colaboración de distintos membros da comunidade educativa, pódense ver fotos en branco e negro e de cor sepia, algunhas delas, moi antigas, nas que vemos á muller traballando no agro, nunha conserveira, mariscando, remendando as redes, de paseo pola rúa na cidade, na praia ou no río, fronte á súa máquina de coser, na tenda ou taberna, nas "funcións" a un santo (que aínda se seguen facendo nas aldeas galegas) , no día da súa voda....ou simplemente posando nun espazo rural ou urbano, aproveitando as poucas ocasións en que tiñan unha cámara diante. En moitas desas fotos hai algo en común: case sempre están acompañadas de cativos, fillos, veciños, incluso nos ratos de lecer. Esa dobre función de "nai-traballadora", "nai-educadora", que aínda se segue a manter na actualidade, debido, en grande medida , á non asimilación dos varóns do reparto das tarefas, nunca será debidamente recoñecida e valorada.
Segundo datos contrastados, as mulleres efectúan as dúas terceiras partes do traballo do mundo. Producen entre o 60% e o 80% do alimento de África e Asia e o 40% do de América Latina. Sen embargo, só gañan unha décima parte dos ingresos do mundo e posúen menos do 1% das propiedades deste. Figuran entre as pobres máis pobres do mundo.
Se engadimos as situacións de violencia, agresión directa ou indirecta, discriminación laboral etc. que padece en todas as partes do planeta, a muller vive, con moita frecuencia, en condicións verdadeiramente dramáticas. É preciso algo máis que un día para lembralas. Como sempre, a primeira fronte é a educación dende a infancia de nenos e nenas, a interiorización do concepto de igualdade da dignidade persoal de cada quen, independentemente do seu sexo.
Esta é, sen dúbida, a primeira pedra sólida dos "cimentos da casa" que queremos construir. Que cada quen faga o que lle toque no seu posto. É unha carreira de fondo e haina que gañar. Porque gañaremos todos.
Na sección cinematográfica deste blog, www.biblomelidecine.blogspot.com, podes atopar a reseña de películas que tratan a fondo o tema da muller traballadora.